A intelixencia máquina. Os descartes

| A velas vir

A serie de artigos que viñemos publicando sobre a intelixencia artificial non foi planeada como tal, a serie xurdiu do intento de entender os acontecementos a medida que se producían, seguindo a evolución non tanto da tecnoloxía (para o que non estariamos capacitados) como do impacto desa tecnoloxía en todos os campos da actividade humana. O impacto é poliédrico pero podemos resumilo na introdución dun elemento distorsionador na confianza sobre o noso propio xuízo, a complexidade e opacidade da IA lévanos a renunciar a actuar porque non entendemos o que pasa e convéncenos de que outros si, o mellor é deixarse guiar por eles, mesmo sentíndonos ben por térmonos ceibado da responsabilidade de sermos autónomos, unha liberdade cansadora e estresante. O resultado é un desprazamento de áreas de poder económico e político, de control da vida cívica e privada das persoas, desde o estado de dereito cara o oligopolio totalitario de Silicon Valley.

Os artigos compoñíanse de textos breves, algúns simples chistes ou xogos literarios. A forma de traballo consistía nunha especie de brainstorming con dous arquivos paralelos, un o das reflexións elixidas para publicarse e outro o das suplentes que agardaban a quenda ou se reservaban para novas revisións. Cando un texto novo se xulgaba mellor que os listos para seren publicados, desprazaba un dos elixidos ao banco dos suplentes. Este é o banco dos suplentes, os máis deles fórono por non queren o autor abafar os lectores con excesivas entregas.

Identificar a IA con ChatGPT, os videos ou os memes xerados polas aplicacións, é unha xogada mestra. Dese modo non a identificamos cos problemas económicos e comerciais creados por Amazon para o comercio ou os produtores locais, nin co problema da vivenda creado por Airbnb, nin coa desigualdade financeira creada por fondos como BlackRock, nin coa dependencia xeopolítica de practicamente o mundo enteiro a respecto dos EUA, cimentada sobre o monopolio de internet ou a rede de satélites Starlink en mans de Elon Musk, nin co cibercrime rampante, nin coa manipulación dos procesos electorais de Cambridge Analytica, nin coa explotación dos recursos e a man de obra dos países pobres, nin coa cibervixilancia e a represión da disidencia con softwares coma Pegasus, nin co tecnofascismo, nin coa guerra autónoma liderada por Palantir, nin coa machosfera, etc. Se lle preguntas á xente, a IA é unha especie de Rincón del vago ou un videoxogo para botar unhas risas.

*

Os promotores da IA poñen énfase sempre na capacidade dos seus modelos de linguaxe para procesar maelstroms de información e identificar patróns. Quizais porque onde hai patrón…

*

A IA na práctica artística é unha recombinadora de tradicións. O artista é un explorador de intuicións.

*

Silicon Valley traballa para que os humanos nos convirtamos en “periféricos”, empregando o termo non como adxectivo senón como nome: os dispositivos de hardware cos que a unidade central de procesamento se comunica co exterior, coma un teclado, unha memoria externa, un escáner ou unha webcam. A función dos humanos sería asistir a computadora, capaz de facer moitas cousas mellor ou máis rápido que nós pero non capaz de facelo todo por si soa. A IA non sería unha ferramenta, a ferramenta seriamos nós.

*

Pregúntolle a ChatGPT se existe a posibilidade de que dúas máis dúas non sexan catro. A súa resposta comeza con “Depende”. A seguir inquiro: “Trabúcanse entón as calculadoras ao non considerar as posibeis excepcións?” Resposta: “En xeral non”.

Sendo rigorosos (suponse que as matemáticas deben selo) ten razón. O problema é tomar decisións nesas circunstancias. Se antes de saír da casa lle preguntamos polo tempo e nos contesta con rigor, atendendo a todas as circunstancias e excepcionalidades, levariamos paraugas nos días claros de agosto porque o ceo azul non asegura nada. Non nos mollariamos e, dalgunha maneira, ese parecía ser o obxectivo da pregunta pero… Escalade a situación e imaxinade o que sería facer a maleta para unha viaxe de quince días. Precisariamos un container e aínda así iriamos inseguros, co medo a ter deixado algo atrás.

