Tiña media ducia de anos máis ca min, pero desde que nos coñecimos nos tempos universitarios, alá polo 1976 ou 1977, iniciamos unha relación de amizade que non se rompeu ata que a morte chamou por el o pasado 12 de marzo. Xa daquela Antón Louro era un galeguista e un socialdemócrata clásico, definicións ás que se mantería sempre fiel, cunha idea da política que a min me resultaba un tanto extraña polo seu realismo, cualidade non excesivamente abundante entre os mozos esquerdistas galegos da Transición.
Cando foron convocadas as primeiras eleccións democráticas en 1977 Louro militaba aínda no Partido Socialista Galego, unha organización creada en 1963 desde o despacho compostelán de Ramón Piñeiro e integrada en gran medida por vinteaneiros que arelaban acción política e non só traballo cultural. Naquelas eleccións non se dirimía só o primeiro mapa político real de Galicia. Había tamén outras batallas, como a que atinxía ao disputado campo da esquerda e, en particular, do socialismo democrático. Presentábanse nese espazo tres candidaturas -PSOE, PSP e PSG- e os resultados foron inequívocos: o PSOE, con 175.000 votos (un 16%), foi a única forza de esquerdas que conseguiu colocar tres parlamentarios entre os vinte e sete que aspiraban a un escano no Congreso. O PSG recibiu uns 27.000 votos, o que equivalía a un 2.5% do electorado. As dúas opcións de dereitas (UCD e AP) obtiveron o apoio de case un 70 por cento dos votantes.
Do PSG ao PSdeG-PSOE
O proceso de confluencia socialdemócrata no PSOE acelerouse en toda España e tamén en Galicia. Aquí un grupo de militantes do PSG, entre os que se atopaban González Laxe, Xerardo Estévez, Ceferino Díaz, Xosé Luis Rodríguez Pardo, Bonifacio Borreiros e o propio Antón Louro, acabaron incorporándose ao partido xa comandado por González e Guerra. Non foi unha decisión oportunista, senón un reflexo desa maneira pragmática e realista de entender a política que sempre caracterizou a Louro. Tampouco fixeron falta renegos ideolóxicos: os novos persoeiros conformaron unha tendencia, se ben non formalizada como tal, galeguista e federalista nun PSOE que non tardaría en redenominarse como PSdeG-PSOE. Do que se trataba, no fondo, era de intentar a conciliación das dúas almas sempre latexantes no socialismo galego: por unha parte a máis progresista e sindical, centrada na mellora constante da vida, a economía e os dereitos dos traballadores, e por outra a alma máis galeguista, contextual e singularizada, atenta ás cuestións territoriais, medioambientais, culturais e lingüísticas, non nacionalista e politica e xuridicamente solidaria do principio de subsidiaridade que preside a distribución competencial do poder na Unión Europea.
Louro e Touriño
Louro desempeñou un papel clave na forxa dun PSdeG-PSOE capaz de fusionar esas dúas almas e tamén de funcionar como un partido unido e non como unha suma mal levada de agrupacións locais. Despois dos malos resultados socialistas nas eleccións galegas de 1997, nas que cedeu ao BNG a condición de segundo partido máis votado, a á socialdemócrata e galeguista do PSdeG-PSOE conseguiu que o seu principal dirixente, Emilio Pérez Touriño (que non procedía do PSG, senón do Partido Comunista de Galicia), accedese á secretaría xeral no congreso celebrado en Ourense un ano máis tarde. E con Touriño, Antón Louro, a súa man dereita, pasou a ocupar a secretaría de organización, ese posto determinante e sempre polémico en calquera partido político.
Nin por disposicións caracteriais nin por vocación podería considerarse a Louro un apparatchik, ese tipo de militante obsesionado polo poder orgánico e polo control dos detalles máis cativos da vida interna das organizacións. E sen embargo foi un excelente secretario de organización, Tarefa na que o axudaron moitro a súa franqueza, nin artificiosa nin ferinte, e as súas innatas capacidades para distinguir rapidamente o importante do accesorio, para non afondar en disputas inútiles e para salvagardar sempre a relación persoal por riba das discrepancias políticas. Como subliñaron todos os medios de comunicación tras a súa morte, o traballo organizativo de Louro foi crucial para que en 2004 Touriño obtivese o mellor resultado electoral na historia do PSdeG-PSOE e, en coalición co BNG de Anxo Quintana, chegase á presidencia da Xunta.
Na política cultural
Esta apretada recensión da biografía política de Louro quedaría coxa se non lembrase nela o seu constante interese pola vida cultural galega. O único cargo gubernamental que desempeñou nas institucións autonómicas foi o de subdirector xeral de Cultura durante o goberno de González Laxe, entre 1987 e 1990. Dúas das súas preocupacións principais neses anos foron a promoción e afortalamento do teatro e o audiovisual galegos, retomando a liña iniciada anos antes por Luis Alvarez Pousa. O mesmo día da morte de Louro, Gonzalo Rodríguez Calvo lembraba a súa activa participación no I Encontro de Teatro Profesional, celebrado no Ateneo de Ferrol en 1988. E Xúlio Lago engadía que tanto Louro como Bonifacio Borreiros estiveron presentes todos os días que durou aquel convivio: “Quería saber -di Lago- e para iso os dous decidiron escoitar”. Esta actitude aberta e cooperadora, libre de suspicacias e renuencias cara aos creadores, tan pouco habitual entre os políticos, ilustra á perfección o talante de Louro e o seu xeito de entender a relación entre os poderes públicos e o mundo cultural.
Nacido para axudar
Como recordou Anxo Lugilde no seu obituario en “La Vanguardia”, Antón Louro cría que “o primeiro na vida é ser boa persoa”. Probablemente somos moitos os que subscribiríamos sen dubidalo unha aseveración dese tipo, pero tamén é case seguro que son moitos menos os que conseguen confirmar ese lema coa súa práctica cotiá. Louro estaba entre esa minoría, non sei se inmensa, de persoas boas, e nin sequera a súa dedicación vocacional, entregada, a unha actividade tan propicia ás gatadas e ás xenreiras como a política logrou desvialo dese xeito de entender a vida e de andar polo mundo. Foi un axudador nato, un doante de auxilios que nunca cobraba e dos que nin se lle pasaba pola cabeza levar a conta. Coa súa morte desaparece un home nobre cuxo recordo perdurará entre todos os que o frecuentamos e o quixemos.





