Non todos os proverbios son antigos, nin chineses. A conto das eleccións galegas eu apliqueime aquel inglés que di: “Espera o mellor e prepárate para o pior”. Debo recoñecer que fixen máis do segundo que do primeiro porque na política galega semella funcionar coma un martelo a máxima de Gary Lineker: as eleccións galegas, coma o fútbol, son un deporte no que xoga o PP contra todos os demais e sempre gaña o PP, como Alemaña. O ex-goleador do Barça sabía que non sempre se cumpría o Deutschland Uber Alles pero describía a estrutura rochosa, case infranqueábel, da selección de Beckenbauer, como a do PP en Galiza.
Escribo isto cando os resultados parciais que anuncia o escrutinio, 40 deputados para o PP máis un para Jácome, deixan ás claras que non hai erosión. Nin é preciso agardar polo reconto do voto exterior para botarlle a culpa ao VAR. A ilusión ou ilusionismo dos últimos días lembroume a cando nos anos ‘70 os coruñeses do Chaston, campión de España de fútbol-sala, viñeran xogar varios torneos a Carballo contra a Laranxa Mecánica, equipa creada por un hostaleiro oriundo dos Países Baixos, composta por mozos da vila e con nome-homenaxe ao “fútbol total” de Johann Cruyff. O pavillón do Chorís estaba a rebentar, e o público incrédulo tivo que frotar os ollos para convencerse de que naquela atmosfera de humidade, fume, suor e euforia, gañabamos nós. David podía vencer a Goliat. As crónicas din que foi verdade, pero parece un soño.
Volvendo ás eleccións, desexaba o mellor pero estaba preparado para o pior, e estábao a conciencia. A data de entrega deste artigo mensual é o día quince. Temín verme apertado polo tempo e fixen dúas cousas: pedín un adiamento ata o dezanove para coñecer o resultado e decidín ir adiantando, escribindo o artigo coa versión máis probábel, que era a mala. En parte foi lacazanería, admítoo. Fun escribindo con mentalidade fatalista, e perdedora. Gato escaldado, da auga fría foxe. Se acertaba, o artigo estaba feito. Se erraba, mel nas filloas. O absolutamente improbábel non é imposíbel e, por respecto a Tempos, agardei ao trámite de coñecer o escrutinio para enviar o texto.
Como optimista informado e con máis eleccións no lombo das que lle recomendo a ninguén, teño a teima de que as eleccións as gaña o domingo. O venres previo estás nunha terraza á tardiña, observas a xente que te rodea e dis: “nin de coña! É imposíbel que o PP saque un voto de cada dous”. Ao sábado, cantas máis voltas lle dás, máis se lle vai poñendo cara de pre-domingo e no café comeza a entrarche o canguelo. O domingo, especialmente se somos de votar á mañá, durante o paseíño ata o colexio electoral xa nos cae a alma aos pes e dámolo todo por perdido. Onde está a xente da terraza do venres?
Mais voltemos ao fatalismo. Un dos triunfos da dereita en catro décadas case ininterrompidas de goberno sen alternancia é facernos sospeitar da nosa propia capacidade de observación e de raciocinio. Dicía Borges que o xornalismo se basea na falsa crenza de que todos os días sucede algo novo. Julio Iglesias, a banda sonora do PP, cantaba que uns veñen e outros van pero a vida segue igual. 38 deputados, 40, 42. Se tivésemos hibernado no ano ‘89 e espertásemos hoxe, apenas notariamos cambios a mellor atribuíbeis á Xunta. Como puideron os galegos e galegas seguir elixindo o presidente das fotos co narco e en Andorra? Tras a desfeita das Caixas, a multiplicación da débeda, a sangría demográfica e a emigración, os 300 venres negros da RTVG, as andanzas dos Baltar? Tras o abandono da sanidade ou a transferencia de fondos públicos á educación privada ou as corporacións enerxéticas? Tras o espolio da AP 9?
Nese caso tanto ten a crisiña dos pellets, o candidato triste, o desprezo pola lingua, a hipocrisía de Feijóo con JxC, as medidas á desesperada como pagar o chip dos cans cando non hai pediatras, o Show me the money de Jácome ou a froita de Ayuso…, tampouco desta ía ir.
Mundus vult decipi, ergo decipiatur, reza o dito latino atribuído aos gobernantes que afirmaban que o pobo prefire a maxia aos feitos e a razón: “o mundo quere ser enganado, pois que siga enganado”. Que a abulia ou atonía social se deba á manipulación sería desacougante. Que non se deba á propaganda é aínda máis desacougante. Que teñan razón os estrategas do PP e o seu partido sexa o que máis se parece a Galiza, que a xente vote consciente do anterior e sen remordementos. Nese caso tanto ten a crisiña dos pellets, o candidato triste, o desprezo pola lingua, a hipocrisía de Feijóo con JxC, as medidas á desesperada como pagar o chip dos cans cando non hai pediatras, o Show me the money de Jácome ou a froita de Ayuso…, tampouco desta ía ir.
Falouse da campaña pésima do PP pero eles fan dúas campañas, a fachada dos actos públicos e a rede clientelar. Cando gaña o PP, quen máis gaña con eles? Os puntos sensibeis con capacidade de influencia e mobilización encabezados polos medios maioritarios (rego de publicidade en troques da cal Rueda non asiste a un debate e redáctase que “Pontón e Besteiro evitan o debate”), diretivas de comisións de festas, confrarías, comunidades, fundacións, sociedades recreativas, clubs e asociacións deportivas ou culturais, círculos empresariais, colexios profesionais, feiras gastronómicas que parecen órganos de partido, etc. En definitiva, “a Galicia que funciona”. Pero isto son escusas. O que funciona é o PP, coma o PRI. Se puxese de candidato a Cañita Brava, gañaría o mesmo, escano arriba escano abaixo.
“Golpea mentres o ferro está quente”, reza outro dito inglés. Así, en quente, dan ganas de facerlle caso e arrenegar dun país para o que o 47% da poboación é irrelevante desde hai case medio século, máis alá de como pagafantas. Non o vou facer, vou parabenizar os votantes do PP, novos e vellos, do interior e da costa, das cidades e do campo, pola súa nova vitoria, porque o pobo é soberano e nunca se trabuca: sabe latín. Mundus vult decipit, ergo decipiatur.