A resposta de Sam Altman, CEO de OpenAI, ao ser preguntado por que deberiamos crelo cando expón as bondades de ChatGPT é a mesma que daría o seu chatbot: “Non deberiades”. A mensaxe é cínica, pero tamén clara: Podedes crerme porque non intento enganarvos dicindo que todo vai ser fantástico. A mensaxe volve ser clara: Para as persoas que o crean, todo vai ser fantástico.
*
Non caerei no extremismo de afirmar que a conectividade total sexa unha relixión. Certo é que se lle rende culto, prescribe e proscribe estilos de vida, controla os actos e a conciencia dos fieis, ten santoral, ritos, revelacións, pecados, apóstolos, místicos, profetas, apocalipse, milagres, dogmas, cismas, lugares sagrados, estados de graza e promesas de condenación ou de salvación e vida eterna. Os seus beneficios asentan na entrega incondicional, a fe e a superstición. Mais, deixando a un lado estas coincidencias, o resto que, eh? Que terá que ver?
*
Os billonarios tech apoian e financian abertamente o totalitarismo salvaxe, que non só ataca a inmigración ou as forzas políticas de esquerda senón as mulleres, universidades, colectivos LGTB, sindicalistas, estado de benestar, ecoloxismo, pobres, medios de comunicación, artistas, discapacitados, enfermos, democracias parlamentarias, a UE, á que cualifican de corazón do vampiro globalista regulador ao que é preciso cravarlle a estaca, mesmo van contra as relixións ou as empresas por debaixo do monopolio… Como era aquilo de que a tecnoloxía era transversal, que carecía de ideoloxía?
*
Os vídeos maliciosos xerados con IA, deepfakes, que venden o seu contido como verdadeiro, conseguen de paso que desconfiemos de toda información ou mensaxe, sexa cal sexa a fonte, porque tamén a fonte pode ser suplantada. A partir de aí é doado convencer a alguén coa patraña máis burda se esta o favorece, como é difícil convencelo para que acepte unha realidade que non lle convén.
Non axuda a emendar a situación que os medios de comunicación tradicionais se comporten coma os creadores e difusores de deepfakes, retorcendo titulares, furgando no sensacionalismo, validando rumores, espallando bulos ou documentos fabricados, actuando como parte ao seleccionar paneis e silenciar versións contrarias, non discriminando graficamente entre información e publicidade ou non facendo públicos os seus propietarios.
No canto de “atrévete a saber” vivimos no “atrévete a confíar” ou directamente “ten fe”.
Cando se fala dos perigos da IA, o peor non é que as máquinas sexan quen de imitar os humanos senón que os humanos nos conformemos con pensar como software de empresa e comportarnos como máquinas ao servizo do capital.
*
A burocracia oficial, de cumprimento obrigado, faise case sen alternativa en internet. As administracións obrígannos non só a formarnos como administrativos e tecnólogos, senón a expoñer a nosa privacidade nun entorno no que os bots son responsábeis de dúas terceiras partes da actividade total e o 100% levanta sospeitas. As propias administracións pídennos que desconfiemos, exíxennos adentrarnos nun campo minado e advírtennos: medide cada paso, isto está sementado de minas.
*
A “intelixencia” pasa hoxe pola tecnoloxía sofisticada, seica. O tempo acabou dándolle a razón ao acrónimo máis famoso do ramo: C.I.A.
*
Unha das consecuencias da expansión tecnolóxica, que se encarga de tarefas tradicionalmente asignadas ao traballo e decisión humanas, é infantilizar e desprotexer as persoas e as organizacións sociais e políticas ao atrofiar habilidades, roubarlles independencia e capacidade de axencia. No canto de “atrévete a saber” vivimos no “atrévete a confíar” ou directamente “ten fe”. Platón expresou no seu tempo reservas semellantes contra a escritura, outro tanto aconteceu coa imprenta ou hai medio século coas calculadoras. A radicalidade ideolóxica do cambio actual evidénciase en que delegamos as emocións máis íntimas nos algoritmos, fiámonos máis da máquina que doutras persoas, ou de nós mesmos, o cal pode ter consecuencias desastrosas na medicina, a xustiza, a educación, a gobernanza, as finanzas ou a guerra híbrida. Agora, é esta rendición ao ”nesgo da automatización” unha consecuencia da expansión tecnolóxica? Ou era o obxectivo?
*
O habitual cando a un o vixían é que quen espía procure por todos os medios que a persoa diana non se sinta espiada. A espionaxe informática pode funcionar así, ou pode ser consentida contractualmente, autorizada por nós. Sabemos que estamos sendo vixiados, ben como datos agregados ou persoalmente, dependendo da nosa relevancia para quen espía. A espionaxe sixilosa ten como obxectivo a obtención de información privada. Porén, a quen nos espía pódelle interesar deixarnos claro que estamos a ser espiados. Neste caso o propósito do seguemento é político: limitar a liberdade de expresión, facer que ao dar unha opinión nos autocensuremos ou directamente non opinemos, nos encapsulemos e renunciemos á interacción por medo ás consecuencias sociais, laborais, penais, ou simplemente polo temor a sermos malinterpretados.
*
O futuro non está escrito, quizais si codificado.
______
Artigo relacionado: A intelixencia máquina





