Un entrevistador pregúntalle a Sam Altman polos perigos de ChatGPT que máis lle preocupan. O CEO de OpenAI ergue a ollada ao baleiro, reflexiona uns segundos e, parafraseando a Dick Cheney na preparación da invasión de Iraq, resposta: “O que máis me preocupa é o que non sabemos que non sabemos”. Traducido, nada do que á xente lle preocupa me importa un carallo e, en todo caso, son eu acaso o gardián do meu algoritmo? Cando algo preocupante aconteza, irase vendo: a actitude do delincuente que admite os cargos segundo se presentan as evidencias, non antes. A automatización da intelixencia supón a externalización da responsabilidade.

*

Elon Musk vén de declarar que en dez anos os grandes problemas da humanidade serán solucionados polos robots humanoides. O traballo pasará a ser opcional, aforrar para a pensión ou o seguro médico será irrelevante porque a IA dará paso a tal abundancia de recursos, aquí e na Lúa, que toda persoa disporá do que necesita sen necesidade de esforzarse. O xornalista reacciona ás contas da leiteira co equivalente a un “Wow!” e tira para adiante: “O máis sospeitoso das solucións” R. Sánchez Ferlosio dixit, “é que as atopa un sempre que as busca”.

*

Escoitarlle a Mark Zuckerberg que a IA é a nosa nova amiga garda un parecido razoábel con aquel eslogan dos ‘80: “A Policía é a túa amiga”.

*

O debate máis irrelevante que se pode manter sobre a IA é se estamos a favor ou en contra, simplificación irracional dun asunto complexo. Necidade de igual calibre é afirmar que a IA é neutra, nin boa nin mala, o que conta é o uso que fagamos dela.

O problema cos tecnobillonarios, banda de adolescentes malcriados a base de “lambetadas” untadas en ketamina, é que se cren deuses e están a impoñer unha IA á súa imaxe e semellanza.

Acusar de nostálxicos ou incapaces para adaptarse á contorna dixital a quen alerta dos aspectos negativos na implantación da IA é outra simpleza nesgada. A adopción de tecnoloxías novas é consubstancial ao homo sapiens desde o principio dos tempos.

*

Infantilismo ou manipulación é cualificar a IA como revolución que o vai mudar todo. A IA leva setenta anos con nós e as mudanzas son graduais. O termo revolución abre a porta á doutrina do shock, introducindo unha urxencia que lamina calquera matiz: fronte a un tsunami, aforra os sacos de area. O único sensato é renunciarmos á nosa intelixencia e deixármonos guiar polos expertos: quen somos nós? Esta presión aplícase tanto ao público como aos investidores. A IA, desenvolvida nos centros de investigación máis avanzados do mundo, vaise impoñer contigo ou sen ti: ou sobes ao tren ou condénaste á ruína, convertido en paria.

*

A dixitalización universal permite a militarización de calquera programa ou dispositivo. Os expertos en ciberseguridade saben que “se algo é intelixente, é vulnerábel”, pode ser empregado como arma, espía, matón ou secuestrador, sexan os buscas de Hezbolá, o GPS, unha rede eléctrica, un videoxogo ou un marcapasos. Consentimos ou aplica o eslogan de Margaret Thatcher, TINA: There Is No Alternative? Se nos convencen de que non hai alternativa, deixa de habela.

Está a IA demasiado lanzada para dar marcha atrás? Non se lle poden poñer portas ás tecnoloxías revolucionarias, malia seren perigosas e insostíbeis? Que foi entón do Concorde?

*

O problema cos tecnobillonarios, banda de adolescentes malcriados a base de “lambetadas” untadas en ketamina, é que se cren deuses e están a impoñer unha IA á súa imaxe e semellanza. Deixar as crianzas e adolescentes en mans de ChatGPT é poñer o lobo a coidar das ovellas.

*

Cando nos contan que grazas á IA imos dispor de tempo libre a mancheas para medrar e cultivarnos persoal e espiritualmente, estannos a dicir o que parece, que se aveciña unha vaga de despedimentos masivos.

*

Os que insisten na intelixencia das máquinas adoitan ser os mesmos que llela negan aos animais. Coa mesma autoridade poderiamos dicir que os algoritmos se moven por instinto.

*

A IA funciona en base a patróns hipercomplexos, superpostos ou encadeados, pero sempre hai un patrón. Os erros ou alucinacións non revelan unha disfunción senón un patrón seguido ata as últimas consecuencias nunha contorna non prevista polo patrón proposto. Nun relato propio dos ‘90, O Poeta El, un personaxe obsesionado con meter o rexistro do tempo en razón traballaba na elaboración de calendarios suxeitos ao sistema métrico decimal. Non era posíbel, todo algoritmo está exposto a ángulos mortos. A mente humana intúeo e aprende a moverse na prudencia e a aproximación. A creatividade funciona a base de confrontar os patróns ríxidos co caos do real nun combate sen vencedores nin vencidos, unha ductilidade fóra do alcance do algoritmo máis pintado.

*

Hoxe no café sentou ao meu carón un fulano que colocou o móbil nun soporte, axustou os auriculares e estivo de cháchara e risas vinte minutos con ChatGPT ou Gemini. O chatbot recomendara o sitio e elixira o latte. O fulano tomou dúas cuncas e, dun humor excelente, deixou propina abastada.

________________

Artigos relacionados: A intelixencia máquina | A intelixencia máquina 2