O matemático Kit Yates plantexoulle a ChatGPT: 3 toallas no tendal tardan 3 horas en secar. Canto tardarán 9 toallas? A resposta foi a lóxica: 9 horas.
*
Confundir a Intelixencia Artificial coa natural é confundir o realismo coa realidade. Volvemos a Platón.
*
Unha máquina pode reemprazar un xeonllo ou un ril. As sofisticadas replican funcións do cerebro, sen ser máis intelixentes que unha prótese ou un marcapasos. Os robots que fabrican automóbiles non teñen idea do que é un automóbil. O vehículo autónomo non sabe o que fai, apóiase nun número elevadísimo de microrreacións (non microdecisións) a situacións para as que foi programado, sen a intención que caracteriza a intelixencia. A aparente comprensión dos procesos e a interacción co interlocutor humano responden a programacións para simular esa comprensión nun número “escalado” de supostos ou conexións.
No estado de cousas entre humanos e IA resulta útil lembrar a película 2001 e preguntármonos en que fase da relación entre o cosmonauta e a computadora Hal nos atopamos?
O termo clásico cerebro electrónico era máis atinado que Intelixencia Artificial. Á confusión entre unha e outro contribúe o número crecente de intelixencias naturais que teiman en comportarse como cerebros electrónicos.
*
No estado de cousas entre humanos e IA resulta útil lembrar a película 2001 e preguntármonos en que fase da relación entre o cosmonauta e a computadora Hal nos atopamos? Por se acaso, ter sempre a man o desaparafusador e tampóns de cera nos oídos para non deixarnos seducir polo canto de sirena desafinada.
*
Cando en Silicon Valley enxalzan a Intelixencia Artificial, con maiúsculas, agochan que os intelixentes son eles. Nós somos as minúsculas, a intelixencia por poderes que celebra como propios os éxitos alleos, igual que o forofo celebra as Champions de Florentino.
*
O sistema nervioso complétase hoxe cunha miríade de elementos periféricos: o GPS, as redes sociais, as aplicacións, a nube, os fakes, o scroll… O cerebro funciona de facto como unidade central de procesamento e non dá abasto, pide unha actualización. Silicon Valley traballa niso.
*
Os nativos dixitais maniféstanse arreo pero non na rúa para protestar senón como se “manifestan” os fantasmas nas sesións de espiritismo.
*
Da man da desaparición da privacidade vai a perda de sentido do espazo público.
*
Tentei seguir o que dicían os cripto-filósofos tecno-kitsch da ultradereita norteamericana, remexido de ira divina do Antigo Testamento, Nostradamus, o Señor dos Aneis, o doutor Mengele e Pitita Ridruejo. Estoume a quitar, para non facerme ás soflamas apocalípticas, de modo que cando digan unha barbaridade me siga a parecer unha barbaridade, sen normalizala como “outra barbaridade máis”. Ata as lóxicas máis perversas seguen a súa lóxica, e esta asóciase cun grao de lexitimación.
*
A IA afina as respostas, aprende de maneira autónoma, é autodidacta, seica. Algo axuda o que se coñece como “colonialismo dos datos”. Existe unha lexión de semi-escravos en países pobres subcontratados por céntimos, baixo presión ata o brote psicótico, que se encargan do “etiquetado de datos”: alimentar o sistema con supostos resoltos, un a un. A nube de Amazon está na terra e expándese, son naves xigantescas cun consumo de electricidade insostíbel. Léase Empire of AI de Karen Hao.
*
Un dos éxitos da intelixencia artificial foi poñerlle nome, dando por feito que supón unha ruptura coa informática existente, non unha evolución, o cal é moito supor. A definición de Intelixencia Artificial non debería partir do deslinde entre o artificial e o natural. Antes compre chegar a definir o que é intelixencia.
*
Os tecnólogos non din que as máquinas repliquen as nosas capacidades, somos nós os que realizamos tarefas a imitación das máquinas. Búscase a igualación á baixa de máquinas e humanos. Se lle chamasen “automatización de conexións e regularidades estatísticas” non nos conmoverían, chamándolle “intelixencia” si. Se antropomorfizan a capacidade e lle chaman “machine learning”, as máquinas pasan a ser bebés. Se ás conexións mecánicas se lles chama “decisións”, se o mal funcionamento no tratamento da información se humaniza ao falar de “alucinacións”, a suplantación penetra coma coitelo en manteiga.
*
O obxectivo final é vendernos a condición autónoma dos chats e invisibilizar a quen está aos mandos. Sam Altman, CEO de OpenAI, vén de admitir que aquel proxecto sen ánimo de lucro para favorecer a investigación en campos que precisan un volume de datos xigantesco, como a saúde, fíxose adulto e vai explorar a vía de ingresos máis segura, converterse en chat porno.
*
Será preocupante que cos nosos datos fagan pasar os trucos por maxia e a IA se converta en autoridade propia do superego que acabe someténdonos e acabemos amando. Podería ser peor, se non houbese truco e as cousas fosen como eles din.





