Estamos volvéndonos tolos?

 

A nova vitoria electoral de Vladimir Putin está dando paso a unha serie de teses e proclamas das clases políticas e mediáticas occidentais que vén xustificar a pregunta de si nos estamos volvendo tolos.

Esta fora de dúbidas que as eleccións celebradas en Rusia non resisten a proba do algodón democrático. Pero tampouco debera haber dúbidas de que Vladimir Putin  conta, hoxe por hoxe, con un enorme apoio popular. Un apoio que a guerra en Ucraína non fixo mais que aumentar.

Unhas evidencias que deberan levar aos estrategas da OTAN (estadounidenses e europeos) a reconsiderar a súa idea de que a guerra en Ucraína, que remataría inevitablemente coa derrota de Rusia, ía supor o epitafio de Putin. Nada mais lonxe da realidade, pois Rusia non está perdendo a guerra. Tampouco a esta gañando, pero Vladimir Pútin está mais forte que nunca.

Que estea mais forte non significa que vaia invadir, como afirman moitos irresponsables, outros países de Europa do Leste (Repúblicas bálticas, Polonia….). Se non foi quen de invadir totalmente Ucraína quen se cree que agora o vaia a intentar con outros países que, ademais, estes si están na OTAN. Facelo sería entrar en guerra con esta, que militarmente é moi, moi superior. Vladimir Putin pode ser un ditador pero non está tolo.

Unha guerra, entre a OTAN e Rusia, que dado o arsenal nuclear en poder de Rusia nos levaría ao holocausto final.

Velaí que considere as teses desas elites políticas e mediáticas que nos avisan de que nos debemos preparar para a guerra con Rusia como unha tolemia. Porque para o que nos deberíamos preparar é para para-la guerra en Ucraína, por que non cabe outra saída senón queremos suicidarnos e se pensamos mellor para o pobo ucraíno.

Para-la guerra en ben do pobo ucraíno que é a principal vítima da contenda, e negociar con Rusia. Unha negociación que parta do dereito de Ucraína a recuperar todo o seu territorio (foi Rusia quen invadiu Ucraína aínda que fora provocada) pero sendo conscientes de que, dada a correlación actual de forzas, só será posible unha paz a cambio de territorios (Crimea….).

Defender hoxe unha estratexia belicista só beneficia ao lobby armamentístico, que está acumulando beneficios extraordinario, e pon en perigo a paz mundial. Velaí que cando leo ou escoito que nos debemos preparar para a guerra con Rusia me pregunte se nos estamos volvendo todos tolos.