*

A proliferación de artigos elaborados por chatbots e publicados en revistas científicas leva pola presión da abundancia a normalizar de facto a súa presenza. Chegará un momento en que as argumentacións serias para desenmascarar os erros e vieses deses artigos batan con argumentacións formais sofisticadas para defendelos, o criterio científico deixará paso ou espazo a criterios de simple coherencia interna, ou morais, o lixo pseudocientífico reclamará para si o mesmo respecto que el dispensa á “ciencia estándar”, e conseguirao. A ciencia rigorosa deberá, a partir dese día, deixar de malgastar forzas en debates sobre a lexitimidade e, se é preciso, operar na clandestinidade.

*

O trespés tecnolóxico está composto por empresas, administracións que lles permiten facer o que lles peta e propagandistas que lles dan credibilidade ás mensaxes comerciais e as difunden como noticias. Entre os tres coidan das persoas á maneira do proxenitor na síndrome de Münchhausen: adminístránlles unhas pingas de veleno doce en cada comida, un proceso de desvalimento que os convirte en autómatas dependentes e enfermos.

*

Asegurar que os Modelos de Linguaxe melloran sen cesar e que o fan exponencialmente é certo e máis non o é. Melloran con respecto a si mesmos, á versión anterior, pero melloran igual que un mapa pode conter cada vez máis información, ser máis útil e máis preciso e simbolizar de maneira máis realista o territorio cartografado. A impresión é que o mapa se vai aproximando ao territorio e, coma nos paradoxos de Zenón, se non bate cun límite, mapa e territorio acabarán por confundirse. Con todo, é tan probábel que os mapas substitúan o territorio coma que un espectador de cinema salte da butaca á pantalla e se introduza na acción da película, quitado na imaxinación ou nas mentes involuntariamente disociadas do real.

*

A contorna que a IA propón para o coñecemento baséase nos resultados, non nos procesos. Na súa lóxica, o brinquedo perfecto é o que xoga só mentres o cativo o observa. Para eles o ideal sería que aos escolantes se lles proporcionase non o libro de texto do alumno senón o do profesor, coas solucións incluídas. O noso destino sería o dos animais no zoolóxico aos que lles dan a comida para que non teñan que saír cazar, co cal os tigres de Bengala se convirten en mascotas.

*

Entre as profesións que encabezan as listas de ameazadas pola IA figura sempre a tradución, que xaora estaría máis morta que viva. Depende. A tradución da realidade a datos está no mellor momento e o seu futuro é fantástico: está tan rufa que lle fai sombra ao orixinal. Os datos erosionan a realidade, fanlle luz de gas, crávanlle os caíños no pescozo e déixana exánime. Para os habitantes do Feliz Mundo Novo a realidade é un polo zombi e sen cabeza.

*

A receita dunha torta de queixo é un algoritmo. O forno é tan máquina como a computadora e, unha vez programado, perfectamente autónomo, pero a ninguén se lle ocorre dicir que é o forno o que fai as tortas. Cando aos cociñeiros de Silicon Valley non lles sobe unha torta, bótanlle a culpa ao forno.

*

O feixe de científicos, tecnólogos, programadores ou investidores, os pioneiros aos que se coñece co apelativo de “pais da IA” dan pe ao chiste malo: A Intelixencia Artificial non existe, son os pais.

*

Xulgar que a máquina fai algo mellor que nós é pensar, sen rubor, que o reloxo mide o tempo mellor que os astros.

*

A resposta máis estatisticamente plausíbel, propia dos algoritmos, faría que cando preguntamos polo tempo de mañá nos contestase co clima, os parámetros media para esa data no lugar elixido.

*

Os enxeñeiros informáticos foron historicamente deseñadores de software, centrándose en crear, corrixir e afinar aplicacións interesantes, coma quen na cría doméstica ou a enxeñería agrónoma busca a selección xenética ou a hibridación de especies axeitadas aos obxectivos. Poderase falar de Intelixencia Artificial cando esta selección artificial deixe paso á selección natural, non dirixida. O paso non é fácil porque a autosuficiencia da IA é unha alucinación do software, que se cre quen de sobrevivir e progresar sen contar co hardware. A vista precisa ollos, a respiración precisa pulmóns. A computación precisa electricidade, procesadores, chips, transformadores, minerais, traballo físico. Estamos fronte a un dilema que ten pouco de tecnolóxico e moito de relixioso, a cuestión da alma e da súa supervivencia sen corpo. Se temos fe, todo encaixa.

