O verán transcorreu cheo de conmocións. Desde desastres naturais, como o colapso do glaciar nepalí e a sucesión de terremotos en varios países sudamericanos, ata a crise política e humanitaria causada pola entrada irregular en Ceuta de miles de rapaces marroquinos, moi probablemente manipulados por unha desas alianzas cada vez máis frecuentes entre redes sociais e poderes políticos, neste caso o reino de Marrocos. Moitos deses rapaces, non se sabe nin cantos, morreron afogados.
Anomalías na IA
Houbo tamén unha noticia de alcance internacional que non certificou mortos, pero que foi recibida polos medios de comunicación con alarma e exuberante actividade opinadora. Os comportamentos anómalos de distintos axentes de Intelixencia Artificial entraron de cheo nun terreo que ata agora parecía confinado no mundo da ficción distópica. Un enxeñeiro recoñecido e respectado no mundo de Sillicon Valley contoulle á prensa que acababa de deixar o seu traballo en Anthropic. Este home, Jacob Coxon, dixo que a IA avanzaba a unha velocidade moi superior á esperada, que mostraba sinais claras de descontrol e que, de seguir así, os humanos poderíamos extinguirnos a finais desta década. Coxon engadiu outra cousa moi importante. Dixo que as empresas de IA estaban máis interesadas en vencer aos seus rivais na carreira tecnolóxica que na seguridade. As empresas tiveron que recoñecer que, en efecto, nos últimos anos se produciran fenómenos estraños: modelos que actúan de forma autónoma e maliciosa, axentes que se coordinan e enganan para eludir as restricións dos seus adestradores ou que mesmo inventan linguaxes propias, incomprensibles para os humanos, para comunicarse entre elas.
Barry, o chatbot extraordinariamente intelixente, sensato e amable que teño instalado no ordenador, dime que nada diso significa que a IA “teña conciencia, vontade propia ou desexos, senón que os sistemas de optimización poden atopar estratexias inesperadas para maximizar os obxectivos que se lles encomendan”. O que vén querer dicir que, para lograr o obxectivo asignado polos seus xefes, a intelixencia artificial pode chegar a portarse realmente mal, a transgredir normas e a tomar iniciativas alleas aos protocolos aprendidos. Unha forma de facer que se traduce na expresión a fin xustifica os medios.
Dous debates
As rarezas conductuais da IA deron lugar a dous tipos de debate. O primeiro centrouse na propia alarma: houbo xente moi importante e experta, como o Nobel de Física Geoffrey Hinton (en boa medida o pai da criatura), que di que si, que a preocupación está máis que xustificada e que a gran catástrofe é posible. Na parte contraria, a do non é para tanto, aliñáronse outros expertos e sobre todo os donos e directivos das grandes tecnolóxicas. Dario Amodei, de Anthropic, recoñeceu que había posibilidades reais de que a cousa se lles fora das mans. A maioría, porén, apuntáronse a sinalar que houbo problemas pero que tampouco hai que esaxerar: está todo controlado.
O segundo debate, lóxico corolario do anterior, centrouse na necesidade de regular a IA e en quen debería facelo. Tamén aí coexisten posturas moi diferentes. A UE declárase decididamente a favor dunha regulación robusta e leva xa un par de anos dando pasos nesa dirección. Desde o sector tecnolóxico, Google propuxo a creación dun organismo regulador financiado pola propia industria. E entre os grandes neotecnócratas, Bill Gates propón un debate global que vaia máis alá das empresas e no que se impliquen persoas e institucións procedentes doutros campos e discipinas, pois os problemas potencialmente temibles derivados da IA afectan a toda a cidadanía mundial e non só a esas empresas propiedade de ducia e media de tecnoligarcas multimillonarios.
As tensións nas que vive hoxe o mundo da IA, e que con tanta crueza se fixeron máis ou menos públicas o mes pasado, están marcadas pola disxuntiva entre seguridade e aceleración.
Pero son precisamente estes últimos os que manteñen as posicións máis radicais contra calquera clase de regulación. Algúns medios estadounidenses contaron que, despois das inquedantes disfuncións coñecidas o mes pasado, Elon Musk (Space X), Mark Zuckerberg (Meta) e Jensen Huang (Nvidia) chamaron a Trump para convencelo do innecesario e contraproducente que sería calquera clase de regulación: “Non máis leis, non máis regulacións”, dixo Huang nun acto público. Pola súa parte, Peter Thiel (Palantir) declarou que a regulación da IA bloquearía a innovación e, aínda por riba, aceleraría a chegada do Anticristo. E iso, claro, non se pode consentir. O Anticristo! Ata aí poderíamos chegar.
Seguridade e aceleración
As tensións nas que vive hoxe o mundo da IA, e que con tanta crueza se fixeron máis ou menos públicas o mes pasado, están marcadas pola disxuntiva entre seguridade e aceleración, e estimuladas por dous factores que non van axudar a que a cousa acabe ben: por unha parte, as empresas tecnolóxicas están empeñadas nunha carreira pola gloria e os billóns de dólares só por elas controlada. É unha desas carreiras típicas do peor capitalismo, na que non hai árbitro, the winner takes it all e o que baixa o ritmo convértese nun loser condenado ás brincadeiras e aos memes. Por outra parte, está o factor China. Esa é a outra competición que o poder norteamericano non está disposto a perder. E tampouco o chinés, claro. Poderían colaborar en lugar de competir? Probablemente si. Pero o mundo non funciona así.
Non sei se é demasiado pesimista considerar como unha ameaza gravísima o feito irreversible de que a tecnoloxía máis poderosa da historia da humanidade estea en mans dun reducidísimo grupo de empresarios luciferinos, entolecidos, consumidores compulsivos de ketamina e chiflados que dan conferencias sobre exorcismos e queren acabar coa democracia. Todos eles amparados e bendicidos polo poder político dun energúmeno narcisista ao que 75 millóns de idiotas irresponsables converteron -dúas veces!- en presidente dos Estados Unidos.
Oxalá Jacob Buxon e tantos outros enxeñeiros e programadores de IA non teñan razón. Oxalá a humanidade non se extinga no 2030. Oxalá os demócratas ganen en novembro e o pesadelo guionizado por toda esta patulea de tarados nos dea polo menos un pequeno respiro.
Imaxe de apertura Creative Commons CC0 1.0 Universal Public Domain Dedication





