Este libro é ouro

| As deshoras

Unha das circunstancias curiosas que concorren no libro El tiempo es oro (Transforma) é que o seu autor, Xosé Carlos Arias, o escribiu durante a pandemia, xusto cando a idea do tempo da que trata no seu libro deixou de ter vixencia. Mentres o mundo se ensumía nunha quietude case absoluta, Arias aproveitaba aqueles meses para diseccionar a nova temporalidade dominante no capitalismo actual, nomeadamente no mundo das finanzas. O resultado é o libro xa citado, que aparece acompañado do suxestivo subtítulo Economía política del nanosegundo. 

Se eu caese en mans de Netanyahu ou dalgún outro asasino en serie que me obrigase a resumir o libro en catro ideas, enunciaría as seguintes: aceleración, desincronización, recesión democrática e regulación. 

Trátase da forma máis radical e adrenalínica de turbocapitalismo: o único obxectivo é obter a maior ganancia no menor tempo posible, coa axuda imprescindible da tecnoloxía dixital. 

Aceleración 

O fenómeno da aceleración ten que ver coa tendencia occidental a inventar técnicas e aparellos capaces de percorrer con maior rapidez os espazos e, deste xeito, acurtar tamén os tempos. Comeza no S. XV, coas innovacións na navegación marítima e a invención da imprenta. Pero cara a finais do século XVIII, cando empeza a coller corpo a confluencia entre Ilustración científica, cambio sociopolítico e revolución industrial, ábrese o proceso humano máis asombroso e complexo desde o Neolítico. Debúxase aí o horizonte da modernidade, caracterizado pola súa crenza no progreso ilimitado e pola explotación das enerxías que o farán posible. Primeiro foron o ferrocarril, a electricidade, o telégrafo, o teléfono fixo e o cine. Chegaron despois coches, avións, radios e televisores. E xa desde os anos 80 a revolución dixital marca a nosa época a golpe de móbiles, datos, redes e monopolios tecnolóxicos: a capacidade dos microchips para almacenar información dóbrase cada dezaoito meses, a dixitalización é global e a aceleración tecnolóxica atopa un campo de aplicación especialmente acaído na economía das finanzas. Arias fala de “finanzas relampo”, en alusión aos movementos diarios e velocísimos -próximos ao nanosegundo do subtítulo do libro- de cantidades inxentes de diñeiro nuns mercados de capitais convertidos xa nunha das forzas determinantes do noso mundo.  

Trátase da forma máis radical e adrenalínica de turbocapitalismo: o único obxectivo é obter a maior ganancia no menor tempo posible, coa axuda imprescindible da tecnoloxía dixital. O efecto contaxioso deste tipo de prácticas vémolos na economía produtiva, na avalancha informativa, nos contidos incesantemente renovados e dispoñibles 24/7, no predominio do curto prazo. O tempo comprímese e a lóxica do instante impera máis e máis nas nosas vidas. O presente é o único que importa, pois é o único tempo realmente existente. Esa incómoda mestura de impaciencia e angustia que adoitamos chamar ansiedade, derivada dunha conciencia extrema da fugacidade do tempo e, por tanto, da condición efémera dunha vida á que hai que tirarlle proveito, actúa como algo parecido a unha ameaza permanente. O tempo, máis que nunca, é ouro, si, pero ouro líquido.  

Desincronización 

A cerna de El tiempo es oro atópase nesta palabra, desincronización, coa que Arias sintetiza o desfase entre os diferentes ritmos da economía financiarizada e da política democrática. A primeira móvese a velocidades de vértigo, mentres que a segunda, pola súa propia natureza, sométese a unha temporalidade necesariamente distinta, moito máis dilatada. As democracias baséanse na deliberación, na elaboración de propostas, na demorada negociación de intereses confrontados, en debates parlamentarios e en tramitacións reguladas por procedementos que inclúen prazos temporais non reducibles a un clic. 

A gran crise de 2008, imprevista pola inmensa maioría de expertos e analistas, puxo en evidencia os perigos da desincronización: desde a política as respostas foron tardías, improvisadas e en gran medida contraproducentes. 

Comparada coa axilidade desbocada da economía financeira, a política democrática maniféstase como unha actividade sumamente lenta, con problemas para responder coa velocidade necesaria aos desafíos e mesmo aos accidentes catastróficos inherentes ao vertixinoso mundo das finanzas. A gran crise de 2008, imprevista pola inmensa maioría de expertos e analistas, puxo en evidencia os perigos da desincronización: desde a política as respostas foron tardías, improvisadas e en gran medida contraproducentes. 

Recesión democrática  

A crise de 2008 e as malas políticas coas que se intentou coutar non só provocaron sufrimento e frustración. Probablemente tamén actuaron, xunto coa expansión das tecnoloxías 4G de telefonía móbil, como detonantes de cambios na sensibilidade social, traducidos no preocupante crecemento de partidos e caudillos populistas. Xa non se trata só de casos illados, como ocorría nos anos 90 en Austria e Francia. Agora, tras episodios como o Brexit, as vitorias de Trump e o ascenso continuado da extrema dereita, consolídase o diagnóstico sobre unha recesión democrática que sería produto de moi complexos factores que Xosé Carlos Arias indaga tamén neste libro, en defensa da autonomía da política e sempre en relación coa incerteza radical, os medos e as angustias relacionadas coa aceleración tecno-económica e financeira. 

Regulación 

O libro ten tamén unha parte propositiva na que Arias propón avanzar pola vía da regulación, esa palabra hoxe pouco menos que maldita para os neoliberais, pseudoliberais, libertarians, anarco-capitalistas e criptobrós de toda condición. Arias defende a súa proposta regulatoria desde a percepción razoada dun risco de ruptura na exitosa trabazón formada por economía de mercado e democracia liberal. Trataríase de “introducir area na engrenaxe” coa fin de limitar o poder, os excesos e os perigos do moloch tecnolóxico-financeiro. Por citar só dúas das medidas regulatorias suxeridas, Arias propón a división dos grandes monopolios tecnolóxicos e a corrección das súas malas prácticas, desde a apropiación abusiva de datos ata a evasión fiscal. E tamén sinala a necesidade de recuperar o control dos fluxos de capital: “O peor da globalización, a desmesura financeira, pode ser mitigado”. 

El tiempo es oro é un magnífico panorama da problemática relación entre política e economía neste complicado século noso. Proporciona información relevante e, sen ocultar a complexidade dos asuntos tratados, expón o seu material de xeito estimulante, ameno e accesible, mesmo para os que somos legos nas disciplinas económicas e aínda máis nas financeiras. Atrévome a dicir que é un libro ideal para ordenar e clarificar moitas das percepcións e dúbidas que se nos presentan confusas, enredadas e contraditorias no noso contacto diario co mundo acelerado.