Foi en 1976, con Franco xa morto pero aínda sen eleccións nin partidos políticos legalizados. A facultade de Económicas da USC organizou un ciclo de conferencias-coloquio polo que pasarían portavoces legais dos principais grupos da oposición. Estaba confirmada a presencia dos demócrata-cristiáns Gil Robles e Ruíz Giménez, dos socialistas Felipe González e Tierno Galván e do comunista Ramón Tamames. Non puido ser.
A primeira conferencia tiña que impartila Gil Robles, o vello xefe da CEDA, pero apenas puido dar as boas tardes. Aínda que a maioría do público que ateigaba a enorme Aula A da facultade parecía ben disposta a escoitalo, unha minoría boicoteou a charla increpando ao frustrado orador pola súa complicidade política coa represión da insurrección obreira asturiana de 1934 e polo seu apoio ao golpe militar de 1936. “He venido aquí a decirles lo que pienso yo, no lo que a ustedes les gustaría que pensase”, dixo Gil Robles nun intento de reconducir a situación. Pero non houbo forma. Daquela, o decano da facultade, Luis Suárez-Llanos, concluíu que a censura a un dos conferenciantes desnaturalizaba o ciclo e anunciou a súa suspensión.
Naquel tensísimo 1976, a ditadura abalaba pero persistía. E non todos os días se tiña diante a un tipo como Gil Robles. Líder da dereita durante a República, moi vinculado despois da guerra a Juan de Borbón, evoluíra cara un antifranquismo sen ambigüidades que lle valeu uns anos de exilio tras a súa participación no Contubernio de Múnic en 1962. E dez anos máis tarde fora un dos avogados que defenderon aos dirixentes de Comisión Obreiras encausados no Proceso 1001. Tanto tiña: aquela tarde Gil Robles era talvez o máis parecido a un facha historicamente representativo que nos podían poñer diante. Un fascista, cousa que probablemente nunca fora, carente xa de capacidade punitiva e a quen se lle podía afear sen medo a súa conduta de cuarenta anos atrás. E había xente que non estaba disposta a desbotar oportunidades como a que brindaba a presencia daquel vellote aplomado, imperturbable, un anaco de historia con aspecto de tartaruga bicentenaria na zona liberada da Aula A de Económicas.
Cando un se decata de que hai moi poucas persoas de bondade irreprochable (hainas) ou absolutamente malvadas (Netanyahu), e de que todos somos uns pobres mortais cunha tendencia irremediable á necidade, xa nos fixemos quizais demasiado maiores.
Volvín asistir a unha situación parecida xa en 1977, cando no mesmo espazo compareceu como conferenciante Ernest Mandel. Por se alguén menor de 60 anos chega a interesarse neste escrito, quizais deba aclarar que este Mandel era a figura intelectual e política máis sobranceira do activismo trotskista que sobrevivía na IV Internacional, xa moi minguado tras as implacables persecucións estalinianas e o asasinato do propio Trotski.
Mandel tampouco puido falar diante do expectante xentío que enchía a sala. A causa foi, como no caso de Gil Robles, a represión. Non é que Mandel reprimise a ninguén (máis ben fora el o reprimido polo nazismo durante a Segunda Guerra Mundial), pero si o fixera Trotski, o seu campión político. A palabra máis escoitada naquel acto foi sen dúbida Krondstat, lanzada repetidas veces contra o conferenciante, como se fosen pedras, por unha ocasional alianza de anarquistas e maoístas, empeñados en facer daquel topónimo ruso o epítome definitivo do oprobio trotskista e o argumento único e máis que suficiente para a lapidación simbólica de Mandel.
Conseguiron silencialo, aínda que o vello trosco presentou máis resistencia que Gil Robles. El falaba, cada vez máis alterado, intentando defender ao seu señor ideolóxico da descalificación como represor que non cesaba de guindarlle aquela anómala coalición de situacionistas antiautoritarios, anarco-sindicalistas e disciplinados soldados do Presidente Mao. Krondstat! Krondstat!, repetían unha e outra vez. E algúns púñanse en pé e berraban co rostro crispado o consabido Krondstat!, ao tempo que sinalaban a Mandel con dedo acusatorio, enfatizando con algunha teatralidade involuntaria e un pouco cómica a dor perdurable que neles causaba a sorte dos mariñeiros soviéticos masacrados na base naval de Krondstat coa declarada aquiescencia de Trotski en 1921, dous anos antes de que nacese o coitado de Mandel.
Estancada dese xeito a situación, o profesor que presentaba o acto -lamento non lembrar quen era- decidiu suspendelo. Houbo algunhas febles protestas dun Mandel desconcertado, que non daba crédito ao que lle estaba ocorrendo, e aos poucos minutos estabamos todos fóra, respirando a noite fría do campus norte, resgardándonos coas carapuchas das trenkas e os anoraks do insistente orballo compostelán. Volvimos á cidade falando e discutindo, pero non sobre a cancelación forzosa que acabábamos de vivir, senón sobre que demo pasara en Krondstat e sobre se Trotski, e de paso Mandel, eran culpables ou inocentes.
Aínda tardaría en decatarme de que tras as escenificacións de indignación moral dos saboteadores de Gil Robles e Mandel subxacían outras cousas talvez máis fondas e decisivas, como un alto grao de intolerancia e unha enrabietada e moi xuvenil pulsión censora só aparentemente noble. En realidade non se trataba tanto de exercer o entendemento histórico ou de emitir un reproche ético fundamentado, senón de todo o contrario. Do que se trataba era de non comprender, tan só de decidir sen apelación posible quen eran os salvados e quen eran os condenados, sen sequera concederlles a estes últimos o dereito a se explicaren. Un mundo así solucionado sempre é máis fácil de manexar. E sobre todo, o feito mesmo de proceder de forma tan sumaria, tan cheos de razón e tan donos da moral e da verdade, concédenos un poder extraordinario: permite que nos situemos sen esforzo no bando dos xustos e os inocentes, lonxe do inferno angosto e solitario reservado aos culpables.
Cando un se decata de que hai moi poucas persoas de bondade irreprochable (hainas) ou absolutamente malvadas (Netanyahu), e de que todos somos uns pobres mortais cunha tendencia irremediable á necidade, xa nos fixemos quizais demasiado maiores. O mundo está mal organizado e a censura non axuda a melloralo.





