Os resultados do último Informe PISA constatan un retroceso da comprensión lectora, unha das tres competencias educativas medidas por ese estudo. A pesar de que o Informe avalía un arco de alumnado moi amplo e xeografica e economicamente moi diverso (o dos países integrantes da OCDE e asociados), cada país tende a examinar as conclusións do Informe desde consideracións exclusivamente internas. E en países como España, o círculo estréitase aínda máis: os conglomerados político-mediáticos de cada comunidade autónoma outórganlle toda a importancia ao feito de ter quedado por riba ou por baixo da media, de ter baixado menos puntos que outras autonomías ou de conservar a posición no listado. Pero o certo -e o significativo- é que o retroceso posto de manifesto polo Informe é mundial. PISA revela tamén peores resultados nas outras dúas áreas de coñecemento avaliadas (matemáticas e ciencias naturais).
O Estado educador
Hai un problema novo? PISA empezou a súa andaina no ano 2000. Antes desa data medíanse os índices de escolaridade e analfabetismo, estes últimos rebaixados moi drasticamente durante o século XX. Pero ningunha autoridade educativa nin política parecía moi preocupada polo feito de que houbese xente que entendía ben, regular ou mal o que lía. Quizais formaba parte do sentido común pre-PISA que as diferencias de comprensión lectora eran algo normal e evidente, consubstancial á diversidade humana de intelixencias e intereses, algo que non merecía maiores indagacións.Tamén é certo que na segunda metade da centuria anterior os programas de escolarización e educación obrigatoria, xa iniciados no segmento final do século XIX, recibiron nas democracias occidentais e nos países comunistas un fortísimo impulso público que rapidamente se foi extendendo polo resto do mundo. Por primeira vez na historia humana a educación, no sentido de adquisición extrafamiliar de coñecementos humanistas e científicos conforme a un programa reglado, foi entendida non como un privilexio ou como unha opción individual, senón coma un dereito e un deber garantido polos poderes públicos, polo Estado.
Esta irrupción do Estado como axente educativo supuxo unha notable merma do poder que ata ese momento ostentaban cregos e freires, igrexas de todo tipo, no ámbito formativo. En cambio, en relación coa familia, a instancia educadora natural, o Estado non apareceu como un contrapoder ou unha ameaza ás ensinanzas recibidas na casa, senón como un complemento necesario. O éxito desta operación, que ten a súa base nos ideais educativos da Ilustración, chega ata os nosos días.
O rival
Co que quizais non contaba o programa educativo do Estado ilustrado era co rival que lle ía xurdir desde as industrias da comunicación vinculadas aos desenvolvementos tecnolóxicos máis sofisticados. Este é un fenómeno que comeza tamén a mediados do século XX, coa aparición da televisión, e que continua expandíndose e medrando en influencia ano a ano, mes a mes, semana a semana a través do poder creador e da ambición económica -e, cada vez máis, tamén política- das grandes empresas tecnolóxicas.
Cando as televisións europeas empezaron na década de 1980 a súa conversión en poderosos artiluxios comerciais e en obxectos do desexo de empresarios tan listos e anómalos como Silvio Berlusconi, foi tamén cando se fixo frecuente nos debates (televisados) sobre educación incluír referencias xerais á sociedade como actor educativo de primeira importancia. Pero en realidade aquela sociedade non era o grupo de amigos adolescentes de toda a vida, senón a televisión. Non era, desde logo, a única instancia educativa procedente da sociedade, pero todas as demais, desde a música á información política e os debates sociais, acababan indo a parar ás televisións. E alí, en platós cada vez máis sofisticados, con públicos que aplaudían segundo as indicacións do rexidor, metabolizábanse noutra cousa. Nunha cousa escintilante, entretida, volátil, emotiva, veloz, capaz de crear as súas propias polémicas e de inventar os seus propios memes antes de que se inventasen os memes.
A comprensión lectora, cuxa decadencia mundial certifica o Informe PISA, constrúese lendo con concentración, tempo e interese no que se le, que veñen sendo as riquezas das que máis carecen os estudantes en todo o mundo.
A sociedade educadora non parou no seu empeño ata chegar a TikTok e a ChatGPT, que medio conseguiron transformar a televisión nunha especie de cousa antiga, útil para xubilados e parados de longa duración, con índices de audiencia ferozmente erosionados polos teléfonos móbiles, os reels e o scroll perpetuo, ganadores indiscutibles na batalla diaria pola economía da atención. Todos estes dispositivos e formatos son inimigos durísimos do que se necesita para que a lectura non sexa só unha operación mecánica, banal e destinada ao esquecemento inmediato.
Dúas notas e unha novela
A comprensión lectora, cuxa decadencia mundial certifica o Informe PISA, constrúese lendo con concentración, tempo e interese no que se le, que veñen sendo as riquezas das que máis carecen os estudantes en todo o mundo. Hai, porén, dúas notas do Informe que poden poñer en cuestión a miña fixación desalentada co gran conglomerado industrial da comunicación e os seus efectos na educación e en mil cousas máis. Unha é a curiosidade respecto das ciencias naturais. PISA sinala que nesta variable o alumnado español, sobre todo as rapazas, está claramente por riba do promedio da OCDE e da UE, aínda que Galicia estea por debaixo da media española. O segundo dato apunta a un lugar como Estonia, o país máis dixitalizado da UE e, sen embargo, un dos cinco mellor puntuados en comprensión lectora (xunto a Xapón, Corea do Sur, Irlanda e Nova Zelanda).
E, xa fóra de PISA, non podo deixar de contarlles que estou lendo unha novela na que a protagonista, estudante de Filosofía no Madrid do 15-M (2011), ten tempo para ler con verdadeira dedicación a Sartre, a Platón, a Eugenides, a Anne Carson e a outros ilustres filósofos e escritores, sen que isto lle impida clicar continuamente no Instagram e vivir inmersa na cultura de internet. A novela, titulada La chica más lista que conozco (Lumen, 2026), escribiuna Sara Barquinero, unha muller de 32 anos, a medio camiño entre milenial e zeta, cunha impresionante comprensión lectora e de todo tipo. Recomendadísima.