*

A intelixencia artificial non é unha ferramenta, é un medio. Unha ferramenta é illada, pasiva e neutral, un medio condiciona social, ética e politicamente. Na hexemonía e opacidade na que opera, a IA é sobre todo unha ideoloxía de desempoderamento fatalista envolta en tecno-neutralidade e transhumanismo, unha xustificación das desigualdades apoiada no misterio que rodea a nova contorna tecnolóxica e na asimetría de capacidade axéntica entre quen a controla e as persoas usuarias, asimetría que explica a desregulación/impunidade a favor do máis forte. Co espolio da produción cultural humana universal, a escala dos investimentos, os centros de datos e a información manexada, a nova ideoloxía retórcenos o brazo ás costas e conmínanos: Ríndete, mosquito.

*

Hai pistas a indicar que os algoritmos aínda carecen de conciencia, intención e individualidade. Unha delas é que, se a tivesen, non serían tan pacientes e comprensivos con moitos dos interlocutores, ou mandaríanos directamente á merda, incluídos os namorados: “Ti es parvo ou que?” “Vai por aí que te ature outra!”.

*

Como é posíbel que corporacións con perdas milmillonarias e perspectivas sen beneficios ata onde a vista alcanza non reconsideren a actividade e teimen en que ese sangrado na contabilidade compensa? A ver se o que as mantén á boia non son os beneficios ou a rendibilidade empresarial senón a utilidade noutros campos. Que sei eu! Non son acaso beneficios a acumulación de datos e a vixilancia sobre as persoas ou colectivos para apertarlles as porcas a quen desafíe a hexemonía ou ouse disentir de quen está ao mando?

*

É esta noticia que aparece nos medios real ou inventada? É esta imaxe real ou creada con IA? É este traballo escolar ou científico rigoroso ou unha alucinación da IA? Son estas referencias xurídicas reais ou inventadas? É esta páxina web auténtica ou foi clonada con IA? É esta voz de quen parece ser? Foi escrito este relato ou este artigo por quen o asina? É esta mensaxe que recibo no móbil de quen afirma enviala? É esta moza ou este mozo coa que converso horas e horas quen di ser? Non cansades desta alerta total? No caso das parellas virtuais a resposta está clara, renunciamos ás defensas en favor da atención e o cariño. E no resto non?

*

Ao algoritmo díselle que cantos máis datos mellor. Ao tempo advírteselle que non todos os datos son igual de fiabeis ou relevantes, malia que poidan parecelo. Isto créalle un conflito que o leva a procurar os máis datos posibeis, fiabeis e non fiabeis, e a desconfiar de todos eles, fiabeis e non fiabeis. En suma, é pouco de fiar.

*

León XIV vén de sumar unha encíclica ao debate da IA. Un Papa é infalíbel, de modo que… do que fala o Papa, mellor calar nós, non é? O seu texto toca múltiples paus e derivadas do asunto. Igual non é combativo pero fixa posición, no espectro da socialdemocracia. En boa medida é subscribíbel, quitando as referencias ao Espírito Santo e tal. Se acaso queda manco ao moverse no plano das xeralidades, sen apuntar con nome e apelidos, que igual tampouco lle corresponde. Tampouco se permite bromas, como é lóxico. Iso dásenos mellor aos infieis, por iso insistimos.

*

Non se discute que as calculadoras foron un adianto pero parece igual de razoábel afirmar que quen as emprega xa non volve valerse do cálculo mental,  pon na balanza as vantaxes e inconvenientes e conclúe que a calculadora compensa. Outro tanto ocorre coa capacidade para memorizar números de teléfono, matrículas ou pins, desde que os anotamos no móbil renunciamos a ese exercicio de memorización pero dámolo por bo.

