Ou patriotas ou Erasmus

| As deshoras

Aínda hoxe é frecuente atopar nos medios de comunicación artigos e reportaxes que encomian o programa Erasmus como unha das iniciativas máis felices da Unión Europea. Deixando aparte o consabido anecdotario estudantil, case sempre se salienta que o Erasmus supón un gran reforzo para o sentimento europeísta entre as novas xeracións. O programa naceu en 1987 de forma moi modesta, cunha dotación equivalente ao que hoxe serían 72 millóns de euros. Na actualidade Bruxelas e os países participantes dedícanlle máis de 26.000 millóns. O éxito crecente do Erasmus compensou, quizais dun xeito non exclusivamente simbólico, a gran onda europesimista que se viviu na primeira década deste século, cando a UE tivo que renunciar á formalización xurídica dunha Constitución Europea tras os resultados negativos dos plebiscitos celebrados en Francia e nos Países Baixos. Pero a idea dunha Europa cada vez máis forte e unida, vertebrada xa non só por intereses económicos senón tamén por lazos internacionais de amizades, corpos e anacos de vida compartidos, parecía ter o seu porvir asegurado por centos de miles de rapaces circulando cada ano polo territorio común europeo. 

Tres feitos 

Agora, sen embargo, o estado tan impredicible do mundo está botando abaixo o optimismo erasmiano. Hai cinco anos -cando case todo o mundo dicía que da pandemia “sairíamos mellores”- aos europeos poderían parecernos imposibles tres cousas que finalmente se fixeron realidade: Putin invadiu Ucraína, Trump volveu á presidencia dos Estados Unidos e a xuventude pegou un sorprendente chimpo nas súas preferencias políticas cara aos populismos de extrema dereita. Estes tres feitos condicionan, outra vez para mal, o presente da Europa do século XXI, xa ben baqueteada pola Gran Recesión de 2008, o Brexit e a pandemia. 

No leste de Ucraína librábase desde 2014 unha microguerra entre as unidades militares ucraínas e as milicias que reivindicaban a incorporación do Dombás a Rusia. Era unha desas guerras máis de escaramuzas que de batallas, que aparecía pouco nos xornais. Ninguén pensaba que aqueles combates sen tanques nin avións ían desembocar no bombardeo de Kiev e na ocupación rusa dun territorio moito máis amplo que o disputado. Pero ocorreu. E desde 2022 gran parte da política interior e exterior europea está atravesada por esa guerra imprevista cuxo final non dá chegado. 

No que respecta á Unión Europea, o conflito ucraíno divídese en dúas fases perfectamente diferenciadas: a fase Biden e a fase Trump. Na primeira, a decidida defensa europea da soberanía de Ucraína e da legalidade internacional contou co apoio igualmente firme dos EE.UU. Co cambio na presidencia as cousas tomaron outro rumbo. Sen contar cos europeos nin con Zelenski, Trump propuxo un acordo de paz que semellaba escrito por Putin. Simultaneamente, e con calculada ambigüidade, xogou coa continuidade da axuda militar a Ucraína para imporlle á UE uns aranceis non recíprocos que inclúen compras multimillonarias de enerxía e armas estadounidenses. 

Abolir a Unión Europea 

E hai un par de meses o goberno MAGA fixo pública a súa Estratexia de Seguridade Nacional, un documento tamén moi do gusto de Putin, que supón un xiro brutal niso que adoita chamarse “relación transatlántica”. O texto acumula moitas valoracións negativas sobre a UE, pero contén ademais un aspecto programático: na visión de Trump (casualmente coincidente coa de Putin), Europa só terá futuro desunida e desregularizada. O filonazi Elon Musk encargouse de dicilo sen ningunha cautela na súa rede social: “A UE debe ser abolida”. De concretarse tal desexo, a alternativa á UE sería a renacionalización de Europa a través da chegada ao poder dos diferentes partidos patrióticos ubicados no espazo do populismo de ultradereita. Iso é o que quere EE.UU para os seus exaliados europeos. 

Ao mesmo tempo que esta desalentadora converxencia de intereses entre a Rusia de Putin, os EE.UU. de Trump e as cobizosas tecnolóxicas americanas vai construíndo unha intimidante pinza sobre Europa, os estudos demoscópicos coinciden en advertir do desprazamento do voto dos rapaces novos cara aos partidos patriotas. Non creo estar moi equivocado se afirmo que desde os anos 50 do século XX non había un corremento semellante nas posicións políticas da mocidade occidental. 

Dos hippies aos zetas 

De feito, xa case estabamos acostumados a percibir a xuventude como un segmento etario naturalmente inclinado ás esquerdas e, por tanto, ao progreso da autoconciencia do mundo. É certo que para interiorizar como é debido esta crenza había que deixar á marxe episodios como a fervorosa participación de boa parte da xuventude universitaria alemá dos anos 30 no acoso e purga do profesorado xudeu, ou na queima pública de libros “marxistas”. Ben, podía tratarse dun pequeno receso na marcha da historia, só un pouco máis rechamante que a entrega da giovinezza italiana a aquel gran cantor da enerxía e a afouteza da mocidade que foi Benito Mussolini. 

Podería pensarse que as querenzas nazis e fascistas da rapazada daqueles tempos do cuplé foron episodios anómalos e irrepetibles, xa redimidos para sempre polo entusiasmo contestatario dun proceso histórico do que formarían parte os hippies antibelicistas californianos, os maoístas e situacionistas do 68 parisino, os estudantes españois que perturbaban unha e outra vez a orde pública franquista, e mesmo os enrabechados punkis británicos do 77. O avance da liberdade, a igualdade e a fraternidade non se detería nin sequera ao chegarmos, pasando pola perplexa xeración X e os dixitalizados milenials, ao singular momento de xenuína vulnerabilidade e empático igualitarismo encarnado polos zetas. 

Relatos como o que acabo de caricaturizar teiman na consideración das sucesivas xuventudes coma grupos compactos -se ben definidos tan só polos seus integrantes máis vistosos e disruptivos- destinados a dar un paso adiante na marcha da historia. A min, en cambio, paréceme que, alén de catro cousas contextuais de certa importancia, ser boomer, xis, milenial, zeta ou alfa é un criterio aproximadamente tan válido coma o signo zodiacal en canto marca identitaria. En calquera caso, o horóscopo xeracional énchese agora de fendas por obra e graza das sondaxes, unánimes na percepción de que a extrema dereita é a opción favorita xa non só dos catalogados como zetas, senón tamén dos míticos e xa case cuarentóns milenials. 

Trátase da típica reacción de rebeldía e inconformismo xuvenil contra o establecido? Será a culpa toda das redes sociais? Ou do abuso das trangalladas derivadas da corrección política? Ou do prezo da vivenda? Ou dos traballos aburridos e precarios? Pareceralles cutie Santiago Abascal? Non sei. Eu só digo que os rapaces novos deberían pensar que se os patriotas acaban coa UE tamén deixará de haber Erasmus.