“Para que che guste o estado do mundo hai que ser moi salvaxe. Son un gran lector de historia. Agora todo é máis rápido, hai máis bombas e son máis eficaces, pero sempre foi máis ou menos o mesmo. Temos o xen de facer a guerra. Ás veces les cousas de hai un século e quéixanse do mesmo que agora. E se vas tres séculos atrás, igual. A min o que me sorprende non é que as cousas vaian tan mal, senón que vaian tan ben… Dada a natureza do ser humano, non estar todos na rúa pelexándonos a machadazos é moi positivo”.
As liñas precedentes son palabras ditas por Eduardo Mendoza nunha das entrevistas que lle fixeron o mes pasado con motivo da publicación de La intriga del funeral inconveniente, novela que, como todas as súas, será con seguridade un artefacto literario situable entre o bo e o excelente. Mendoza é un tipo moi benhumorado, aínda que a súa idea da historia e dos seus actores sexa tan tremebunda e hobbesiana. E, engado eu, tan realista. A conclusión, en fin, podería enunciarse cun resignado e menosmalista “pouco nos pasa…”
O mesmo día que leo a entrevista con Mendoza, Trump publica na súa rede social unha imaxe xerada por IA na que se autorrepresenta como un Xesucristo gordecho e rosáceo escoltado por aves rapaces, cazas e soldados voadores que semellan robóticos anxos asasinos. Son moitos os cristiáns que se sinten ofendidos pola penúltima exhibición de cretinismo presidencial, pero tamén hai moita xente no manicomio MAGA que está absolutamente convencida de que Trump é o elixido de Deus para o combate contra o Anticristo. Tanto lles ten a súa conducta irresponsable e belicosa, o inicio dunha guerra ilegal e sen obxectivos claros, as ameazas de converter Irán en puré radioactivo, o uso da presidencia para o seu enriquecemento persoal… Os magas teñen fe, esa cousa seica tan valiosa cuxo único antídoto eficaz non é a razón nin a instrución, senón talvez a subida do prezo da gasolina.
Vivimos nun mundo que semella un cómic de Batman pero sen Batmán. Un cómic de Batman no que só hai jokers.
Vencido xa o primeiro cuarto do século XXI, quen podería negar que o suxeito da historia, que non é outro que o conxunto da especie humana, parece achegarse máis ao diagnóstico de Eduardo Mendoza que ao optimismo racionalizado e voluntarista de ilustrados e kantianos? O planeta está dominado por catro tipos que parecen os bribóns dun tebeo pulp dos anos 50: Trump, Netanyahu, Putin e Xi-Jinping. E, quen o ía imaxinar, o ditador chinés é entre todos eles o único que aparenta ter na cabeza algo máis que mala hostia, serrín supremacista e delirios exterminadores. Vivimos nun mundo que semella un cómic de Batman pero sen Batmán. Un cómic de Batman no que só hai jokers.
Orban fóra. Meloni con León XIV
E sen embargo o día que leo a entrevista con Mendoza e vexo o cromo trumpista, o xefe da ultradereita europea, o antiliberal máis admirado por Trump e máis útil para Putin, Viktor Orban, sofre unha derrota electoral esmagadora. Tanto a dereita conservadora como a esquerda democrática europeas celebraron sen apenas cautelas diplomáticas a caída do húngaro xenófobo e corrupto. Esta excelente noticia prologou as escaramuzas dialécticas entre León XIV e Trump que desembocaron no enfrontamento entre o Big Hortera e Giorgia Meloni, quen renuncia así ao papel de encargada dos intereses do goberno norteamericano no núcleo duro da Unión Europea. O rexeitamento a Trump en Europa, nos despachos dos poderosos, nos fogares e nas rúas, é tan amplo e transversal que ata os seus máis tristes súbditos (Vox) marcan tímidas distancias co seu amo espiritual. Dan ganas de sumarse ao coro dos optimistas e proclamar con eles que chegou a hora de Europa.
A batalla de Europa
Algúns cifran como obxectivos do arelado repunte de Europa a súa autonomía militar, a reindustrialización, o afortalamento da UE ou a creación de xigantes tecnolóxicos europeos. Pero todo iso non debería facernos esquecer que a grande batalla política en marcha, e de resultado aínda incerto, é a disputa polo modelo político, económico, social e cultural europeo. Ese modelo, nacido da catástrofe da Segunda Guerra Mundial, está baseado en tres grandes bastións hoxe asediados: a democracia liberal e pluralista, a capacidade dos poderes públicos para intervir na vida económica e reducir a desigualdade, e o patrocinio dunha orde mundial multilateral e unhas relacións internacionais baseadas en normas. Xa sabemos que esas normas se transgreden e conculcan un día si e o outro tamén, pero iso non fai mellor unha anomia que só favorece aos poderosos máis fortes e inescrupulosos.
A batalla europea pola democracia liberal, o benestar social e a resolución pacífica e regulada dos conflitos internacionais é unha batalla eminentemente conservadora: non se trata de inventar nada novo nin de facer revolución ningunha, senón de evitar a destrución dun Sistema preferible a calquera outro dos realmente existentes e aínda cheo de posibilidades.
O trumpismo, coa súa radical e desnortada brutalidade, pode estar actuando como un factor acelerador nesa batalla: todo o mundo asiste diariamente ao espectáculo entre indignante e irrisorio do aspirante a ditador, por non falar da continua insolencia sanguinaria de Netanyahu e Putin. Quen quere un mundo así, quitando a ideólogos trastornados como Milei, falsarios cobizosos como Abascal ou indixentes mentais como Nigel Farage? A derrota de Orban, o abandono de Meloni e a negativa de Sánchez, Merz, Macron e Starmer a apoiar as políticas idiotas do especulador inmobiliario neoiorquino talvez sexan sinais dun cambio e de que a guerra contra o que Europa representa entra nun momento de inflexión. Ao mellor ata non é necesario que apareza ningún Batman se a maior parte dos cidadáns de Gotham nos rebelamos contra os jokers e os seus patrióticos delegados.
Fotografía de apertura xerada por IA a partir dun orixinal de Fernando de Paz





