Unha Unión Europea sen alma

Nestes días estamos asistindo a unha nova proba da deriva xenófoba e racista que está a tomar a Unión Europea, que non parece quen de frear a súa caída na irrelevancia nun escenario internacional no que China e os Estados Unidos loitan polo liderado. Batalla que a primeira vai gañando de forma clara, mentres outros países -Brasil, India, Rusia…- pugnan por ocupar un lugar destacado, ao tempo que a Unión Europea parece estar durmida.

Unha nova proba desta deriva aparece agora reflectida na política migratoria que, en contra dos seus principios fundacionais, se mostra cada vez máis proclive ás ideas e propostas dos partidos de extrema dereita e que, baixo o lema da «prioridade nacional», constitúe un claro ataque aos dereitos humanos, á solidariedade internacional e mesmo ao Tratado de Lisboa, que deixou establecido que «as políticas de inmigración rexeranse polo principio de solidariedade e de reparto equitativo da responsabilidade entre os Estados membros, tamén no aspecto financeiro» (art. 80 do TFUE). En relación coa inmigración irregular, «a Unión está obrigada a impedir e reducir a inmigración irregular, sobre todo mediante unha política eficaz de retorno, respectando sempre os dereitos fundamentais» (art. 68 do TFUE).

Así soubemos que hai uns días representantes políticos da Comisión Europea recibiron en Bruxelas unha delegación talibá para tratar de chegar a acordos sobre a deportación de inmigrantes afganos, moitos dos cales fuxiron do terror e das persecucións no seu país, cara a Afganistán. Como acertadamente denunciaba a presidenta da Comisión de Dereitos das Mulleres do Parlamento Europeo, Lina Gálvez, «a Unión Europea afirma que os dereitos humanos, os dereitos das mulleres e a democracia son valores fundamentais da súa acción exterior, pero ao mesmo tempo séntase cos talibáns. Unha cousa non é compatible coa outra».

Seguramente non sobre informar sobre a situación dos dereitos humanos en Afganistán. «Os talibáns intensificaron os seus ataques sistemáticos e xeneralizados contra os dereitos das mulleres e das nenas. Tamén discriminan os grupos etnorrelixiosos; por exemplo, obrigan membros da comunidade chií a converterse ao islam sunita. Así mesmo, reprimiron os medios de comunicación independentes e silenciaron toda crítica ás súas políticas, arrestando e detendo arbitrariamente xornalistas e membros do funcionariado do anterior goberno. Houbo execucións extraxudiciais de persoas detidas e disidentes e reprimíronse as protestas de maneira sistemática. Continuou sendo practicamente imposible acceder a un xuízo xusto. A CPI (Corte Penal Internacional) emitiu ordes de detención contra o líder e o presidente do Tribunal Supremo talibáns. O país atopábase nunha situación de inestabilidade económica, cunha crise humanitaria cada vez máis grave. A falta de financiamento puxo en perigo servizos esenciais de atención sanitaria que proporcionaba a OMS (Organización Mundial da Saúde). A discriminación restrinxiu o acceso á asistencia humanitaria de grupos étnicos e relixiosos marxinados. Os desaloxos forzosos repercutiron de maneira desproporcionada nas mulleres e nas nenas, especialmente nas hazaras» (Amnistía Internacional, Informe 2025).

Velaí como os dirixentes da Unión Europea avalían os dereitos humanos e as liberdades democráticas no mundo. Se as súas medidas en relación coa inmigración resultan especialmente dolorosas e culpables desde o punto de vista do dereito internacional, tamén sorprende a súa ignorancia da historia de Europa, que pon en evidencia o feble que é a súa memoria. Estes dirixentes parecen esquecer o papel que desempeñou a inmigración, maioritariamente procedente dos estados europeos do sur, como España, nos famosos trinta anos gloriosos de Europa (1945-1975). Unha desmemoria que, no caso alemán, resulta aínda máis sangrante, pois se a inmigración colaborou decisivamente na consecución do chamado «milagre alemán», antes moitos países europeos do sur foran refuxio para cidadáns alemáns fuxidos do réxime nazi (1933-1945), cidadáns alemáns que tamén eran inmigrantes e, como moitos afganos, por razóns políticas.

Unha memoria moi feble e tamén deturpadora da realidade, porque non é certo que a inmigración sexa un problema; as evidencias demostran, pola contra, que constitúe unha solución para algúns dos problemas clave que afrontan os estados europeos máis desenvolvidos, como o declive demográfico, o emprego e o benestar social. Problemas que derivan de políticas erradas que meteron a Unión Europea nunha recesión da que non dá saído, e aí temos o caso paradigmático de Alemaña. En sentido contrario está España, que aparece en todos os informes rigorosos como o Estado europeo cos mellores resultados económicos, ao tempo que está a conseguir que se dispare o emprego grazas á chegada de inmigrantes.

O problema da Unión Europea é que perdeu a súa alma.