por Alberte Santos Ledo
A volta á normalidade despois da pandemia introducirá cambios importantes nas nosas vidas. O longo ano de sombras que debuxou a pandemia está a deixar unha pegada fonda no xeito no que enfrontamos o traballo, o consumo e as relacións persoais. Poucos atrancos detiveron máis a velocidade das nosas vidas que o espallamento a fume de carozo desta enfermidade. A parálise do mundo achegounos a xeitos e medios de contacto e relación que hai anos semellaban imposíbeis. O seu uso era excepcional. Un dos cambios que máis apurou a pandemia é o teletraballo. Antes da chegada do virus, era un xeito para flexibilizar as condicións de traballo da xente. A súa aplicación era máis un premio ca unha convicción. Porén, o teletraballo ten salvado nesta crise a moitas empresas do caos e do peche.
“Agora que as empresas empezan a cavilar sobre a volta ás oficinas, convén lembrar que o teletraballo é unha ferramenta de flexibilidade para mellorar o benestar da xente que vive nas contornas urbanas actuais.”
Quizais por todo iso, cando nos achegamos ao momento de recuperar o que hai un ano era normal, convén recordar o que os maratóns que algúns vivimos os derradeiros meses produciron nas nosas vidas. O teletraballo supón en primeiro lugar traballar a distancia non só da mesa de cada un -aforro de desprazamentos- senón do resto dos colegas que desenvolven as súas tarefas na mesma empresa (illamento). As ferramentas coas que caneamos a distancia -as videochamadas por Teams, Zoom, Google,…- son por riba de todo funcionais. Comparen as expectativas que lle esiximos a unha xuntanza con colegas, clientes, xefes… Pero, recoñecido por moitos, non satisfai o que o contacto persoal aporta aos que participan nun encontro. Quen non sentiu durante estes meses falando a través dalgún destes sistemas de comunicación que as súas verbas resoaban sen que ninguén as escoitara? Gustaríame non ter sido o único…
O traballo a distancia engadiu comodidade e organización ao desenvolvemento das funcións de moitas persoas para as que os aparellos de relación foron, e quizais o sexan nun futuro, un xeito de ordenar con máis eficacia as tarefas de todos. Mais aló da lonxitude das xornadas laborais, motivado tamén polas condicións nas que vivimos os peches destes últimos meses, a distancia esixiu de todos máis rigor e puntualidade. Máis presión. As novas ferramentas tecnolóxicas poñen en evidencia aos que incumpren co seu. Non perdoan. A hiperconexión engade esixencia ao compromiso de cada un. Quen non escribiu a horas impensábeis documentos que o traballo en cadea -sen acenos de complicidade entre os que participan nela- lle impuña para non ser un elo roto? Todos vivimos algo semellante e desexamos ter cara a cara aos nosos compañeiros para explicarlles por que non estaría a nosa parte ao día seguinte…
O teletraballo por imposición conduce as relacións profesionais, dentro e fóra da mesma organización, á mecanización. Agora que as empresas empezan a cavilar sobre a volta ás oficinas, convén lembrar que o teletraballo é unha ferramenta de flexibilidade para mellorar o benestar da xente que vive nas contornas urbanas actuais. Non estaría de máis que antes de regular pensaramos no que aporta e no que resta. Ten grandes vantaxes. Catámolas xa. Pero o seu desempeño abafa a espontaneidade e a forza emocional das relacións persoais. Se o regulamento administrativo o converte nunha imposición, a desexada ferramenta de flexibilidade automatizará tanto o traballo que o fará cada vez máis insoportábel e asocial. Creo que a normalidade esixe unha combinación das afoutezas de dos dous mundos: o presencial e mais o virtual.