Dicía un humorista veterano, en linguaxe figurada, que os curas malos había que aforcalos coas tripas dos curas bos. As redes integradas de computación escalada, servíndose de chips nanométricos con milleiros de millóns de transistores, ofrecen usos positivos (os curas bos) que a intelligentsia tecno-oligarca aproveita para xustificar polo baixo os usos ruíns. Estes últimos remiten á intelixencia na acepción militar: saber o máis posíbel do inimigo, os seus movementos, capacidades e intencións, infiltrarse nas súas filas para atacalo nos puntos fracos no momento axeitado, confundilo para que se confíe ou dubide de se as intencións do atacante son reais ou simuladas, extravialo, esgotalo, asustalo, forzalo á rendición e sometelo para extraer o botín en forma de territorio, bens e obediencia. Nós somos o inimigo.
*
Alleo ao receo ou a desbandada de investidores en marcha, o director da Axencia Española de Protección de Datos afirma que “non empregar a IA sería como renunciar á electricidade”. É un “si ou si”. As afirmacións tallantes son carne de titulares pero cárgaas o demo. Na letra pequena afina o tiro pero o mal está feito, en negriña, a catro colunas. A mesma electricidade que ilumina as rúas alimenta a cadeira eléctrica. A instalación solar doméstica xera a mesma enerxía na base do negocio de Endesa, malia seren proxectos opostos. Se non matizamos parece que unha central nuclear é o mesmo que un muíño ou que a cadeira eléctrica é o prezo que debemos pagar para dispor de lámpadas ou tranvías.
Cando os modelos de linguaxe da IA non teñen resposta para unha consulta fabrican unha patraña.
*
A cesión de soberanía e axencia en favor das máquinas fainos perder abilidades cognitivas, control, intelixencia, dereitos e liberdades, pero non so. A interacción coas máquinas relega a nosa dimensión física e sitúanos no campo virtual, onde a mensaxe é que as máquinas poden facelo todo mellor que nós, supérannos en precisión e eficiencia e por iso permitimos que o noso acceso ao real sexa filtrado por elas, máis fiabeis e neutrais. O xeito das máquinas pasa a ser o real, ou hiperreal. O que nós percibimos ou a razón nos dita é secundario, son hipóteses, interpretacións nesgadas por prexuízos ou limitacións físicas e instrumentais. A referencia é a máquina. É o chiste do profesor que informa de que o termómetro marca 35 graos e un aluno comenta: “Bff. Non me estraña que vaia tanta calor”.
*
A propaganda máis efectiva dun medio tecnolóxico tan intrusivo e abrasivo como a IA non pon o foco nas vantaxes prácticas, iso levaría a discusións farragosas de pros e contras, a ter que demostrar para cada uso que o balance é positivo e solicitar aprobación do regulador, un caos. Mellor é a propaganda libidinal, que asocia a tecnoloxía co progreso humano, co abraio con que os cativos observan a maxia ou a ledicia psicotrópica con que os adultos se entregan á fe relixiosa. Quen se mostre crítico será reprendido en termos non racionais senón morais, por opoñerse ao ben común, por augafestas e agonías, un paria infiel de cuxas celadas ultrarracionalistas compre apartar coma do demo.
*
A intelixencia dos Modelos de Linguaxe Amplos funciona coma un tiro en sistemas pechados e abstractos: a linguaxe, as matemáticas, o xadrez. É o tipo de intelixencia que valoran os tests de coeficiente intelectual, ferramenta para xerarquizar e lexitimar a superioridade sobre os conxéneres, a dos escolantes “con altas capacidades” que tanto lles gustan ás familias de alcurnia e os gobernos da dereita, por algo a consellería de educación anda empalmada co tema. A consellería de sanidade vai orientando a atención do Sergas cara a cuestionarios online cunha rúbrica de corrección e triaxe automática. Feliz mundo novo! É a intelixencia do Pitagorín que multiplica mentalmente números de tres cifras, coñece o poder de cada pokemon ou todas as cidades que celebraron os xogos olímpicos da era moderna, esa persoa que en contornas analóxicas non dá pe con bola e temos por friki.
*
O algoritmo de Uber adéstrase para definir ata onde se pode forzar sen comprometer o negocio. Os prezos dinámicos adáptanse ao que o cliente está disposto a pagar en cada circunstancia: a tarifa elévase en horas punta, á saída de eventos, durante unha treboada ou en emerxencias. Quen solicite un servizo desde un móbil coa batería ao mínimo debe prepararse para un prezo elevado, unha oferta difícil de rexeitar porque o algoritmo, listo coma un allo, coñece ese dato.
Aeroliñas e promotoras de eventos musicais empregan algoritmos semellantes e os usuarios vense obrigados a protexérense adoptando un modo de navegación en incógnito. Nunha plataforma de alimentación con reparto a domicilio nos EUA, Instacart, comprobouse que o prezo do mesmo produto no mesmo día variaba ata un 23% dependendo dos datos agregados do historial de compras e buscas de clientes específicos: que tipo de series ven, a que restaurantes van, en que zona viven, que viaxes fan. Se pensabamos que os cartos eran o demo, que dicir dos pagos dixitais?
*
Cando os modelos de linguaxe da IA non teñen resposta para unha consulta fabrican unha patraña. Serán intelixentes cando aprendan a recoñecer a propia ignorancia. Nin sequera precisarán mudar de siglas: Ignorancia Artificial.





