As maiorías absolutas do PP acostumáronos a unha paisaxe institucional de Estado Profundo, o enraizamento dunha administración non só paralela senón clandestina, incompatíbel coa rendición de contas nunha democracia. Esta práctica apóiase na lóxica de que un goberno electo fica lexitimado para aplicar as políticas e proporcionar a información que estime conveniente, e punto. Non me pidan exemplos históricos de cando isto acabou mal. A lóxica é falaz porque parte da idea de que non hai bases transversais, goberne quen goberne. As políticas dos vencedores son legais porque as adoptan os vencedores, velaí o comodín que Trump, Putin, Milei ou Orbán esgrimen nos choques cos contrapesos dos seus sistemas legais. É igualmente o modo en que o PP xestiona a súa hexemonía.

A Xunta tense negado a facilitar contratos e documentación black do Hospital de Vigo, de Pemex, Altri, o Sergas, as Caixas, empresas mineiras, ENCE, Monbús e Alsa, as empresas da irmá e o cuñado de Feijóo. As peticións de información son tratadas coma intrusións no ámbito privado, non como documentos públicos. Disolven a opaca Impulsa Galicia para que vaia á tumba cos segredos, manteñen un comisionado de Competencia condenado por ocultar as infraccións, arrastran os pés e asubían cando o Consello de Contas os reprende, xa se informou ás partes interesadas, os contratos entregaranse cando corresponda, invocan unha seguridade xurídica difusa, a protección de datos. No seu día denegaron os contratos coas empresas de Marcial Dorado “polo seu volume inmanexábel”. No mesmo marco clandestino, o 40% do que contrata a Xunta non sae a concurso. Outra porcentaxe canalízase a través das fundacións público-privadas, escudo para disimular o control e evitar dar explicacións. O modelo é o das cláusulas de confidencialidade e “acordos” de non competencia postcontractual da grande empresa, en teoría protección de propiedade intelectual estratéxica, na realidade ameazas impostas mesmo a subcontratas de limpeza.

Un dos piares da cultura política da esquerda é deixar clara a superioridade ética pero non abonda. Sabemos de sobra que funcionan coma un cartel clandestino, agora hai que desmontalo.

Si, home, si, dirán algúns. Cando os excesos de discrecionalidade se dan mentres gobernan os teus, trátase de pecadiños. Cando gobernan os contrarios, son pecados mortais e non se fala de discrecionalidade senón de arbitrariedade ou autocracia. Levan razón, recoñezámolo. O cerebro funciona mesturando a intelixencia e as emocións en cada decisión que tomamos e podemos estar convencidos de que obramos con obxectividade cando non é o caso. Por iso é imprescindíbel que a sociedade dispoña de instancias de arbitraxe admitidas e respectadas por todos, para evitar tanto as distorsións de parte coma os excesos conscientes e interesados.

A transparencia dos contratos públicos debería ser un asunto sen discusión, aínda que só fose egoistamente porque, dependendo de se estamos no goberno ou na alternativa a exercelo, convennos agora ou vainos convir no futuro ter acceso á información, ademais de convirlle á sociedade no seu conxunto. Coa mesma lóxica, chegados ao poder, compre desmontar ese goberno clandestino, non aproveitalo para tomar os mandos e manobrar no sentido contrario.

Árbitros e arbitristas

Nas democracias avanzadas, ou que aspiran a selo, fóronse constituíndo observatorios independentes para acoutar o recurso fácil á difusa Razón de Estado e substituílo polo Goberno Aberto, contrastando a información trasladada polos gobernos coa realidade dos datos. Co obxectivo de neutralizalos, os gobernos crearon os seus propios “Portais de transparencia”, repositorios autorreferentes de canellóns cegos e retórica disuasoria que espantan a quen se achega a eles sen aportar precisión. A consecuencia é que os gobernos finxen fiscalizarse a si mesmos e case sempre saen guapos e formais. Home non!

Como van vixiar os representantes na oposición que a acción de goberno se axuste á legalidade, evitando a corrupción, conflitos de intereses ou amaño de concursos, se non se ten acceso aos procesos de contratación, execución dos investimentos, subvencións ou participacións? Se os mesmos funcionarios da Xunta, por medo á súa profesionalidade e independencia, son arrombados e substituídos por consultorías amigas e sociedades mixtas que supoñen concesión de áreas de goberno ao sector privado? O exemplo extremo desa transferencia vímolo na axencia de retalladas do arbitrista do desastre Elon Musk, que supuxo unha descapitalización da arquitectura reguladora pública co despedimento a mancheas de funcionarios substituídos por bolseiros que se fixeron cos datos xerais das administracións e fuxiron co botín en tempo récord.

Imaxinemos un partido de fútbol en que un dos equipos nomea o árbitro e decide, impón e modifica as normas segundo discorra a contenda. Pode o equipo contrario conformarse con denunciar que a competición está adulterada e proclamarse vencedor moral? Debe continuar a xogar nesas condicións ou debe romper a baralla? Un dos piares da cultura política da esquerda é deixar clara a superioridade ética pero non abonda. Sabemos de sobra que funcionan coma un cartel clandestino, agora hai que desmontalo. Despregar no Parlamento os centos de contratos menores da Xunta coa empresa da irmá de Feijóo, como fixo un deputado do BNG, é un xesto impactante. Ese tipo de accións debería repetirse e combinalo con denunciar nos xulgados cada obstrución no acceso á información pública, estando dispostos a chegar aos tribunais europeos, vista a folla de servizos recente dos tribunais de última instancia do estado español, TS e TC, martelo pilón sen fendas no papel de árbitros comprados.