Nihilismo foi unha palabra durante moito tempo confinada en espazos académicos. Alí vivía entre teólogos, filósofos e estudosos da literatura que se ocupaban de asuntos como a xustificación da necesidade de Deus, o romanticismo alemán, as novelas de Dostoievski, os populistas rusos do século XIX e, sobre todo, as obras de Nietzsche e os seus ecos no século XX, desde Heidegger ata a posmodernidade dos anos 80 e a crise dos grandes relatos 

Desde hai algún tempo, sen embargo, nihilismo aparece con frecuencia cada vez maior nos medios de comunicación masivo, en ensaios de éxito como La derrota de Occidente (Emmanuel Todd, Akal) e mesmo nas redes sociais. Pode aceptarse que se está a converter nun deses termos que, orixinados en pensadores en principio moi minoritarios, acaban pasando a formar parte do vocabulario común. Palabras como estética (inventada por Baumgarten e aventada por Hegel), subconsciente (Freud) ou capitalismo (Marx) fixeron xa hai moitos anos ese mesmo camiño que agora percorre con paso firme a palabra nihilismo. Un síntoma, supoño. Pero de que? 

Sós e á intemperie 

Por dicilo rápido, nihilismo supón non crer en nada transcendental, incluíndo neste adxectivo calquera ilusión inxenua dunha “sobredeterminación ideolóxica e moral, dos nosos comportamentos”, como escribe Franco Volpi (El nihilismo. Siruela). Non se trata só, entón, dunha forma de ateísmo, senón dunha invalidación da presunta superioridade de calquera valor ou crenza substitutiva da relixión, xa sexa de índole filosófica, moral, política ou ideolóxica, para establecer de forma obxectiva e absoluta o que é bo e o que é malo. O nihilismo é un ateísmo expandido. Se Deus, señor e garante do ben e do mal, desapareceu, quedamos sen unha importante vara de medir. Se desaparecen tamén os seus sucedáneos modernos quedamos sen ningunha vara de medir. Sós e á intemperie. Expostos e perplexos nunha existencia sen sentido. Non é fácil, pero… 

Ateos, pero non nihilistas 

“Se Deus non existe todo está permitido”. Esta frase de Ivan, un dos irmáns Karamazov dostoievskanos, foi nun tempo moi difundidada por sectores conservadores e católicos co afán de advertir de que un mundo sen un poder sobrenatural con capacidade punitiva sería un lugar moi perigoso dominado polo caos, o abuso e o mal. Napoleón Bonaparte, que non cría en Deus, consideraba que a relixión era unha ficción útil para a salvagarda da orde social, un estímulo baseado no medo para promover a boa conducta dos cidadáns.  

A extrema dereita pode ser cínica, manipuladora, bruta e destructiva, pero non é nihilista. Non pode selo quen pon a Deus, a Nación, a Raza, a Virilidade e o Bitcoin no cimo do seu ideario. 

O outro día vin un debate sobre a relixión, emitido na BBC hai xa uns vinte anos, entre Christopher Hitchens e Tony Blair. Hitchens, ateo militante, repasou o historial de crimes e canalladas das grandes relixións monoteístas, pero o seu argumento central consistiu na humillación que supoñía para a dignidade humana ter que facer o ben só por medo a un castigo eterno decretado por un ser inverosímil. A relixión, concluía, era unha superstición para nenos pequenos incapaces de ser libres. Blair, católico practicante, puxo en valor a obra asistencial da Igrexa e as súas organizacións humanitarias en África e noutras zonas do mundo. Dicía que era a fe relixiosa o que levaba a tantas persoas a axudar voluntariamente aos necesitados, mesmo con risco das súas vidas. E engadiu que os peores tiranos do século XX, responsables directos de millóns de asasinatos, foran dous ateos, Hitler e Stalin. Concluído o debate, o ateo e o católico aplaudíronse mutuamente e déronse a man. 

Eu ía máis por Hitchens, pero Blair tiña razón no relativo a Hitler e Stalin, un par de exemplos perfectos de ateos non nihilistas: ambos substituíron o Deus de cadansúa infancia por crenzas -místicoides no caso de Hitler, científicas no de Stalin- en cousas tan peregrinas como a superioridade da raza aria ou o comunismo de purga e gulag. Contra o que é habitual sinalar, a matanza industrializada, ordenada e rotinaria dos xudeus nos campos nazis non é un produto da descrenza nihilista, senón das firmes conviccións nazi nos valores nazis. Se hai algo do que non se pode acusar ao nazismo nin ao estalinismo é de carecer de conviccións e valores, de non profesar crenzas inconmovibles e absolutas. E a experiencia histórica indícanos que calquera absoluto, independentemente da calidade utópica dos seus supostos e aspiracións, está sempre en risco de caer no fanatismo e, consecuentemente, nalgunha forma de barbarie.  

Ideario 

A vertixe do nihilismo –“hóspede inquedante” chamáballe Nietzsche- é parte ineludible do proceso iniciado coa modernidade escrutadora da natureza, tecnocrática, cobizosa e prometedora dunha felicidade eternamente insatisfeita. A propia democracia liberal, entendida polos políticos norteamericanos máis torpes coma un absoluto, incorpora trazos nihilistas na súa negativa fundamental a establecer Verdades Absolutas que estean por riba das crenzas, desexos e vontades plurais dos seus cidadáns. E talvez é iso mesmo o que agora a está poñendo en risco.  

Pero eses estados de opinión proclives á ultradereita que se van naturalizando entre nós baixo a denominación de nihilismo son máis ben un fenómeno explosivo e xuvenil dirixido case exclusivamente contra a política e os políticos. É unha reacción política antisistema inducida basicamente por unhas redes sociais dominadas por demagogos ultras e pola carreira de erros na que están empeñados PSOE e PP, unha competición feita de improperios mutuos que só redunda no desprestixio de ambos partidos e, o que é moito máis grave, do sistema político e institucional ao que se deben.  

A extrema dereita pode ser cínica, manipuladora, bruta e destructiva, pero non é nihilista. Non pode selo quen pon a Deus, a Nación, a Raza, a Virilidade e o Bitcoin no cimo do seu ideario. E parece que hai cada vez máis xente nova que aínda confía en que semellante programa -a Vox non se lle coñece outro- vai actuar como a poción máxica que lles resolverá os problemas do traballo, do salario, da vivenda e mesmo do celibato involuntario. Van aviados.