A utilización partidista do Senado

 

Dende os comicios xerais de 2023 o PP ven utilizando a maioría absoluta que posúe no Senado para escenificar o modelo de oposición que deseñou fronte ao actual goberno de coalición. Lembremos que, dende o primeiro momento, Feijoo estableceu a suposta ilexitimidade do Executivo de Pedro Sánchez en base a dúas circunstancias: o feito de que o partido mais votado tiña sido o PP e a evidencia de que a investidura de Sánchez foi posíbel polo apoio de forzas nacionalistas e independentistas de Cataluña, Euskadi e Galiza. Esta singular visión exhibida polo ex-presidente da Xunta a respecto do funcionamento dunha democracia parlamentaria serve como pretexto xustificativo -entre outros despropósitos- da progresiva conversión do Senado nunha plataforma de axitación partidista que, certamente, non se compadece, coa natureza de Cámara territorial que se fixa no actual texto constitucional. Se Feijoo quixese contribuír a unha mellora da calidade democrática das institucións representativas podería aproveitar a maioría absoluta do seu partido no Senado para promover unha proposta de reforma que mesmo se podería inspirar no que formulou hai 30 anos Manuel Fraga no Parlamento galego.

Coas premisas argumentais sinaladas polo Grupo Parlamentar do PP deberían terse constituído, dende hai tempo, comisións semellantes relativas á situación da CSAG (antiga CRTVG) e de Telemadrid nos Parlamentos autónomos respectivos.

A última xogada pirotécnica decidida polos dirixentes da rúa Génova é a posta en marcha dunha comisión de investigación -na Cámara Alta- sobre a situación de RTVE. Argumentan que a dependencia gobernamental deste ente deturpa o carácter plural e inclusivo esixíbel a unha empresa coma esta e que, ademais, a súa situación económico-financeira é problemática por mor dunha suposta xestión deficiente dos seus directivos. Hai que ter presente que xa existe unha “Comisión Mixta de Control Parlamentario da Corporación RTVE e as súas Sociedades” na que se tramitan habitualmente iniciativas relativas ao funcionamento ordinario desta entidade pública. Que buscan, por tanto, os promotores desta Comisión de Investigación? Exercer o lóxico labor de control do poder executivo ou protagonizar a enésima versión da “política-espectáculo” ao servizo da xa referida estratexia deslexitimadora do goberno Sánchez?

Coas premisas argumentais sinaladas polo Grupo Parlamentar do PP deberían terse constituído, dende hai tempo, comisións semellantes relativas á situación da CSAG (antiga CRTVG) e de Telemadrid nos Parlamentos autónomos respectivos. A maioría absoluta do partido de Feijoo imposibilita neses casos o que agora se abre paso no Senado. Un exemplo práctico da dupla vara de medir que practican no seo das institucións representativas. Nas Comunidades onde gobernan con maioría absoluta abonda co funcionamento das comisións ordinarias de control das sociedades públicas de comunicación existentes nas Cámaras lexislativas. As medidas extraordinarias de fiscalización están reservadas para os territorios nos que non xestionan as radios e as televisións correspondentes.

O verdadeiro motivo desta iniciativa hai que buscalo nos bos resultados de audiencia que ven obtendo nos últimos anos RTVE, froito do traballo desenvolvido polas persoas responsábeis desa casa para ofrecer unha programación de calidade dotada dos niveis de pluralismo concordantes coa natureza fundacional deste medio de comunicación. Este éxito de audiencia deixa en evidencia a propia xestión que realiza o PP neste eido naqueles territorios que posúen medios propios. Asemade, as boas porcentaxes obtidas RTVE complican a captación de publicidade por parte dos dous grandes grupos audiovisuais privados, dispostos a exercer a tradicional presión sobre os grupos políticos determinantes nas tomas de decisión nesta materia.

Para máis inri, poucos días antes do anuncio do PP sobre a Comisión de investigación, o presidente de RTVE -José Pablo López- informaba en sede parlamentaria que o exercicio económico de 2025 foi pechado cun superávit de mais de 55 millóns de euros fronte aos case 13 millóns de perdas do ano 2024.

Definitivamente, o PP non está preparado para que a realidade desminta  os seus “feitos alternativos”.