“R.M.N”, o filme que enfoca a Transilvania multiétnica

Transilvania é un enigma. Nin sequera fica claro quen son os transilvanos. Para explica-la natureza da actual poboación transilvana existen hipóteses contraditorias verbo de cales fosen os poboadores orixinarios. Para entende-las amentadas hipóteses, cómpre repasa-la presente composición etnolingüística dentro do conxunto dos habitantes deste territorio. En primeira instancia, figura unha maioría de romaneses; a continuación podemos distinguir dous millóns de húngaros ou maxiares, que representan un 38% da poboación transilvana; a seguir, alemáns ou xermanos (de procedencia saxona e , en menor medida, suaba), que son 400.000, e representan un 8,5%; moito máis minorizadas, están presentes otras nacionalidades como xitanos ou rom, búlgaros, checos, eslovacos, serbios, armenios, xudeus (con predominio de fala yiddish), ucranianos, rutenos… Cada unha destas nacionalidades, tanto as maioritarias como as minoritarias, posúen un idioma de seu (propio e exclusivo), circunstancia que as convirte propiamente en nación. Xa que logo, Transilvania non é unha nación, senón un territorio onde están asentadas gran número de nacións, aínda que, polas súas dimensións, as dúas máis rechamantes sexan a nación romanesa (maioritaria demograficamente) e a nación húngara (minoría moi abondosa, e con forte impacto na historia do territorio).

A articulación pluralmente etnonacional que caracteriza á realidade transilvana vai se-la chave que explique moitos fenómenos. Nembargantes, en cuestión capitais, a oposición entre etnias fai imposible clarifica-lo respectivo asunto con plena precisión. Sucede deste xeito coa explicación do “periodo escuro” entre os séculos III e XII ( isto é, a época subseguinte á retirada das lexións romanas da provincia de Dacia). Existen ó respecto unha absoluta diferenza entre os historiadores romaneses e os historiadores húngaros, o que en definitiva supón a formulación de dúas grandes hipóteses contraditorias no que atinxe á orixen e natureza da actual poboación transilvana. En definitiva, tratase de saber quen estaban antes, os romaneses ou os húngaros (sen esquece-lo valor relativo que lle cómpre dar a calquera caste de hiperhistoricismo).

Como viña dicindo, Transilvania é un enigma, alomenos en certos aspectos e en certas manifestacións; tamén resulta enigmático este filme, encomenzando polo seu propio título (“R.M.N.”), certamente moi escuro. Transilvania non só suscita misterio, senón que ten unha natureza e unha estructura construidas en base a múltiples polos opostos que, expostos a título exemplificativo e cunha certa desorden histórica, poderían ser…voivodas e príncipes contra reis e emperadores, húngaros versus romaneses versus xermanos, príncipes protestantes contra Habsburgo católicos, sultáns otomanos contra o Imperio Austríaco, Austria contra Hungría, Exército Vermello da URSS contra divisións do III Reich alemán. Todas estas oposicións entre conceptos opostos conforman a realidade transilvana, ó igual que moitos outros, como tamén soberanía nominal contra soberanía material, independencia contra autonomía, etc.

En definitiva, atopamos un país heteroxéneo, mítico (en parte pola produción literaria ó mesmo vencellada) e, sobre todo, un país elaborado e forxado no conflito (e relembrémo-la sabia frase que di “Sen conflicto non hai progreso”). Iso si, ó respecto da súa historia, Transilvania non é soamente un país remoto e agochado, de montes e fragas (incluso etimoloxicamente). Pola contra, cómpre decatármonos de que poñendo por caso, en gran medida xogouse en Transilvania a independencia de Hungría, e feitos determinantes da historia de Hungría aconteceron en Transilvania. De tal xeito que Transilvania ten un peso na historia de Europa Central-Oriental (e non é un simple produtor de troncos e demáis utilidades forestais). É imposible amenta-la historia de Transilvania sen relembra-la existencia de reis húngaros que eran transilvanos (como Matías I Corvino).

Políticamente, con breves periodos de cuasi independencia, Transilvania basculou entre Hungría, o Imperio Otomano e Romanía (isto último na época de Miguel O Bravo de Valaquia). En 1848 (Dieta de Cluj) pareceu impoñerse a tese da unión con Hungría que, así e todo, foi seguida por unha guerra civil, definitivamente frustrada pola intervención rusa. Na guerra civil participaron contra os maxiares os saxóns e, `por suposto, tamén os romaneses (constituídos en “cuarta nación transilvana”, ó mesmo nivel de húngaros, saxón e szekely, que eran historicamente as “tres nacións transilvanas”).