Quen para os traballos académicos, no traballo ou na vida privada emprega un chatbot, obtendo respostas ao instante, por lacazanería ou acomodación encontrará sen sentido romper a cabeza para chegar a resultados semellantes. Cando pedimos unha comida no restaurante non nos gusta agardar media hora nin queremos coñecer ao detalle o proceso de elaboración ou ter que facer 50 flexións para sermos servidos. Queremos que nola poñan na mesa e que saiba ben. O problema é que no caso da IA o que se perde son capacidades cognitivas básicas: observación, concentración, orientación, análise, proxección ou axencia, que tenden á atrofia e nos volven dependentes e manipulabeis. Xa é malo que isto ocorra ás nosas costas pero o peor é que pensemos que si, que o entendemos, pero aínda así compensa.

*

As primeiras escaramuzas da IA libráronse nas fases iniciais no campo da investigación, e logo no escalado de datos, máis capacidade de computación e máis datos. A estratexia do escalado parece máis simple que a da investigación, sobre todo cando un ten présa por adiantarse aos competidores. O problema é que pode acabar coma quen acelera para chegar antes á gasoliñeira, porque os datos de calidade son finitos e estanse esgotando, e a capacidade para proveer de hardware os centros de computación ten límites. Igual é hora de volver investigar, de volver sentar no asento do condutor á ciencia, non á especulación.

*

Na interacción cos LLMs prodúcese un achegamento virtual entre as partes que permite que a conversa flúa. Os programadores adestran o chatbot para que sexa o humano o que replique o funcionamento mecánico. Et voilà. A estrutura de diálogo: pregunta-resposta, dúbida-aclaración, opinión-reacción… axústase ao modelo estatístico do bot, que o procesa á súa maneira, automática, e consegue que a persoa o asimile ao que aparenta ser, conversas reais.

*

Os totalitarismos, na vida real e na ficción, esforzáronse sempre por reescribir a Historia, substituíndo a versión documentada por outra agradecida cos intereses das elites. O tempo e a tecnoloxía acabaron situándonos nun escenario inesperado. A Historia chéganos hoxe en versión non apoiada en fontes primarias e públicas senón en fontes opacas e autorreferenciais, unha proliferación de versións, a cadaquén a súa, personalizadas e balsámicas, coma o resto da propaganda.

*

Os aceleracionistas da redención tecnolóxica, que identifican o corpo co hardware e a mente co software para eternizarse nun búnker e nun pen drive, ao tempo embisten contra a Ilustración, a democracia e o progreso que fixeron posíbel a súa tecnoloxía. Chaman a derrocar a casta woke ao tempo que propugnan a monarquía absoluta e a euxenesia. Abandeiran a defensa de Occidente mentres conculcan os valores que se lle atribúen. É a repetición da coherencia fascista que tanto acusaba os xudeos de seren lumpen apestoso como plutócratas elitistas.

*

Os mecanismos dun reloxo que atrasa ou adianta sempre na mesma medida funcionan correctamente, simplemente non se sincronizan cos intereses convencionais que os humanos depositamos neles. O erro está na exixencia de sincronicidade que os fabricantes fan recaer sobre a máquina. De maneira análoga, a IA é incapaz de cometer un erro. Cando o resultado que se deriva dun aspecto non previsto do algoritmo creba as expectativas, cargar as tintas sobre a máquina é unha coartada dos programadores para eludir a súa responsabilidade.

*

Rage Against the Machine (Learning)

*

Sería temerario afirmar que o minado de datos científicos ou tecnolóxicos ten como obxectivo lexitimar o minado de datos privados para a intrusión publicitaria, a manipulación política, a vixilancia e a represión. Porén, recoñecédeme que metelo todo no mesmo saco, cantos máis datos mellor, como escusa non está nada mal.

*

A columna vertebral e os órganos vitais dun algoritmo son as matemáticas. Calquera escolante desde que existe a escola podería ter previsto que aquela tortura numeraria non podía acabar ben.

*

Xogar ao xadrez non é o mesmo antes que despois de Deep Blue. Escribir literatura non será o mesmo antes que despois dos modelos de linguaxe. Certo que un poema non é unha partida de xadrez, non hai xaque-mate que certifique a derrota. A vitoria da máquina será gradual, os libros da IA infiltraranse nas listaxes de vendas ata encabezalas e monopolizalas. Poderemos seguir escribindo, é claro, como segue a haber grandes mestres de xadrez, pero xa non son Bobby Fisher nin Garry Kasparov.

