A IA que queremos. Un decálogo

| A velas vir

Nos debates sobre a IA obsérvanse dous bandos que sobrerreaccionan, prescinden do contexto e achican o espazo do pensamento reflexivo: optimistas e catastrofistas. As voces críticas etiquétanse no bando dos catastrofistas, negacionistas do progreso e o ben común: “Que alternativa propoñedes? No seu momento opuxéstesvos á máquina de vapor, o ferrocarril, a electricidade, a aviación, a televisión, a enerxía nuclear, internet. Sodes os do non, que hai unhas décadas chorabades porque as calculadoras ían desencadear a ruína das matemáticas e a capacidade de razoamento humano”.

Na pregunta pola alternativa vai de seu que non a hai. Se é tecnicamente posíbel, farase. Soprando, por moito que inches os pulmóns, non vas deter un furacán. Como vas impedir que a IA maximice o seu potencial? O márketing tech convídanos a deixarnos levar polas metáforas do futuro pero o futuro non debe impedirnos ver o presente: cando nun avión se detecta un erro técnico, é posíbel deixar todas as naves dese modelo en terra ata solucionar o problema. Un coche capaz de ir a 200 km/h, nas cidades ten limitada a velocidade a 30.

A crítica non discute os beneficios da IA na investigación, a medicina ou os procesos industriais. Porén, a IA é a primeira tecnoloxía na Historia que se propón a quimera de substituír todo o real por código e operar sobre o código.

A implantación acelerada da IA supón unha transferencia de poder e recursos públicos ás corporacións, isto alarga as desigualdades locais e a inestabilidade xeopolítica, ao canalizar o beneficio cara os países que proveen a tecnoloxía. En nome da produtividade os humanos somos tratados como mecanismos, non organismos. A concepción do corpo, a sociedade ou a fábrica como maquinaria favoreceu na Historia a crueldade e os autoritarismos. A condición orgánica non se lle discute á IA: intelixencia, conciencia, redes neuronais, alucinacións, aprendizaxe.

Cando hai lume na casa o primeiro é rescatar as persoas e impedir que a lapas se estendan. Examinar as causas para evitar lumes no futuro faise a posteriori. A crítica non discute os beneficios da IA na investigación, a medicina ou os procesos industriais. Porén, a IA é a primeira tecnoloxía na Historia que se propón a quimera de substituír todo o real por código e operar sobre o código. Ninguén lle declarou a guerra aos procesadores de textos por xubilar as máquinas de escribir, ou a google maps por facer o propio cos mapas Michelin. Nese contexto de pros e contras agroman as propostas do que facer co aumento da capacidade de computación, mesmo desde os enxeñeiros que a desenvolven. A maioría reclaman medidas semellantes. Velaí un decálogo posíbel:

1. A IA en si non existe, é unha amalgama heteroxénea que agocha persoas que traballan para innovar ou aumentar as capacidades de computación en contextos empresariais, infraestruturas físicas e decisións materiais, por iso a evolución da autodenominada IA non é incontrolábel. Por iso antes de dar cada paso hai que comprobar que o camiño nos leva a onde queremos e que o chan é firme.

2. A IA soa é coma un bebé so, sen a atención dun adulto responsábel. A combinación das capacidades de humano e algoritmo faina máis útil e minimiza os erros. A IA debe regularse coma calquera sector, non safar coa escusa de que se non o facemos nós vaino facer China. Sempre ha de haber alguén responsábel dos contidos e o desempeño, incluída a desinformación ou as neglixencias, non só ante os accionistas senón ante as persoas usuarias.

3. A tentación neo-fordista de substituír as ferramentas como apoio aos traballadores por traballadores como apoio das máquinas debe deixar paso ao aumento da produtividade, non para reducir traballadores senón para que produzan máis, e en tarefas novas, e así aumentar a produtividade da empresa.

4. A supervivencia da IA non está nos dinosauros, paradigma da extinción, senón na biodiversidade, modelos cativos e especializados con cortalumes que impidan a extensión dos erros: o oposto das macroempresas-lobby, instrumento de extrativismo, especulación e precarización laboral. A especulación non se apoia en empresas sólidas senón en empresas que fornezan ilusión de crecemento, a estafa piramidal.

5. Para que a actividade da IA poida ser auditada, os modelos deben ser de código aberto e transparente. Esta debería ser condición previa para operar no mercado.

6. As administracións deben valerse dunha IA autónoma e segura para protexer a soberanía en áreas sociais sensibeis e estratéxicas: sanidade, educación, facenda, infraestruturas, finanzas, seguridade e exércitos, etc, non permitindo que o software opaco e privado suplante o Estado e o volva dependente.

7. Os chatbots deben empregar interfaces que non leven os usuarios vulnerabeis á confusión de que están a interactuar cun ente sentinte, evitando a arquitectura conversacional en favor dunha linguaxe neutra.

8. A IA debe ser un recurso ao que as persoas acceden a vontade, non unha intrusión pola forza ou o engano nas vidas privadas para vixialas, manipulalas, ameazalas ou tratalas como animais domésticos ou mascotas.

9. O progreso da IA non debe derivarse da extracción masiva e non autorizada de información e contidos privados, nin a costa de consumir recursos básicos para a poboación, como a enerxía ou a auga. A IA resulta na práctica beneficiosa cando é unha creación colectiva, como a Wikipedia.

10. A IA non debe desenvolverse asimetricamente favorecendo os países ricos ou as elites, mentres se nutre de traballo analóxico e semiescravo non países pobres ou nas capas desfavorecidas.

Poderíanse elaborar outros decálogos e sen dúbida OpenAI, Google, Amazon, Tesla, Apple, Anthropic, Meta, Oracle ou Nvidia teñen os seus propios. O de Palantir ten vintedous puntos e arguméntase e aplícase a bombazo limpo. Quod erat demonstrandum.