Así e todo, os conflitos ó longo da historia transilvana non se cinguen exclusivamente a aqueles vencellados ás questións etnonacionais; pola contra, existiron tamén graves conflitos sociais como a gran Revolta dos labregos romaneses, dirixidos por Horia (1784-1785), que paradoxalmente semellou ser unha reacción ás reformas de Xosé II (supresión da servidume, tolerancia relixiosa) que, á súa vez supuñan a entrada de Transilvania na Modernidade. Os conflitos de mediados do século XIX deron lugar á victoria dos Habsburgo, aínda que polo “Compromiso de 1867” volvía a se produci-la unión con Hungría, o cal provocou a reacción da maioría romanesa. En 1916, Romanía entra na Primeira Guerra Mundial a cambio da promesa dunha ulterior entrega de Transilvania; en 1918, na asamblea de Alba Julia os transilvanos romaneses votan a prol da súa unión con Romanía; en 1920, o Tratado de Trianón, que ratifica a unión con Romanía; en 1920-21, a reforma agraria pon en posición feble á minoría húngara terratenente). Así e todo, en 1940 muda novamente o estatu quo transilvano por intervención do III Reich alemán, na arbitraxe de Viena, onde se entrega a Hungría a parte norte do territorio, que nembargantes volve a Romanía cando remata a II Guerra Mundial.

A constitución romanesa posterior ó final daquela guerra (a II Mundial) creou unha rexión autónoma maxiar, con capital en Tirgu Mures, que non tiña moitos máis poderes que os de calquera outra rexión romanesa, malia preverse a existencia dun consello nacional maxiar; doutra banda, unha gran parte da poboación maxiar vivía fora da rexión autónoma. Mesmamente, a devandita rexión autónoma desapareceu coas reformas administrativas de 1968-69, namentras a mesma sorte seguía a universidade húngara de Cluj (1959-1977). Non houbo que agardar demasiado tempo para a protesta interior que, engadida ás presións de Hungría, levou a certas reformas en 1980, que eran insuficientes e estaban lonxe de satisface-las revindicacións de húngaros e alemán.

Cinema e nada máis que cinema

Pasando xa a comenta-lo filme propiamente dito, e tendo presente a natureza sui xéneris do territorio transilvano, procede indicar que o director, o guionista e o equipo do filme  “R.M.N.” non nos ocultan a imaxe dunha Transilvania ancestral: deste xeito, véxase o festival folclórico ó que acude con traxes históricos e disfraces de animais xente do pobo por mor dun partido de hockey,  que reflicte con crueza a Transilvania violenta derivada dos conflitos etnonacionais. Doutra banda, o filme fai visible tamén a Transilvania máxica que atopamos en pasaxes puntuais da produción, como son a premonición do neno ó respecto do aforcamento, ou o flash finalísimo  da película, que non vou relatar por mor de non facer spoiler. E outros tópicos…, que en gran parte chegan a se faceren reais.

Matthias é o protagonista  indiscutible deste filme. E ó redor del vaise tecendo toda unha rede de feitos e personaxes que son obxecto do argumento e mailo guión da película. Matthias é un home primario, tamén atormentado e tamén violento. Podémolo observar como tal, en tódalas dimensións e case que en tódolos momentos. Pero xa é posible albiscar este carácter violento ( e non só primatrio) de Matthias nos primeiros intres do filme, cando se emprega a fondo na agresión a un membro do persoal da fábrica alemana na que traballaba. Ó respecto disto, o “punto de partida” do filme, o núcleo orixinario da súa trama argumental, é a viaxe (máis ben fuxida) que, tra-la amentada incidencia, fai Matthias dende Alemaña (onde estaba emigrado por razóns laborais) ata o seu pobo de orixen en Transilvania.

Na vida de Matthias hai duas mulleres, Ana e Csilla, coas cales máis tarde ou máis cedo ó longo do filme el evidenciarase como un auténtico maltratador (véxase, poñendo por caso, as escenas finais con Csilla, e de Csilla ). Como xa denantes apuntei, Matthias ten moita violencia dentro da sua alma, e fai ca vida das `persoas próximas se deturpe considerablemente, e a sua felicidade diminua. Proseguindo co entorno emotivo-sentimental que arrodea a Matthias, aludirei primeiramente a Ana, que semella se-la sua muller, legalmente falando e coa que ten un fillo de curta idade. A educación do rapaz sementará moitos problemas entre ambo-los dous, por canto teñen numerosas discrepancias ó respecto. En definitiva, ben sexa pola cuestión da educación do fillo, ben sexa por asuntos que non se manifestan  e que son de presente ou do pasado, ben sexa polo simple desgaste que a convivencia produciu e produce… a parella Ana-Matthias non semella ser viable nin ter futuro. Pola contra, en realidade, a emotividade e sentimentos de Matthias decantanse por Csilla, unha muller da minoría húngara que exerce sobre él unha gran fascinación e á que finalmente, con teimosía, consegue seducir, e iniciar con ela unha relación erótica (anque se trate dunha relación bastante problemática e con tráxico final). E alén de veciños e coñecidos o “círculo íntimo” de Matthias vese complementado pola presencia do seu pai, membro da minoría alemana, e cuxo destino final vai reforzar os aspesctos tráxicos dos últimos momentos deste filme.

