Aspiracional. É unha desas palabras de moda que non sei se chegaron para quedarse. A súa utilización é xa frecuente en certos medios de comunicación e tamén comeza a escoitarse na linguaxe oral, se ben en círculos tirando a cultos e interesados na relación entre as tendencias estéticas e os cambios sociais.
Non figura no dicionario da Real Academia Galega, ausencia que non debe estrañar se temos en conta o criterio hiperconservador da principal institución lingüística galega no relativo á aceptación de palabras novas (e, o que é peor, tamén de moitas vellas). Pero tampouco forma parte do léxico da Española, moi dada a introducir cada ano no seu dicionario vocábulos que teñen uso máis ou menos constatable entre os falantes, os medios e as redes sociais. A RAE ten un gusto tan amplo que acepta mesmo voces en inglés como streaming, o cal debe ter que ver co fracaso daquel güisqui que, nos anos 70 do século pasado, intentou substituír ao imbatible whisky. A RAG acepta whisky e mesmo espóiler, pero ata aí chegan os modernismos. Palabras de uso común entre os galegofalantes como farlopa, postureo, rapear ou alien non teñen acollida no dicionario oficial da lingua galega, instrumento que talvez debería adoptar unha actitude algo máis aspiracional.
Os máis sabidos relacionan o aspiracionalismo co capitalismo libidinal, que consistiría en algo así como a invasión dos desexos e a imaxinación, do inconsciente e dos corpos polo sistema económico imperante.
Capitalismo libidinal
O termo deriva directamente do ingles aspirational e seica tamén é de introdución recente nesa lingua. Parece que as súas orixes hai que buscalas no mundo do marketing e da publicidade: aspirational sinalaría o desexo de posesión dun obxecto ou o uso dunha marca que conlevan prestixio ou exclusividade. Unha forma de ambición social que se vincularía á exhibición de símbolos de riqueza ou de estatus. Coa extensión do seu uso, a palabriña foi adquirindo un matiz un tanto despectivo co que chegou xa cargada ás nosas linguas. Entre nós, aspiracional sinala conductas, tendencias e gustos que terían como trazo común facer parecer máis do que son ás persoas e grupos que as seguen e practican.
Os máis sabidos relacionan o aspiracionalismo co capitalismo libidinal, que consistiría en algo así como a invasión dos desexos e a imaxinación, do inconsciente e dos corpos polo sistema económico imperante. Toda a vida, non só a económica e a laboral, estaría rexida polo mercado, fusionada con el ata o punto de que cada un de nós non seríamos outra cousa que mercancías, obxectos de consumo cuxo valor (sempre mercantil) viría dado pola nosa maior ou menor adecuación ás pautas de consumo dominantes. Soa terrible e non totalmente desatinado, a pouco que un observe con certa atención a vida cotiá e as súas propias interaccións con ela. Aínda que, para dicilo todo, a vida é tan rara que ás veces mesmo lle dá por deixar en evidencia esta clase de análises en aparencia tan certeiros. Se alguén está interesado neste asunto pode botarlle un ollo a Capitalismo libidinal, de Amador Fernández-Savater (Ned Ediciones, 2024).
“Pijos” e declive da esquerda
De todos modos, a utilización crecente desta palabra non vai tanto por eses camiños filosóficos, senón máis ben pola consideración do aspiracional como sinónimo do que antes se enunciaba a través de expresións fraternalmente conectadas aínda que non exactamente equivalentes, como pijerío, arribismo social ou esnobismo. A voceira máis coñecida da temática aspiracional en España é a xornalista Raquel Peláez, autora do moi exitoso libro Quiero y no puedo. Una historia de los pijos de España (Blackie Books, 2024), que leva vendidos máis de 40.000 exemplares. Peláez traballou en La Voz de Galicia e en Vanity Fair, e agora é subdirectora de S Moda, a “revista de moda, belleza, tendencias y famosos” de El País, e probablemente a achega que, semana a semana e xunto co Hola!, máis e mellor nutre as ínfulas aspiracionais da cidadanía.
Un dos mellores ensaístas galegos, Antón Baamonde, tamén fai alusión ao fenómeno aspiracional no seu último libro, Agora non é antes (Galaxia, 2026). Baamonde, que xa utiliza a expresión capitalismo libidinal, relaciona o auxe do aspiracional co declive das culturas políticas da esquerda e da súa transmisión familiar, un proceso que levaría producíndose en Europa desde a década de 1960. O escritor vilalbés entende que a xente queira ter “unha vida de soño”, pero engade que “quen se imaxina a si mesmo (supoñamos, por exemplo, un camareiro con salario mínimo) como un rico circunstancialmente empobrecido -quen non quere saber quen é- non entende nada”. Sen estar totalmente seguro (teño que discutilo con el), creo que desta reflexión de Baamonde pode inferirse que un debe saber quen é, asumilo e deixarse de andrómenas. Pero isto non é nada fácil e, por iso mesmo, tampouco é o máis corrente na sociedade na que nos tocou vivir -precisamente a xurdida na Europa dos 60-, chea de estímulos e expectativas que fan que medre a capacidade humana para imaxinar e soñar situacións mellores que as que a cada un lle tocan en sorte.
A miña impresión é que, aínda que un intente non caer no patetismo das pretensións desmedidas e as metas irrealizables, o certo é que a nosa imaxinación é unha forza practicamente ilimitada, moito máis poderosa que a razón e que a vontade, como testemuñan moita literatura e algunha filosofía. Quizais o máis triste -por feo- do aspiracionalismo actual é que os soños da maior parte dos humanos escenifican tan só paisaxes ateigadas de diñeiro, poder e lamborghinis. E se substituímos os lamborghinis por carrozas de ouro tiradas por seis cabalos brancos, talvez o fenómeno aspiracional non sexa tan novo como parece.





