Foto de apertura: Miguel Riopa
Morrer con 97 anos, con total lucidez mental, coa memoria intacta e sen atravesar polo calvario da decrepitude corporal e da agonía dolorosa e interminable non é un logro ao alcance de calquera. Xesús Alonso Montero era unha especie de iron man, un ferrote a quen ata poucas semanas antes da súa derradeira hora aínda podía un ver andando pola rúa ou escoitar nalgunha das miles de conferencias que impartiu na súa longa e ben exprimida vida.
Na súa vellez Alonso sorría case sempre, a pesar das desgrazas durísimas que tivo que soportar, sobre todo a morte dun dos seus fillos, o xornalista Emilio Alonso. Pero chegou a adonarse de si ata un punto no que lle resultou imposible esvaecerse, deixarse ir sen resistencia pola pendente do declive, como lle pasa a tanta xente en canto a vida a vai castigando. Como se fose un deber moral, Alonso empeñouse en vivir sen ceder ao devecer físico nin ao abandono que produce o ánimo ferido. Tivo moitos motivos para a amargura e atravesou duros períodos de soidade. Pero a partir de certo momento, fixo a un lado aquel toque tan susceptible que o distinguiu durante un tempo e empezou a sorrir, a ser amable, a gozar. Hai pouco unha amiga contoume que estivera con el en Cambados, na festa de aniversario da súa querida Carmen García Rodeja, compañeira nas lides da memoria histórica. Alí comeu coma un señor, bebeu os seus vasiños de tinto e iniciou con voz ben entoada o canto do Miudiño, unha das cancións populares que máis lle gustaba. E Álvaro Varela e Rosa Pascual, dous dos amigos moito máis novos que o frecuentaban, comentábanme o día mesmo do seu falecemento que o vello profesor seguía ideando proxectos, estudos, investigacións, conferencias…
Un intelectual solitario
Aínda que foi despedido no cemiterio de Pereiró por unha multitude de xente que o quería e o admiraba, Alonso foi durante boa parte da súa vida un intelectual solitario. É certo que tiña a súa gran referencia colectiva, política e intelectual, no Partido Comunista, a cuxa militancia se incorporou en 1962. Pero é ben sabido que o PCE empezou a esfiañarse a finais dos anos 70 e non volveu ser nunca o vibrante agrupamento e o poder cultural que fora durante os dez ou quince anos precedentes. A soidade alonsina viña da súa singular combinación entre un marxismo máis ou menos ortodoxo e un galeguismo federalista e nada antiespañol, aínda que, por suposto, radicalmente antifranquista. Ese “españolismo” molestaba ao que daquela ía constituíndose como nacionalismo popular, orientado polo núcleo organizado na UPG. Durante moitos anos, polo menos desde a publicación do seu Informe dramático sobre a lingua galega (1973), Alonso tivo que soportar a animadversión nacionalista, cuxo triste colofón foi a negativa do BNG a votar a favor do seu nomeamento como fillo adoptivo de Lugo, cidade na que deixou unha pegada innegable entre os seus numerosos alumnos do Instituto Lucus Augusti e da Escola de Maxisterio.
Foi un exemplo vivo e cabal de que se pode discrepar desa alineación entre esquerda e nacionalismo que, polo visto, a moita xente lle semella pouco menos que natural.
Pero Alonso tampouco tivo unha relación cálida co núcleo galeguista compostelán formado nos anos 50 en torno a Editorial Galaxia. Nos anos 60 tivo desencontros frecuentes con Ramón Piñeiro, sempre cauteloso fronte a posibles inxerencias comunistas no proxecto galaxiano, pero tamén cos xoves piñeiristas máis sobranceiros do momento, como Xosé Luís Franco Grande. Con todo, non foi a cuestión do marxismo a causa do enfriamento desa relación, como o propio Alonso recoñece -con nobreza pouco habitual- no seu mellor estudo biográfico sobre Piñeiro (Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, Galaxia 2009). Reconciliáronse plenamente nos anos 80 e, pouco despois da morte do inquilino de Xelmírez 15, Alonso acuñou aquela denominación de Piñeiro como diamante moral que non deixaba de repetir sempre que viña ao caso.
Aínda así, Alonso Montero exerceu un papel nada desdeñable como figura de referencia galeguista e federalista para certa esquerda democrática, postcomunista e non nacionalista, pero tamén para sectores da esquerda socialdemócrata e reformista. Foi un exemplo vivo e cabal de que se pode discrepar desa alineación entre esquerda e nacionalismo que, polo visto, a moita xente lle semella pouco menos que natural. Non quixo nas súas honras fúnebres ningunha outra bandeira que non fose a vermella coa fouce e o martelo e as siglas do Partido Comunista de Galicia ben visibles. E, como non, cantouse A Internacional nunha versión galega que el mesmo elaborou. Pero non houbo bandeiras nacionais e léronse poemas en galego e en español. Creo que a el lle gustaría que quede constancia de que se tratou da despedida dun internacionalista.
O latexo humanista
A obra escrita de Alonso ten moitas facetas. Agás novelas e obras teatrais, escribiu de todo, mesmo poemas con non pouca graza. Foi un gran divulgador e un investigador meticuloso cuxas dotes para a interpretación foron afinándose moito co tempo e a medida que, como el mesmo sinalaba, o seu marxismo “ía atopando o seu mellor latexo humanista”. As súas biografías intelectuais, como as que fixo protagonizar a Filgueira Valverde, Luís Seoane e o xa citado Ramón Piñeiro, están entre o mellor da súa produción, así como os moitos traballos que dedicou a Rosalía de Castro e Curros Enríquez. Pero tamén é moi destacable a súa obra oral, botada a voar en conferencias, mesas redondas, actos públicos, presentacións de libros, entrevistas, etc. Cando escribo este texto observo que O Consello da Cultura Galega empezou xa a recoller na súa web algúns exemplos da oratoria requintada e á vez pedagóxica que caracterizaba a Alonso. É unha excelente idea.
Gustaba de autodefinirse como “republicano, marxista, ateo e un pouco hedonista”. Que así, e sorrindo, perdure sempre na nosa acordanza.