Todo isto que levo exposto ata agora neste parágrafo, que atangue a varios personaxes (Ana, Csilla, Matthias, o seu pai…) podería ser considerado o primeiro plano argumental da película, no que é salientable un subxecto individual (Matthias) que se relaciona con otros subxectos individuais. Pero existen outros subxectos que simbolizan algo e desempeñan roles concretos: é o caso do fillo de Matthias, xa que o rapaz encarna a esperanza de Transilvania e é  o único personaxe autenticamente querido neste rudo mundo, é está rebordante de inxenuidade.

Así e todo, en paralelo con este primeiro plano existen outros onde están presentes subxectos colectivos, e que fan referencia a problemas colectivos (e non meramente relacionais, de persoa a persoa). Nestes outros planos é salientable unha materia que vai presidi-lo conxunto do filme, que é a cuestión fundamental do racismo e a xenofobia. Quedan tamén perfectamente reflectidas cales son algunas das súas causas e algunas das súas consecuencias. Como causa podemos amenta-la ignorancia colectiva (poñendo por caso xente do pobo que ve con arrepío como algún alimento é manipulado por máns máis escuras ) ou a crise económica ( “non hai traballo”, tal e como Csilla lle di a Matthias ó que pregunta pola cuestión). As consecuencias do racismo tamén se poden observar no filme: discriminación, ata o punto de lle pecharen ós emigrantes as portas da igrexa cando pretendían acceder á misa, e violencia (os racistas lanzan pola fiestra da casa de Csilla un artefacto explosivo- posiblemente un cóctel molotov- porque algúns traballadores emigrantes estaban no seu interior, e porque sabían que Csilla os axudaba).

Antes de seguir adiante, convén describi-lo modo no que tivo orixe este conflicto racista: por mor de obter fondos europeus, a propietaria da panadería do pobo contrata uns traballadores de Sri Lanka. A partir de aí, as cousas dispáranse: primeiro é un ruxerruxe que corre de boca en boca, e circula tamén polas redes sociais, primeiro contra os emigrantes, despois contra os húngaros. “Os húngaros sodes extranxeiros que queren botar a outros extranxeiros”. Despois é un escándalo nunha accidentada e tumultuaria misa, na que os fregueses se despachan con frases como “están mellor na súa casa”, ou “estannos contaminando o pan cando o tocan, ó que o amasan”; todo isto diante da actitude covarde do sacerdote apoiando as teses racistas.

O “contencioso” segue adiante dividindo ó pobo (e dividindo tamén a Csilla e Matthias),  e a continuación ten lugar unha “asemblea comunitaria”, convocada polo alcalde no Centro Social do pobo, na que se escoitan frases como “os virus das razas escuras son máis perigosos que os das razas claras”, ou “éste non é o seu lugar”. Esta asemblea comunitaria terá a sua importancia na trama da película, porque vai supo-la resurrección das “vellas pantasmas das tribus transilvanas”, de xeito que asistiremos a un intercambio de argumentos e case que  de golpes entre romaneses e húngaros. Tanto uns coma outros fachendean amentando que “agora que nos libramos desa carga dos xitanos… Pero proseguirán os enfrontamentos neste contexto asembleario entre romaneses e húngaros, e aqueles. con actitude supremacista lembrarán que os maxiares son unha minoría (¡de case o 40%!) e que, xa que logo, na asemblea cómpre falar romanés. En definitiva, foi un foco de tensión interétnica, e ó respecto do asunto que teoricamente era materia dela, impuxéronse claramente as posicións racistas.

O filme vai ter un final abraiante e abracadabramente tráxico. De súpeto acelérase o seu ritmo, convertíndose argumento e guión nunha maquinaria infernal que remata nun apocalipse final con suicidios, asesinatos e toda caste de traxedias…Unha maquinaria infernal que moi graficamente se pon en marcha co lanzamento do aparato explosivo na casa de Csilla.

En definitiva, un filme que, ainda marcando as diferenzas, ten rasgos que o aproximan ó cinema occidental. Iso si, é rechamante o carácter documentalista que por momentos está presente na película e que quizáis sexa herdeiro do cinema da época hiperrealista de tempos do realismo socialista.