Tarde de agosto na Coruña

| As deshoras

Entre as moitas cousas boas que ten a situación de xubilado está a de non ter que viaxar forzosamente no mes de agosto. Cando eu era pequeno agosto era o mellor mes do ano, pero agora é unha especie de incómoda paréntese na que todo se enche de multitudes en chancletas facéndose selfis e absolutamente dispostas a “coñecer outras culturas”, propósito seica obrigatorio que case sempre se resolve en torrarse ao sol e comer unha nécora e un anaco de empanada nun chiringuito praieiro que os veraneantes agostistas fotografían e suben ao insta indicando que están nun furancho. Ben, tampouco pasa nada. Son manías no fondo inofensivas que non deberían usarse para incrementar irracionalmente iso que se deu en chamar turismofobia. 

Atrapados nun forno 

O agosto deste 2025 foi horrible, pero non polos turistas senón polas temperaturas desorbitadas e pola súa duración nada común. Os que soportamos mellor o frío intenso que a calor extrema sentímonos angustiosamente atrapados nun forno, cismando en como resgardarnos durante o día e en como poder durmir polas noites. Só notei eu que están aumentando as instalacións de aire acondicionado nas vivendas da Galicia atlántica? Se é así, non estaríamos asistindo a unha manifestación de progreso, senón a outro sinal do cambio climático. 

Só notei eu que están aumentando as instalacións de aire acondicionado nas vivendas da Galicia atlántica? Se é así, non estaríamos asistindo a unha manifestación de progreso, senón a outro sinal do cambio climático. 

En Vigo, quitando as semanas máis chuviosos do inverno, presumimos moito de clima ben temperado e miramos con certa compaixón para os nosos ancestros ourensáns, alí metidos, naquel foxo, vivindo no inverno coma sorianos e no verán coma toledanos ou cordobeses, buscando as sombras coma leóns da sabana na estación seca, reaprendendo as vellas enxeñerías domésticas para aproveitar as correntes de aire. Pero neste agosto -e en xullo- os castigados fomos tamén nós.  

Outra cousa moi viguesa é facer de menos a Coruña polo asunto do clima. Moito vento, que horror, hai que andar sempre cun xersei posto. E levar paraugas, por se acaso. Pero eu nesta cuestión son bastante desleigado e pouco ou nada patriota. Adoro A Coruña, que me parece, xunto con San Sebastián, a mellor cidade para vivir de toda a península. Lisboa, Porto, Barcelona e Santiago convertéronse en lugares virais, a peor trampa na que poden caer unha cidade e, sobre todo, os seus habitantes. E Madrid, a pesar dos seus excelentes museos e bares e da súa vitalidade, é unha urbe demasiado apresurada, demasiado competitiva, demasiado ansiosa, na que non parece que vivan ben nin sequera os ricos. 

Refuxio climático  

Supoño que A Coruña terá tamén problemas serios, e entre eles destacará o da vivenda e os seus prezos. Pero quen visita a cidade ocasionalmente e por puro pracer, e aínda máis se o fai no mes de agosto, non vai á Sagrada Familia, aos Mallos, aos Castros, a Penamoa, nin sequera ao seica xentrificado Monte Alto. Un queda pola Mariña e pola Cidade Vella, pola parte tradicional e burguesa da cidade. E o que atopa en primeiro lugar é un refuxio climático: temperaturas civilizadas, brisa (moderada), ceos azuis que parecen acabados de lavar e un mar tirando a calmo (para o que é habitual). Dá gusto pasear e ver as terrazas ateigadas de xente sen présa, ao pé daquelas arquitecturas gloriosas na súa espectacular sinxeleza. Un ten a sensación de que A Coruña é a cidade galega que menos se faltou ao respecto a si mesma. Fixéronse barbaridades, por suposto, pero nada comparable co destrozo inflixido polo desarrollismo a boa parte da arquitectura histórica viguesa. Ou co monstro que preside e estraga Betanzos. 

Na última década A Coruña afrontou reformas de gran importancia, algunhas delas aínda en curso. Avanzou moito a peonalización e liberáronse terreos, antes ocupados por instalacións portuarias, aos que agora accede sen trabas a veciñanza. Hai quen di que a mellora evidente da cidade non ten que ver só coas políticas municipais e co financiamento público, senón tamén co que algúns denominan o efecto Inditex 

Fotografías na MOP 

Máis alá de cuestións económicas, sociolóxicas e territoriais que coñezo só de maneira moi superficial, a miña percepción do tal efecto ten que ver ante todo coa Fundación Marta Ortega Pérez (MOP), creada no vello Peirao de Batería mediante unha concesión da Autoridade Portuaria coruñesa. O discreto e exquisito conxunto arquitectónico alí erixido, deseñado pola arquitecta Elsa Urquijo á beira mesma do mar, merecería unha visita de seu, aínda que non fose a sede dun orixinal e magnífico programa expositivo centrado en fotógrafos relacionados coa moda, pero cuxo traballo e relevancia transcenden o estritamente sectorial. É o caso de Peter Lindbergh, Helmut Newton, Steven Meisel ou Irving Penn, todos eles partícipes a través das súas imaxes no relato e creación do noso mundo, e non precisamente da súa parte máis fea e aborrecible. Os catro artistas citados xa ocuparon con formidables exposicións a MOP e agora é a vez de David Bailey, mítico personaxe do swinging London sesenteiro e retratista dalgúns dos protagonistas (Jagger, Hockney, McCartney, Lennon, etc.) daquela chamarada artística destinada a perdurar. 

A entrada ás exposicións da MOP son gratuítas. Pero se un quere tomar algo ou levar algún recordo da exposición só ten que andar uns pasos e entrar nos vetustos almacéns de Cementos Cantábrico, un edificio de aspecto semirruinoso redefinido como tenda e bar da Fundación. Elsa Urquijo tivo a humildade e o ousado bo gusto de render respectuosa homenaxe á vella arquitectura industrial alí ancorada, deixando practicamente intocados por dentro e por fóra os silos de formigón do antigo negocio. O edificio -ocórreseme- actúa así como unha metáfora da cidade: vella como unha divindade prerromana, cargada de tempo, treboadas, historias e feridas, pero resistente e ben disposta para o que ha de vir. Chea de canas e enrrugas, pero fermosa sempre. E ben fresquiña no verán.