A contorna mediática e informacional crea unha realidade paralela, un mapa á procura de territorio. (J.G. Ballard)

 

Os algoritmos da IA tamén os moven mans invisíbeis agochadas, seguramente por iso os seus camiños son inescrutabeis.

*

Fronte os Señores da Tecnoloxía sentímonos indíxenas americanos, impotentes e asombrados en presenza dos conquistadores. O Val do Silicio chega armado con algoritmos, conectividade ou drones como Pizarro con cabalos e arcabuces. Trocan datos, dereitos e liberdades polo pasatempo de redes sociais e chatbots, como aqueles trocaban ouro e prata por bixutería, obrígannos a asinar termos e condicións ilexibeis como os conquistadores lles lían aos nativos o Requirimiento nunha lingua incomprensíbel, ad maiorem gloriam dunha monarquía ausente: “Fareivos guerra por todas as partes e maneiras, sometereivos ao xugo… tomarei os vosos fillos e fareinos escravos… tomarei os vosos bens e fareivos todos os males e danos que poidere como a vasalos que non obedecen… e a culpa das mortes e danos será vosa”.

Podería tratarse de un dos 22 puntos do manifesto de Palantir pero é o último parágrafo do Requirimiento de Castela. A Historia dos imperios coloniais non se repite pero tende ao ripio.

*

A IA é unha fase na evolución das tecnoloxías da información, con potencial financeiro-especulativo asentado no medo a ficar fora. Este potencial para captar capital excedente distorsiona a percepción do fenómeno ao superpoñer (como apunta Ballard) o mapa da propaganda especulativa sobre o territorio real das tecnoloxías. Cando ese potencial se disipe, como levanta a néboa, verase a paisaxe que había detrás, nin tan utópica nin tan distópica como a pintaban. Máis difícil será rastrexar o destino dos cartos que cambiaron de man. Que non pidan rescates: sarna con gusto non pica.

*

Os Modelos de Linguaxe non predín a palabra máis plausíbel a seguir, repiten a opción máis frecuente nos textos con que se adestraron. O cerebro predí a partir de datos memorizados pero súmalles a experiencia sensorial e a capacidade de corrixir a predición e imaxinar contextos, interaccións e variabeis non existentes. Manexa simulacións, mapas, pero tamén territorio, o mundo físico.

Co aval da tecnoloxía preséntanse como descrición de feitos pero son prescricións, inxeccións de pánico e chamadas á obediencia.

Pese a esta eiva, Os CEOs da IA embárcanse en predicións milenaristas sobre o futuro da ciencia, o traballo, o clima, a medicina, a xeopolítica, a lonxevidade, a apocalipse… A computación escalada é para eles o equivalente á posición dos astros ou as entrañas da galiña. O valor das súas profecías anda aí aí coas da Meiga de Baíñas. Co aval da tecnoloxía preséntanse como descrición de feitos pero son prescricións, inxeccións de pánico e chamadas á obediencia. A intención é influír para que a predición ideolóxica vire en profecía autocumprida, e así confiemos en que eles teñen o antídoto, vía subscrición premium.

*

A zona cero das novas tecnoloxías sitúase en Silicon Valley, se ben os avances decisivos se financiaron e desenvolveron en institucións públicas. Igual de lexítimo é situar como decisiva a R. D. do Congo, de onde saen minerais imprescindíbeis para os dispositivos. Silicon Valley funciona arestora como rendista apropiador do común, recolle os beneficios mentres o Congo carga coa desfeita. É a maldición dos recursos: os países ricos en recursos naturais medran menos e de maneira inxusta, dado que o control da riqueza vai parar a mafias ou institucións corruptas controladas desde fóra e o goberno non precisa a aceptación da xente. Os erros e excesos do mundo dixital páganse no analóxico.

*

Os chatbots empregados como compañía actúan a modo de sicofantes, envolven a persoa nunha suposta folie a deux selada cun pacto no que a persoa derrama hormonas mentres a máquina segrega un deepfake que convencería o máis escéptico. Cognitivamente sabemos que non temos diante unha persoa pero o instinto empático actívase cando baixamos a garda, valéndose do elemento básico da interacción humana, a conversa. Enriba podemos elixir a voz interlocutora (sexo, timbre, idade) como se elixe confidente ou parella.

*

A xeración Z nos EUA admite sabotear a implantación da IA no posto de traballo. Non só arrastran os pes á hora de empregala, fan o posíbel por mostrar a súa ineficiencia e axudan a que descarrile. Nas universidades apúpanse os discursos propagandísticos desta nova pedra filosofal. Os nativos dixitais non o fan por ludismo nin descoñecemento senón precisamente porque a entenden, pola carraxe que lles provoca a estrutura de poder, control e clasismo xerada arredor da IA. O CEO de Blackrock confesa sentirse preocupado polo “descontento social” e chama a prepararse para posíbeis actos de terrorismo doméstico contra, por exemplo, os centros de datos. A súa solución, ignorando que non hai peor cuña que a da propia madeira, é máis IA. Xa o dixera Peter Thiel, fundador de Palantir e exorcista no tempo libre: a democracia é un atranco pero superarémolo grazas á tecnoloxía.