Notas sobre as certezas

| As deshoras

Soa un pouco paradóxico, pero hoxe parece que a única gran certeza é que vivimos nunha época de gran incerteza. Persíguenos decote unha avalancha aceleradísima e inmanexable de datos, informacións e desinformacións, noticias certas e falsas, diagnósticos disímiles e opinións contraditorias. E de forma natural rematamos por poñer case todo entre perplexos interrogantes, por adiar o xuízo e por non saber que crer nin que pensar. O mundo dos humanos estivo sempre dominado pola incerteza e pola complexidade, pero nunca estivemos tan sometidos coma hoxe a esa constante adquisición, ás veces mesmo involuntaria, de mensaxes de toda caste.  

A incerteza actual, ademais, xa non ten como fonte única as turbulencias do presente. Agora proxéctase tamén a ese vellísimo paraíso dos esperanzados ao que chamamos futuro. Ese lugar ideal para a realización dos nosos máis fermosos soños, o tempo que sen dúbida melloraría o estado actual das cousas… En fin, o futuro de toda a vida está enrarecéndose e adquirindo un aspecto cada vez máis dubidoso, mesmo sinistro. E xa non son tarotistas nin profetas espeluxados, senón científicos e tecnólogos os que nos traen as noticias de pasadomañá. 

Sobrancean entre estas as que vaticinan -a moi curto prazo- disrupcións bruscas e inevitables nas vidas das xentes, derivadas de invencións xa non quiméricas que inaugurarán unha época completamente nova na historia da humanidade: tecnoloxías fáusticas que van desde a intelixencia artificial xeral -e a súa promesa de rematar coa práctica totalidade do traballo humano- ata a nova carreira espacial, agora vencellada aos calígulas das redes sociais e o comercio electrónico que xa fan plans para colonizar Marte e deixarlle ao famoso 99 por cento unha Terra inhabitable. Empezan tamén a aparecer nos móbiles entrevistas con científicos que explican que xa está aberto o camiño para a prolongación da vida, con boa saúde, ata os 125 ou os 150 anos. E todos nos preguntamos que nos vai ocorrer a nós e aos nosos fillos e netos cando o traballo se volva innecesario, de onde van saír os cartos, se merecerá a pena facerse cun robot sexual ou se abondará co satisfyer, ou como se vai organizar iso da nova lonxevidade e se a vai cubrir a Seguridade Social. Iso por non falar de que a ameaza nuclear, esquecida durante algúns anos, volve pairar, insidiosa e putiniana, sobre o noso pequeno anaco de mundo. 

Seguridade e prosperidade 

Algúnhas xentes de letras, talvez facendo da necesidade virtude, tendemos a eloxiar a pregunta máis que a resposta, a dúbida máis que a certeza. Sen embargo, a maior parte dos humanos quere certezas porque sente que sen elas todo cambalea. Con elas cambalea igual, pero as certezas, mesmo as que manteñen unha relación fantasiosa coa realidade, traen consigo unha sensación que se podería asociar á seguridade existencial, á vida con sentido. Nos mundos premodernos esa sensación fundamentábase na relixión, gran lazo de cohesión comunitaria. Coa secularización e a modernidade, ese papel pasaron a desempeñalo as ideoloxías de redención -nacionalismo, racismo, comunismo, anarquismo, etc.-, que hoxe sobreviven mutadas en diversas crenzas, dispares e mesmo opostas, que só teñen en común a capacidade de crear microcomunidades identitarias máis ou menos solidarias. Pero fóra destes nichos sectarizados, creo que a certeza que goza de maior aprezo social é a que se vincula cos valores da seguridade e a prosperidade.  

Se a democracia liberal resultou un éxito en Europa e noutros países occidentais ou occidentalizados, non foi tanto porque as persoas amasen a liberdade, a igualdade e a fraternidade, senón porque a democracia produciu paz, seguridade e prosperidade nun grao moito maior do que o fixo calquera ditadura. A República de Weimar, co ascenso legal e constitucional do nazismo ao poder, é o mellor exemplo de que as liberdades democráticas perden gran parte da súa relevancia social se a inseguridade económica non che deixa saber se poderás comprar ao día seguinte unha barra de pan, ou se hai bastantes posibilidades de que ao ires á panadería te vexas envolto nunha pelexa tumultuaria, disparos incluídos, entre bandas ideolóxicas rivais. 

Certeza e sandez  

O século XX amosou con bastante claridade que é case sempre a dereita máis radical e demagóxica quen mellor aproveita as conxunturas marcadas pola incerteza política e económica. E no século XXI non semella que as cousas cambiasen moito. O medo asociado á incerteza é unha emoción tan feroz e poderosa que mesmo pode prender sobre bases falsas e irracionais, como se pon cada vez máis de manifesto no debate sobre a inmigración. É innegable que a chegada masiva de estranxeiros crea problemas novos, uns máis graves e outros máis leves, como ocorre con todo cambio social de gran calado. Pero debería ser aínda máis evidente que a evolución demográfica europea chegou a un punto no que os nosos países, tal e como os coñecemos, carecen de perspectivas sen as achegas laborais e económicas dos que van chegando. Sen eles, auténtica inxeccción de xuventude nos nosos vetustos corpos sociais, non haberá nin sistemas públicos de saúde con capacidade para atender a unha poboación cada vez máis envellecida e lonxeva, nin tampouco pensións públicas sostibles. 

E aínda así, o falaz discurso xenófobo ábrese paso amparándose en memes, vídeos manipulados e teorías conspiranoicas tan idiotas como a da Gran Substitución. Non son poucos os que cren firmemente nesta sandez, que poñen en relación directa coa benintencionada e nada misteriosa Axenda 2030. Ante certezas como estas, é moito mellor non ter ningunha.