O Núñez Feijóo que pedía moderación no Congreso en tempos de seu antecesor: “abonda xa desta caste de espectáculos”, agora renomea como voceira a marquesa de Casa Fuerte, Cayetana Álvarez de Toledo, punta de lanza daquelas soflamas incendiarias contra tirios e troianos, rivais e correlixionarios. O mesías providencial que chegara aclamado entre follas de palma, abandeirando o sentidiño e a orde interna, na Corte aprendeu a cadrarse, taconazo incluído, ante Aznar, Aguirre, Jiménez Losantos e a Carapuchiña Vermella do Balcón.
O peso de Feijóo redúcese ao dun holograma ou monicreque de ventrílocuo, mesmo se chegase ao goberno seguiría sendo así. O que conta é a estratexia de FAES, guerra aberta e deslexitimación sen fendas do goberno usurpado, salferida de ameazas e violencia verbal ou sotto voce por terra, mar e aire. O Estado de dereito só é lexítimo cando o pilota a dereita, en mans da esquerda é unha contradición nos termos. Para facer dixeríbel esa involución subversiva cómpre dar uns pasos que están ben estudados. A señora de Toledo é intelixente e lida, coñece o manual.
Cando os que non se conforman co estado de dereito carecen de datos desastrosos que invocar para poñelo en solfa, deberán crear unha atmosfera de emerxencia, se non para dar un golpe de estado, acusando os rivais de seren eles os que están a dalo.
Cando os que non se conforman co estado de dereito carecen de datos desastrosos que invocar para poñelo en solfa, deberán crear unha atmosfera de emerxencia, se non para dar un golpe de estado, acusando os rivais de seren eles os que están a dalo. Ambas opcións se teñen ensaiado, pero na primeira hai que asumir doses de violencia e tortura, etc. A segunda é máis práctica e o abismo e a apocalipse véndense ben. Fronte a esa ameaza inminente, acción directa: “o que pode facer, que faga”, “devolver golpe por golpe”, “pendurar a Sánchez polos pés”.
Cando nas concentracións fronte as ses dun partido político ou o Congreso, rezando o rosario con bonecas inchabeis, bandeiras do requeté ou cascos dos terzos de Flandes, insultando a prensa manipuladora, o reisiño que se cre rei ou á policía do “a por ellos”, VOX se xulga a vangarda, actúa coma un pelele que lle fai o traballo sucio ao PP, como llo fan os órganos xudiciais de excepción ou os militares que reclaman un putsch e limpeza radical. Entre todos crean a alarma e a histeria que fai posíbel que o PP se venda como saída conciliadora ao caos, nin pa ti nin pa min. “Da Lei á Lei pasando pola Lei”, no eslogan tardofranquista da Transición.
Restablecer a orde
O estado de excepción é o ideal tanto das autocracias parlamentarias coma do capital que se quere ceibo de restricións. Dise que Hitler chegou ao poder democraticamente, non se matiza que o fixo cunha minoría habilitada por un estado de excepción que lle permitíu mudar as regras de xogo a golpe de decretos-lei e á marxe do parlamento. O nazismo é un caso límite, o habitual é que a lei non se elimine, déixase en suspenso en favor dunha discrecionalidade lexitimada para imporse pola forza con carácter temporal. Canto máis tenda a indefinida, máis efectiva será, xusto os elementos contra os que se constrúe o estado de dereito para evitar as inxustizas e arbitrariedades que se derivan dos excesos totalitarios.
No estado de excepción substitúese a norma pola capacidade de alterar a norma “cando as circunstancias o aconsellen”, en atención a unha indefinida forza maior. Isto provoca unha inseguridade xeral, non saber a que aterse, que volve contradicir as bases do estado de dereito, nacido xustamente para evitar tal inseguridade. A lei é un mecanismo para fixar límites, o estado de excepción suprímeos. En circunstancias normais a cidadanía non o toleraría, por moito que se
lle diga que aquilo non é o que parece. O estado de alarma da pandemia axudounos a tragar esa pílula e fixo que non fose mal momento para atreverse a repetilo a conto de que rompía España.
O irónico é que o estado de excepción está contido na legalidade á que se opón. Non a elimina, baléiraa de contido e substitúea por unha estrutura interina paralela que axiliza a toma de decisións: os poderes executivos especiais e o decreto-lei, ditames de expertos, a policía, comisións de crise ou institucións non suxeitas a control que asumen competencias que antes non tiñan. A fin última é convencer a poboación de que un réxime eficaz para as situacións difíciles serao con máis razón para xestionar a normalidade. A alarma fomenta o discurso unánime de todos a unha, é preferíbel deixarse levar a nadar contracorrente. Cuestionar a emerxencia pode mesmo ser irresponsábel.
As consecuencias, todas favorabeis á doutrina reaccionaria: a neutralización dos parlamentos, a transposición da lóxica xerárquica e a gobernanza empresariais á política, a idea de que a despolitización é desexabel, as ideoloxías deben deixar paso ao sentido común, a redefinición de termos como liberdade, dereito, lexitimidade, representación… a mensaxe de que fronte a un problema serio, de verdade, o estado de dereito non serve, só serve para administrar os momentos de normalidade e rutina, a burocracia. Se as cousas se poñen bravas, para defender a unidade de España, os votos lexítimos fronte os ilexítimos, salvar a patria do comunismo, a descomposición moral e os bárbaros da periferia, toda excepcionalidade é pouca. A fauna cutre-pija concentrada en Ferraz, parafraseando a Belén Esteban, por defender a democracia, ma-ta!
O PP non busca un golpe pero pinta unha alarma caótica e apocalíptica para salvarnos dela. A volta de Cayetana é a gasolina perfecta para iluminar ese camiño. Hai meses a “indesexábel” dicía que “o constitucionalismo catalanista de Feijóo lle parecía unha galegada” e chamáballe hipócrita por non manifestarse con Vox malia gobernar grazas a eles. Un saúdo, Alberto.