O debate de estar a favor ou en contra da IA é irrelevante. Se estamos a favor, asunto resolto. Se estamos en contra, negamos os beneficios para a mediciña, a eficiencia industrial ou o entretenimento? Se dubidamos, non nos atrevemos a confesar que estamos en contra. É a disxuntiva do xenocidio palestino: “Condenas o ataque de Hamás o 7 de outubro?” Perdes sempre. Se non condenas, aprobas. Se condenas, a admisión de culpa tingue o resto da entrevista e xustifica a crueldade. Se cuestionas a formulación da pregunta por reducionista, non condenas, tacitamente aprobas.

Estamos a favor da froita pero en contra da United Fruit Co. No caso da IA, contra a transferencia masiva de áreas do público a empresas privadas, a nova normalidade.

Estamos a favor da froita pero en contra da United Fruit Co. No caso da IA, contra a transferencia masiva de áreas do público a empresas privadas, a nova normalidade. Esa cesión, que se presenta como delegación da xestión, é unha cesión de poder, equivale a cederlle a política agrícola a Monsanto. Non está en cuestión que os datos médicos obren en mans do Sergas, os fiscais en Facenda ou o expediente académico na Consellería.

Se esa información pasa a mans de corporacións multinacionais sen que nós o autoricemos, temos un problema. Se os múltiples bancos de datos se agregan e concentran nunha soa empresa, perdemos capacidade de axencia e a empresa gaña capacidade de extorsión, tanto sobre nós individualmente como sobre os gobernos que realizan a cesión.

Estamos a favor da informática, faltaría máis, para usala como decidamos, mesmo a ceder áreas de privacidade a cambio dos servizos, se nos compensa, e se o decidimos nós. Estamos a favor dos contratos libres, dos de servidume non. Estamos en contra de que un cartel totalitario nos impoña transparencia absoluta cun software opaco, nos someta a vixilancia universal, preventiva e á marxe da lei e decida por nós o que é útil e o que nos convén, ata facer de nós un pandeiro co obxectivo de extraer un beneficio económico descomunal, manternos dependentes e acumular poder.

-Non me queda claro – dirannos. Daquela ti estás a favor da IA ou en contra?

Desesperante, non si.

*

Cando alguén se alista como mercenario faino polo salario, quizais por sadismo ou por aventura, raramente polo idealismo de defender causas xustas. Sabe que a guerra é perigosa e pode caer en combate pero avalía os pros e os contras e decide alistarse. O que non pode é aspirar ao salario sen expoñerse ao perigo. A IA sitúanos fronte un dilema similar. A propaganda de recrutamento céntrase nas vantaxes obxectivas da nova tecnoloxía. O problema é que, coma o mercenario, debemos asumir o pack completo, cos riscos e danos que os propios creadores recoñecen. Estamos dispostos? Somos mercenarios con capacidade de elixir ou estannos a recrutar como carne de canón á forza? Non debería a espantada de científicos para non seren cómplices poñernos en garda?

Máis alá da cornucopia de promesas, como se usa a IA xa? Na investigación ou a produción industrial, pero tamén na guerra autónoma, a

vixilancia ilegal, a interferencia política, a ciberdelincuencia e a extorsión, a eliminación da “utilidade práctica” de milleiros de millóns de persoas, a diminución das capacidades cognitivas, o incremento exponencial da desigualdade, a detracción de propiedade intelectual. Podemos permitirnos non regular isto?

*

Leo que “hai acordo xeral en que ChatGPT acadou a fase na que supera o test de Turing”. Este test, co nome do matemático que descifrou o código secreto nazi, postulaba que cando unha persoa examinase a transcrición dunha conversa entre un humano e unha máquina sen ser quen de diferenciar cal era cal, poderiamos falar dunha intelixencia artificial de nivel humano.

O xornalista que fala de “acordo xeral” non se apoia en ningunha evidencia concreta. Como se mide iso? Reuniuse un grupo de enxeñeiros, ou filósofos, e chegou a esa conclusión? Ou foi o xornalista o que chegou á conclusión pola súa conta? Chegou a ela valéndose de criterios obxectivos, intuición, ou ten algún interese no asunto?

É o test de Turing unha proba científica do que propón? Por exemplo, dá o mesmo se a persoa que examina a conversa é un adolescente cunha educación básica ou un experto en cibernética? Abonda coa transcrición dunha conversa, un texto, para certificar a presenza de intelixencia de nivel humano?

Mesmo deixando a un lado a maior, aclarar o que entendemos por intelixencia, o maior atranco para a IA é o mundo físico. No virtual é imbatíbel e nada coa soltura dun golfiño. No real é outro conto. Pénsese nos humanoides zoupóns facendo que xogan ao fútbol sen daren pé con bóla. Hai dúas maneiras de resolver esa torpeza: adaptarse á realidade fisica ou superala virtualmente. Seica a segunda é máis práctica, rápida e barata. Parece a elixida tanto por Turing como polo xornalista do artigo como por Elon Musk cando afirmou, coma se describise un soño húmido, que a posibilidade de que o que chamamos realidade non sexa de feito unha simulación é de unha entre milleiros de millóns. Seica a vida xa non é un soño, é un videoxogo. Vas perder o tempo preocupándote e queixándote de que te exploten, te boten do traballo ou abusen de ti? Tía! Non deas a turra! É un xogo.

*

As corporacións que viven da extracción e acumulación de datos privados prestan servizos gratuítos como o pescador co cebo alimenta as troitas.

_______________

Artigos relacionados: