O monstro engorda

| As deshoras

Ilustración de apertura: Gogue

Ninguén debería sorprenderse se Vox chega en breve a gobernar ou, polo menos, a ter a posibilidade de participar nun goberno de coalición co Partido Popular ou, en calquera caso, de condicionalo desde o Parlamento nunha medida moi elevada. A demoscopia semella confirmar o corremento do electorado cara ao bloque da dereita bipartita. E nin sequera o aliñamento tan servil e pouco patriótico de Abascal con Trump parece cargo suficiente para deter o avance ultra. Seica o badulaque americano lle fai graza a un número crecente de votantes novos. 

Canto máis enfurecida é a oposición de Feijóo a Sánchez, máis votos enfurecidos para Vox. E o mesmo ocorre cos posicionamentos do xefe popular en asuntos como a inmigración. 

As sondaxes aparentemente máis fiables coinciden noutro punto curioso: o incremento da intención de voto dereitista non estaría a favorecer ao PP, senón a Vox. Canto máis enfurecida é a oposición de Feijóo a Sánchez, máis votos enfurecidos para Vox. E o mesmo ocorre cos posicionamentos do xefe popular en asuntos como a inmigración. Entre os cidadáns convencidos de que a chegada de estranxeiros é un gravísimo perigo, as contundentes propostas voxeiras de deportacións incuantificadas, masivas e ilegais teñen mellor acollida que as ambigüidades de Feijóo.  

E mentres o noso paisano non se atreve a ensinarlle nin medio dente a Vox, Abascal intensifica os seus ataques ao PP, a quen se refire continuamente como “o PSOE azul”. No debate parlamentario sobre o caso Koldo-Ábalos-Cerdán, o líder ultra  definiu a PSOE e PP como “dous actores distintos dunha comedia que xa dura demasiados anos” e insistiu na frecuente coincidencia de populares e socialdemócratas nas votacións no Parlamento Europeo, ambos ao servizo do que o vasco denomina “as axendas globalistas”. En fin, o que está facendo Vox é intentar revivir a xenreira contra o bipartidismo que tantos réditos (efémeros) lle deu a Podemos nos tempos en que Pablo Iglesias se erixiu en tribuno da plebe. En poucas palabras, aquilo de “PSOE, PP, a mesma merda é”. 

Creo que é lexítimo preguntarse se os dous partidos grandes, cegados ambos polo odio mutuo e pola desastrosa estratexia da polarización, serán capaces de decatarse de que son eles -e a penosa imaxe que transmiten da política- os principais responsables de que o monstro engorde cada día un pouco máis. 

Xudeus contra a guerra 

Eran uns trescentos xudeus, todos eles vestidos con camisetas vermellas. Exhibían pancartas con lemas como Let Gaza live, Permanent ceasefire now ou Jews say stop arming Israel. Concentráronse en Washington o mes pasado e sentaron no chan da rotonda do Capitolio ata que a policía os desaloxou e levou esposados a algúns deles. Esixían a fin da guerra que o goberno de Netanyahu perpetra en Gaza e vai estendendo a Cisxordania, unha guerra que non é contra Hamás senón contra a totalidade da poboación palestina. Os brutais asasinatos, masivos e indiscriminados, realizados por Hamás en outubro de 2023, acabaron servíndolle ao goberno israelí como a coartada perfecta para iniciar unha matanza aínda moito máis masiva e indiscriminada. Son xa máis de 60.000 mortos e uns 15.000 desaparecidos, a inmensa maioría cadáveres baixo os escombros. Máis dun 3 por cento da poboación gazatí.   

Se o uso de figuras delictivas como crimes contra a humanidade, limpeza étnica e xenocidio non pareceu inapropiado no caso de Slobodan Milosevic e as guerras por el desatadas na antiga Iugoslavia, tampouco parece que sexan necesarias moitas máis evidencias que as que nos ofrecen a diario os medios de comunicación para aplicarllas a Netanyahu e o seu goberno. Un pregúntase se Trump tamén acusará de antisemitas a ese grupo de xudeus do Capitolio. Antisemita é esa palabra que, en boca de Netanyahu ou do Big American Idiot, ten o mesmo valor que cando Franco denigraba como antiespañois a demócratas e exiliados. Ou como cando calquera tirano indisimulado -Alí Jamenei, Putin, Maduro…- converte en traidores á patria aos seus opositores políticos, aos disidentes, aos que din que así non. 

Como fan día tras día o xornal Haaretz e centenares de miles de israelís, estes xudeus norteamericanos estaban expresando a súa negativa a facérense cómplices, vociferantes ou silenciosos, da práctica criminal dos seus dirixentes políticos. Non poden reverter o resultado electoral que fixo  primeiro ministro a Netanyahu, pero fan o que poden facer: negar que ese malvado os represente, dicir nun lugar de altas connotacións políticas e simbólicas que se desvinculan da matanza, que se opoñen a ela. Que non, en definitiva. E cando anda polo medio algunha das vellas palabrotas sagradas -patria, nación, ideoloxía, relixión, inimigo, guerra, identidade…- ese sonoro e sinxelo monosílabo nunca é fácil de pronunciar. Ben por eles. 

Xúlio Lago 

Para acabar ben a sección deste mes direi que vai xa un montón de anos desde que coñecín a Xúlio Lago. Foi en Vigo nos primeiros anos da década dos 70, cando Xúlio xa militaba na causa teatral e organizaba unhas Xornadas de Teatro Independente polas que pasaron algunhas das compañías máis sobranceiras da escena underground española e tamén prestixiosos xornalistas e críticos teatrais. Eu era un adolescente e aquelas xornadas seguen vivindo na miña memoria como calculo que perduraría nas lembranzas dun mariño do século XV a descuberta dunha terra incognita semellante ao Paraíso, chea de plantas exuberantes, animais nunca vistos e olores xamais percibidos. Despois daquela aventura inicial Xúlio Lago había de converterse nunha das presenzas artísticas e humanas máis indagadoras, inquedas e dotadas do teatro galego. Estivo en todas as batallas, en todas as comisións, asociacións, plataformas, proxectos, iniciativas, debates e foros sen os cales o teatro galego non sería a realidade irreversible que hoxe é. É un bo actor e un moi bo iluminador, pero destacou sobre todo como concienciudo e sutil director de escena, actividade que en Galicia só acadou a condición de profesión ou oficio grazas a el e a uns cantos compañeiros de xeración. Cando escribo estas liñas faltan só uns poucos días para que a Academia Galega de Teatro lle faga entrega do premio que leva o nome desa bonita institución cultural, un premio que recoñece traxectorias sinaladas pola teimosía e pola excelencia. Alí estaremos e, se cadra, contaremos.