Desde os primeiros anos da década de 1960, cando Andy Warhol e Roy Lichtenstein presentan as súas primeiras obras baseadas na fría reprodución de viñetas extraídas de tebeos, obxectos de supermercado, marcas comerciais e personaxes populares, empeza a consolidarse na arte unha tendencia, o pop art,  que moi pronto mostrará unha enorme capacidade para conectar coas arelas das prósperas sociedades occidentais daquel momento. Nacido como un movemento artístico timidamente alternativo ao dramatismo do expresionismo abstracto, o pop art atopa desde moi cedo aliados naturais na música, na moda e na xuventude sesenteira. Coa economía e o espírito do tempo a favor, o pop non necesitou moito para traspasar o círculo da arte e converterse nunha forma de ser e estar, de vivir e consumir que caracteriza en boa medida a mentalidade e a sensibilidade da nosa época. En definitiva, nunha cultura: a cultura pop. 

Unha revolución 

Quizais o gran público levaba moito tempo agardando unha arte así, aureolada co prestixio da vangarda e, ao mesmo tempo, facilmente intelixible e disfrutable. Aliado coa estética dos medios de comunicación, coa industria cultural, coas dinámicas da moda e co novo mundo do consumo, o pop leva máis de sesenta anos funcionando como a verdadeira rebelión das masas no campo das artes. Ata tal punto é así que a artisticidade pop acabou separándose do espazo intelectual e crítico do artworld, máis académico e selecto, ás veces algo esotérico e quizais un tanto sobrado de pretensións filosóficas non sempre pertinentes. O pop converteuse na cultura imperante na nosa época e chegou a parcelar unha extensa paisaxe de creatividade fácil, de libre acceso, emancipada das peaxes que a crítica considerada seria lle exixía á experiencia estética. Foi unha revolución. 

Adorno (que segue e seguirá estando aí) diría que se trata dunha rebelión falsa, o resultado dun proceso de alienación teledirixido desde unhas industrias culturais cuxa única orientación é o beneficio económico e o mantemento da dominación. Contra os argumentos favorables á amigable reunión entre arte e pracer, á lexitimidade estética dos produtos pop e ao exercicio de liberdade que supón a súa produción e o seu consumo, Adorno falaría dunha liberdade engañosa, con marxes estreitísimas e tan trivializada como a música, as películas ou calquera outro dos incontables obxectos e accións ofertados polo negocio do entretemento.  

A cultura pop é hoxe a cultura mainstream, a avenida máis ancha e concorrida da cidade cultural. 

Pero o certo é que -como ocorreu con case todas as cousas detestadas por Adorno- eses produtos acabaron formando parte substancial do presente e, ademais, dun xeito moi activo: non se conforman con reflectir o noso tempo de maneiras variopintas, máis ou menos estúpidas e zafias, máis ou menos brillantes e intelixentes, senón que contribúen decisivamente ao modelado do noso mundo e a crear a imaxe que nos facemos del. É difícil atopar unha etapa da historia da humanidade na que a estética, e o amplísimo campo de fenómenos e mercancías con ela relacionada, chegase a asumir un papel tan central na vida das persoas. 

Cultura mainstream 

A cultura pop é hoxe a cultura mainstream, a avenida máis ancha e concorrida da cidade cultural. O pop é igualitario e igualador: pop son Pink Floyd e Belén Esteban; Shakespeare e Donald Trump; Cumbres borrascosas e Eurovisión; Bud Bunny e o Papa. Todo vale igual porque todo é cultura pop e todas as opinións son igualmente respectables e sobre gustos non hai nada escrito e chegou a hora de idolatrar aos ricos e famosos polo feito innegable de seren ricos e famosos. Cambiando a ética pola estética, pode soar a Cambalache, o excelso tango de Enrique Santos Discépolo. Pero  tamén soa a Andy Warhol. Como escriben Gilles Lipovetsky e Jean Serroy en La estetización del mundo (Anagrama, 2013), “con Warhol confúndense todas as fronteiras, as da arte e as dos negocios, as da copia e o orixinal, as do museo e o supermercado, as da arte high e low, as do artista e a estrela, as da obra e a publicidade, as da arte e a moda”. Warhol, o idiota máis intelixente do século XX, foi extraordinariamente sincero cando dixo aquilo de “ser bo nos negocios é a arte máis fascinante. Gañar diñeiro é arte, traballar é arte e facer bos negocios é a mellor arte”.  

Pop e populismo 

A política e os debates a ela asociados, non escapan a esta colonización da vida pola estetización masiva. Este asunto non é exactamente novo, pois vén manifestándose desde a definitiva irrupción das masas na política, un proceso que ten lugar nos anos inmediatamente anteriores e posteriores á Primeira Guerra Mundial, vinculado tanto aos procesos de democratización e aos nacionalismos como á fascinación polos réximes totalitarios, flamantes heraldos de mundos novos e por fin felices. A propaganda para uso das masas é unha creación desa época e non foron poucos os artistas e escritores que desde distintas trincheiras se puxeron ao seu servizo, como fan hoxe cantantes, actores, presentadores, xornalistas, influencers: a versión pop dos intelectuais do século pasado. Se a cultura é pop, a comunicación política está marcada a ferro polo populismo -o substrato ideolóxico e estilístico da política do século XXI- e atravesada por nocións de natureza estética como imaxe ou relato, dúas palabras que non son máis que unha forma aseada de lle chamar á vella propaganda de sempre.  

O bo da avalancha pop e populista é que é invasiva pero non obrigatoria. Un sempre pode limitar o uso do móvil; pecharse na casa entre libros pouco ou nada pop, música (aquí si lle facemos sitio) e películas; comer e beber un par de días á semana cos amigos; e -fundamental- poñer distancia emotiva coa psicótica e entrometida actualidade. Tampouco está de máis ir aos teatros, sobre todo aos pequenos. É nese tipo de sitios onde se cociñan experiencias artísticas únicas que nunca serán mainstream