A pesar da desfeita na súa xestión da pandemia e dos escándalos xudiciais que envolven a Donald Trump, os hiper capitalistas dixitais dos Estados Unidos van agora da súa man para manter a hexemonía militar e tecnolóxica daquel país. Pois hoxe está claro que esas son as dúas caras dunha mesma moeda e que, co ascenso da China, garantilas pasa -si ou si- por deixar atrás o cosmopolitismo que outrora envolvían coa idea da globalización e liberalización dos mercados.
Nese contexto penso que ten interese reproducir aquí unha breve pasaxe do meu libro “Sociedade de mercado e sociedade decente” (2023) (agora en acceso aberto) que titulaba “A corrosión neoliberal das democracias”.
*
Para comprender o auxe do Trumpismo americano e as súas múltiples metástases en todo o mundo, creo que de pouco serve afondar nos distintos fascismos ou populismos do pasado. Máis ben, sería mellor aclarar o que pasou nos Estados Unidos para facer posible este ascenso… e, o que é peor, exportable. Tanto á Rusia de Yeltsin-Putin ou, antes, á China de Deng-Jinping.
Na miña “Crítica ao hipercapitalismo dixital” (Catarata, 2019) constataba como o centrismo-secuestro neoliberal compartido por Clinton, Bush e Obama nos deixou un Estado débil, que os ricos ignoran, abandonando a sociedade á lei da selva do máis forte. Unha sociedade de mercado pura e dura.
En todos estes asuntos, as elites (republicanas ou demócratas) que definían os temas de debate –a chamada axenda– perderan o contacto co pobo.
Cando as elites capitalistas de Wall Street ou Sillicon Valley están preparadas para vivir en augas internacionais (en illas e paraísos fiscais), colléitase ao mesmo tempo o declive e a deslocalización (asiática) da manufactura e a consecuente perda de postos de traballo; pero tamén a evaporación da clase media; o aumento do número de pobres; unha taxa de criminalidade en aumento; un florecente tráfico de drogas ou a decadencia das cidades. En todos estes asuntos, as elites (republicanas ou demócratas) que definían os temas de debate –a chamada axenda– perderan o contacto co pobo.
Así o resumía un recoñecido analista da sociedade norteamericana contemporánea, Christopher Lasch, no seu libro “A revolta das elites” (Paidós, 1996) no que retrata de xeito esclarecedor as raíces profundas da ruptura social que, dúas décadas despois, cristalizaría na elección -incomprensible para moitos- de Donald Trump como novo presidente dos Estados Unidos.
Porque os intereses globais destas elites cosmopolitas refréganse as mans de alegría ante a corrosión das vellas democracias e o descrédito da política. Robert Alan Dahl, politólogo norteamericano de gran prestixio, pouco sospeitoso de esquerdismo, razoaba naqueles anos nun lúcido ensaio, “Democracy and its critics” (Paidós, 1992), sobre o que el chamou plutocracias, oligarquías ou tutelas cara ás que transitaban democracias outrora prometedoras.
Un goberno dos mercados, no que uns poucos (moitas veces ricos e poderosos) se imporán aos moitos con trucos variados. Como acontece na infocracia GAFAM da que tanto falamos agora. Os demócratas estadounidenses (e en Europa socialdemócratas como Blair, González ou Schroeder) terían entón mutado en cosmopolitas secuestrados polos designios da globalización económica, a man invisible, o rexeitamento do público e das subas de impostos. Claro que, ao mesmo tempo, aparecerán como culpables da suposta perda de identidade nacional (por mor dunha inmigración da que os seus críticos se benefician ben como traficantes de criados), se non da corrupción directa dos lobbies globalizadores que estaban a construír.
Todo se decidirá sempre dentro de marxes moi estreitas de intereses.
Será entón que triunfará un demagogo salvador como Donald Trump, ou as súas metástases internacionais (incluído o Brexit). Para deixar que as elites fagan o seu, botar o Estado polo sumidoiro, envolverse na patria e incitar contra a inmigración. Prometendo o retorno ao pasado, á cidade da infancia.
Este xiro dos acontecementos nas democracias occidentais será resolto pola democracia popular chinesa coa máxima produtividade dentro do PCCh. Así, do mesmo xeito que as democracias occidentais, segundo a análise rigorosa de Robert A. Dahl, terían mutando paulatinamente en formas de tutela iliberal (plutocracias ou oligarquías de facto), algo semellante ocorrería coas autoproclamadas democracias populares. Tamén alí o Estado estaría ao servizo duns poucos (as elites tecnocráticas da tutela: os membros máis ricos, máis cultos ou presuntamente máis virtuosos do Partido) impoñéndose á vontade dos moitos. Todo se decidirá sempre dentro de marxes moi estreitas de intereses.
Os mecanismos para conseguilo son variados e transferibles: que a delegación acabe sendo alienación e o pobo non teña a última palabra.
Os mecanismos para conseguilo son variados e transferibles: que a delegación acabe sendo alienación e o pobo non teña a última palabra (será o poder xudicial ou o poder executivo-policial) ou que as oportunidades reais de participación dependan dos recursos ou do coñecemento. Algo que se confirma coa abstención electoral, que diminúe a medida que aumentan os niveis de renda. Co resultado dun crecente déficit democrático dos parlamentos nacionais en relación cos temas e institucións da globalización e internacionalización (FMI, OMC, BM, etc.). Institucións que acaban sendo xestionadas co pensamento único das elites tecnocráticas.
Tamén co uso das TIC e da IA non para a información creativa e a deliberación senón para todo o contrario: o odio e as noticias falsas. Dahl tiña certamente moita razón cando se preguntou hai tres décadas: “¿Non poden as elites explotar as comunicacións interactivas para manipular a opinión pública de maneira que sirva aos seus intereses?”.
Os multimillonarios globais consideran que o Estado do Benestar, e máis aínda a soberanía fiscal, é gravosa e ineficiente. Son secesionistas nun mundo sen fronteiras e sen institucións globais democráticas. Dentro e fóra do seu espazo de vida xeoestratéxico, só aceptan tecnocracias non elixidas que xestionan os recursos naturais, financeiros, tecnolóxicos ou de armas segundo os seus intereses. Sobre as ruínas desta deriva, pouco lles importa que se levanten dirixentes e colectivos autoritarios, racistas e patrióticos, apoiados por votantes convencidos de que a lei da selva, o diñeiro e o mercado darán sempre o mellor consumismo e avance social, mentres que os perdedores ou disidentes ben merecen o seu destino.
Os multimillonarios globais consideran que o Estado do Benestar, e máis aínda a soberanía fiscal, é gravosa e ineficiente.
Con metástasis nos Estados Unidos, China, Rusia e Brasil. Mentres, nos poucos países onde puido existir unha vía socialdemócrata, o seu secuestro polo centrismo neoliberal garante que as metástases que aquí caracterizamos condicionan cada día máis a súa axenda política, por caso dentro da OTAN. E naqueles países onde puido haber unha transición cara ao socialismo, o único que se espere sexa xa unha transición cara ao consumismo.