Conscientes de vivir nun mundo que nos empurra cara a desconexión e a présa, provocar a reflexión e o pensamento crítico non só é un acto de resistencia, tamén é en última instancia un acto político. É nese marco no que me sigo vendo comprometido co xornalismo na súa dupla e complementaria dimensión. A política, en tanto que avalista do dereito que ten a cidadanía a unha información veraz. E a intelectual: entendendo o xornalismo non só como un modo de informar (de producir e difundir información de relevancia pública), tamén como un modo de producir e difundir coñecemento. Desas dúas dimensións, interactivadas, deriva o que entendemos por xornalismo e información de calidade.
Ás portas do 2025, Tempos Novos reafírmase nesa vocación cívica, a que xustificou a súa fundación vai para 28 anos. Recoñéceo na súa acta o xurado do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo que veño de recibir por teimar durante toda a miña traxectoria profesional nese ideario. Que ten precisamente continuidade práctica nesta publicación. Por iso é unha obriga compartir ese recoñecemento cos que a singularizan mes a mes no espazo público, e cos que a elixen por ser un intérprete comprometido e fiable do acontecer. Porén, sei e sabemos que imos a contracorrente. Nunca estivo tan en risco o ecosistema informativo. E con el, a calidade da democracia. Cómpre dicilo ben alto. Para xerar conciencia crítica entre a cidadanía. Comparto tamén por iso a reflexión que fixen nese acto de entrega do premio, que se desenvolveu o 17 de decembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
Unha mestura tóxica de tecnoloxía dixital, políticas sen escrúpulos e explotación comercial dos novos sistemas de comunicación está creando fracturas por estres alí onde a información xornalística debera xogar, como ben público que é, un papel fundamental e insubstituíble nos procesos de socialización e conformación dunha sólida opinión pública. O que prima é o valor económico da información, a súa venda -como se se tratase dun ben privado- e non o valor da verdade. A crise económica do 2008 acelerou o ritmo dese proceso de degradación dos sistemas mediáticos. Banqueiros e fondos voitre aproveitaron a debilidade financeira para forzar a concentración de medios e para entrar nos seus consellos de administración, controlando desde dentro as tomas de decisión e a produción e selección de contidos.
Con gravísimas consecuencias. Unhas, de carácter laboral: os xornalistas que non acabaron no paro sobreviven aínda hoxe en medio dunha enorme precariedade. Outras, propiamente profesionais: os xornalistas vense forzados a ritualizar o traballo informativo, facilitando así a circulación de todo tipo de intoxicacións mal intencionadas, e vense inducidos a autocensurarse para non correr riscos (en democracia, a autocensura é xunto coa económica a máis eficaz das censuras). O resultado? Un xornalismo de sensacións (sensacionalista) e non de contextos, simplificador da realidade, e xa que logo incapaz de interpretar a complexidade do mundo.
Lonxe de aplicar medidas para deter esa degradante tendencia, que se traduce á larga nunha adulteración da democracia, os poderes políticos acaban someténdose ás esixencias desreguladoras dos que a provocan e protagonizan. Non só satisfeitos con iso, aproveitan tamén o estado de necesidade financeira de moitos medios privados establecendo con eles fórmulas subvencionadoras e publicitarias que os atan en curto, e aos xornalistas con eles. Por caso, en Galicia. E se, como veu sucedendo tamén entre nós desde que foron creados vai para corenta anos, os gobernos utilizan o mando a distancia sobre os medios públicos de radio e TV para sometelos ao seu servizo, todo o que se podería esperar deles como reequilibradores dese pervertido sistema mediático queda practicamente en nada. Para mostra, un botón. Aparte de infrinxir a lei europea de medios aprobada (xa era hora) o pasado mes de marzo no Parlamento de Estrasburgo, a reforma da lei de medios públicos que o goberno de Alfonso Rueda tramita actualmente no Parlamento galego amartela ese control ao servizo do goberno, do partido que o sustenta, e do partido ou partidos que o sustenten no futuro.
É a tónica dominante. Da que deriva o descrédito no que caeron os medios tradicionais, o xornalismo e os xornalistas. Ata o punto de ter que preguntármonos se non estarán en vías de extinción. Obrigados a competir en procesar información cunha multitude de novos e indiferenciados provedores/vendedores de información (algúns deles, os chamados influencers, charlatáns de feira que arrastran riadas de incautos) que teñen en Internet, nas plataformas e nas redes sociais unha ferramenta desregulada, gratuíta e anónima, medios e xornalistas acaban traizoando algúns dos máis importantes principios nos que viñeran asentando a ideoloxía (o pluralismo, a obxectividade, a imparcialidade, a verdade) e a cultura do xornalismo.
Hai gobernantes que aplauden coas orellas. Nada como utilizar esa escusa para negarlles a función de mediación -de vixilancia e control, por delegación da cidadanía- e impedir que os xornalistas fiscalicen tanto a súa gobernanza como a súa política de comunicación. Xustificarse como vén de facer un deles, o alcalde ourensán Pérez Jácome, en que “a verdade non necesita intermediarios” é, aparte de acientífico, propio de quen non ten prexuízos autocráticos.
É moi urxente facer o camiño de volta. Terían que converxer vontade política (a través dunha democrática regulación dos medios), toma de conciencia social, revalidación do xornalismo como profesión, e exercelo como un contrapoder ao servizo da verdade. Nestes tempos de posverdades, de ruídos, desinformación, bulos, fake news e présas, o xornalismo e os xornalistas profesionais son o único aval que ten a cidadanía para ver satisfeito o seu dereito a unha información veraz e de calidade. Da que depende que sexamos quen para decidir libremente a nosa maneira de convivir en sociedade e de participar en democracia.