Vítimas on line

por Luís Álvarez Pousa

Coa que está caendo, todo o que non pase pola axenda enerxética e a seguridade do pan de cada día entra no baleiro social. De pouco serve que as televisións e a prensa dominante encirren as masas para facer do corpo a corpo entre Sánchez e Feijóo o monotema a consumir. Unha sondaxe do CIS cifrou nun mísero vinte por cento os que confesaron terse involucrado no combate a cara de can do Senado. Tampouco entran no menú popular do momento acontecementos que, por amosar os ingredientes básicos do que vaticina cambios drásticos a medio prazo, merecen telos en conta por aquelo de que cando as barbas do teu veciño vexas pelar... Non me dirán que non son de laboratorio tanto a crise inglesa como a rebelión social na Francia de Macron. Telos en conta daría pé a descubrir os efectos nocivos dese cóctel de ideoloxía e dogma neoliberal en tempos convulsos. Nin sequera os tambores de guerra son quen de mover máis aló do emocional esa axenda da supervivencia, malia que aparte de morte e destrución preanuncien tamén secuelas climáticas e alimentarias.

Primum vivere. Si. Pero non debería converterse esa comprensible autodefensa nunha cortina de fume que sirva para ocultar outros fenómenos con capacidade para esborrallar as defensas que salvagardan a nosa dignidade de homes e mulleres libres. Refírome, por caso, a todo o que está relacionado coa que os expertos cualifican de revolución dixital. Aquela que fai posible a produción en masa, valéndose para iso das tecnoloxías derivadas dos circuítos lóxicos dixitais, entre elas as que xa forman parte das nosas rutinas comunicativas como a computadora dixital, o teléfono celular e Internet. Porque é a través delas como acabamos vendéndolle a alma ao diaño.

A privacidade queda aos pés dos cabalos dixitais que, como o de Atila, non deixan medrar a herba por onde pisan. Especialmente cando o fan sobre as redes que lle dan a Internet unha capacidade case ilimitada para alimentar no día a día o que algúns chaman capitalismo da vixilancia. Aquel no que militan grandes tecnolóxicas como Google, Amazon, Facebook/Meta, Apple…, que o alimentan comercializando cos nosos datos, teñan ou non cláusula implícita de confidencialidade, sen reparar en cales vaian ser as terminais nas que acaden con eles os beneficios económicos desexados. Moitas delas ligadas a mafias e bandas que fan da extorsión e do crime organizado o seu modus vivendi, outras máis que teñen no consumismo e nas campañas de desinformación e fake news o seu modus operandi, e aqueloutras nas que os seus administradores depositan toda a súa confianza na arte de coaccionar, manipular e anestesiar conciencias.

Xa non digamos se os actores do capitalismo da vixilancia se apropian das aplicacións mediante as que a chamada Intelixencia Artificial, que pode chegar a superar aos humanos en case tódalas tarefas cognitivas, tanto pode servir para o bo como para o malo. Velaí a preocupación polos riscos que esa ferramenta intelixente pode comportar. Se as metas que persigue a IA non están aliñadas coas nosas, ou escapan do control dos seus creadores científicos, teriamos un gravísimo problema. Que xa é real. Abonda con ter en conta o poder que teñen os novos algoritmos para condicionar a nosa liberdade de elección. E estamos en fase de experimentación, en plena viaxe cara ese novo mundo, aínda tan descoñecido.

Polo dito ata aquí, un chega á conclusión de que coidar do noso comportamento on line é hoxendía tan importante como votar. Cando llo escoitei por vez primeira ao investigador inglés Jamie Bertlett, o autor de Pobo versus tecnoloxía: como Internet está matando a democracia, parecérame unha comparación excesiva. Pero co tempo cheguei ao convencemento de que non o é. Porque con toda esta avanzada tecnolóxica de última xeneración, coa IA como a súa principal referencia de futuro, entran en confrontación os avatares tecno-especulativos, cada vez máis sofisticados, que lle dan  vida a ese novo capitalismo da vixilancia, e a panoplia de dereitos e liberdades que afortalan e osixenan a democracia. E non é para quedar de brazos cruzados, seguindo coa ensoñación dos primeiros tempos da Internet cando, inxenuos de nós, pensabamos que o simple feito de tornar a información máis dispoñible, e permitir que todos puidesen creala e compartila, xa garantía transformar o noso ambiente en máis e mellor informado, politizado e racional. E non.

O que está sucedendo é un acelerado proceso de colonización dos sistemas de comunicación on line por parte das grandes empresas tecnolóxicas, e dos seus gurús, defensores a ultranza dos poderes naturais da libre información e alleos ás cuestións de fondo que están poñendo en perigo a democracia e a nosa capacidade de decidir. Ese control case absoluto sobre os contidos das redes exérceno de maneira espuria, sen reglas, provocando todo tipo de descargas emocionais, as máis delas patrocinadas por excéntricos propulsores dunha nova orde global sostida non polos valores da concordia e a verdade, senón polos contravalores da violencia, a desinformación e a mentira. E hai que recoñecelo. Enviciáronnos no cliqueo a través de todo tipo de pantallas e celulares. Queirámolo ou non, somos ao tempo vítimas e cómplices desa xigantesca factoría de intoxicacións.

Nada que ver, pois, coa democratización da información e do debate público que se anunciaba a bombo e platillo nos albores da Internet. Co agravante de ter inducido aos medios de comunicación tradicionais a sobrevivir nese novo escenario aliándose con actores que aproveitan a súa debilidade para impoñerlles credo (neoliberal) e obediencia.

Estamos aínda a tempo de darlle a volta a ese tsunami de poder dixital? Estamos. Coas institucións democráticas en modo regulador. Caído o mito da autorregulación, é imprescindible establecer formas de control sobre os sistemas que posúen os nosos datos persoais e sobre aqueloutros que producen e difunden información. Bruxelas, que ata agora viñera alentando os mercaderes do templo dixital, está dando pasos nesa dirección. A anunciada Lei para a Liberdade dos Medios (TN de Outubro), devolvéndolles a estes o carácter de servizo público, e a recente aprobación no Europarlamento da Lei de Servizos Dixitais, poñéndollas crúas ás plataformas, poden chegar a ter esa virtualidade rexeneradora.

Primum vivere. Si. Pero con dignidade. A que non chega vía on line. Cómpre levala á axenda da supervivencia.