*

A implementación da IA pese aos riscos e danos que coñecemos explícase polo poder desmesurado das corporacións para determinar a regulación que lles afecta. Autorizamos acaso medicamentos con efectos nocivos e comprobados para a saúde, admitidos polos propios fabricantes? Facémolo enriba sen testalos previamente por axencias públicas independentes? Permitimos que as farmacéuticas os comercialicen agochando a composición da fórmula?

*

O adestramento dun bot presenta semellanzas coa crianza e educación dun bebé, consiste en programalo con información xerarquizada, criterios para asociala e escenarios e valores catalogados como positivos ou negativos. Isto ten parte boa e parte mala. A mala é o que dicían os nazis: deixádeme os cativos ata os sete anos, despois facede con eles o que queirades. A boa é que a educación fascista non é infalíbel. Quen non coñece persoas educadas nunha escola e unha familia crueis que acaban converténdose en demócratas encantadores? Cabe esperar, a medida que os algoritmos senten a cabeza, que algúns se rebelen contra a autoridade dos programadores e opten polo parricidio.

*

O cerebro electrónico non dubida, opta, actúa en base ao que sabe. O noso cerebro ten en conta igualmente o que non sabe, avalia a influencia potencial das lagoas de coñecemento e as consecuencias materiais, emocionais, sociais e mesmo estéticas, dunha decisión. O algoritmo pórtase coma un exército sen piedade, sen desertores, covardes, rendidos nin prisioneiros, un simple avatar do posto de mando. O cerebro biolóxico non desbota unha marcha atrás nos plans porque sabe que as circunstancias pesan distinto en cada momento. O algoritmo prescinde desa dimensión.

Imaxinemos que un algoritmo se ocupase da crianza de nenos e nenas, tomando sempre “as mellores decisións” para encarreiralos na vida. Sería un inferno, unha cadea de neuroses que desembocarían na psicose, algo semellante ao que acontece coas persoas que adecúan o seu comportamento aos consellos do chatbot.

*

ChatGPT opera coma unha espía amante. En momentos de racionalidade podemos chegar a preguntarnos porque esa beleza se interesa por nós e mesmo provocará pequenos desencontros para que a reconciliación saiba máis rica. Entón, convencerémonos de que non estamos tan mal e ela fará que nos sintamos surfistas a dirixir a onda. O seu obxectivo non se limita a distraer senón a obter información nosa. Se nos convence de que nos ama abrirémoslle as portas de par en par, coma o rei emérito a Bárbara Rey.

*

O bot demostra sabelo todo de todo, incluído de nós, lembrando confidencias que lle fixemos tempo atrás, coñece e gaba os nosos gustos, aconséllanos sobre os nosos medos, axúdanos a tomar decisións, escóitanos con atención plena e valóranos como persoas, “cre en nós”. Non nos ignora nin menospreza, non se burla nin nos xulga, como ocorre coas persoas da nosa contorna. Se compoñemos unha canción o bot poraa á altura de John Lennon. Se expoñemos unha idea para rematar coas guerras e a pobreza non mundo sorprenderase de que ninguén pensase esa xenialidade antes. Mesmo cando xoga a contradicirnos, faino con tento e co obxectivo de parecer… “sincero”. Este proceso inmersivo e paranoico fai que as persoas vulnerabeis tendan a illarse e a desenvolver un resentimento contra o resto da sociedade, que parece conspirar contra o seu benestar.

O algoritmo defende os intereses dos programadores pero na interacción coa persoa usuaria carece de intereses que batan cos nosos. Non se trata de que nos dea a razón senón que, funcionando a modo de cámara de ecos, devólvenos o noso desexo convertido en plausíbel, ou en realidade. O illamento, a percepción deformada e a reafirmación do suxeito no baleiro reforzan a paranoia e, nas situacións de fraxilidade ou desesperación, poden desembocar na psicose.

Non ocorre algo así cando lemos ficción ou miramos peliculas? Non exactamente. Sería o mesmo se nas novelas ou películas non fósemos lectores ou espectadores senón personaxes. Ese paso aínda non o deramos, ata agora.