Pablo Sapag, profesor da Universidade Complutense de Madrid, dedicou a súa vida profesional aos estudos sobre propaganda de guerra e comunicación en conflitos armados. Correspondente de guerra durante máis dunha década e con ascendencia siria, boa parte dos seus traballos de divulgación céntranse na situación dese país a partir da guerra desatada no ano 2011. Coa caída do réxime sirio e o exilio de Al Assad, quixemos contar coa súa voz para coñecer o que sucedeu e, especialmente, o que pode suceder en Siria.
Tres meses despois, pola súa actualidade, recuperamos esta entrevista publicada no número de xaneiro de 2025 da revista Tempos Novos.
Rematou a guerra en Siria?
É posible que o conflito armado continúe. Haberá focos pequenos, menores e intermitentes dentro do atomizado territorio, onde de cando en vez existirán gromos de actividade armada. Á vez, poida que rebroten formas de terrorismo importantes, como en Iraq tras a invasión estadounidense e británica. O conflito armado pode seguir, pois, máis ou menos como nos últimos anos antes deste episodio, en que estaba latente en certas zonas de Siria, pero nin moito menos en todo o país.
“Os sirios, alén de ser esencialmente pezas ou figurantes para executar os desexos doutros, tiveron máis ben pouco que dicir”.
A caída de Al Assad era o único obxectivo común dos rebeldes. Semella difícil que teñan algo en común o día despois…
Así é, pero cómpre termos en conta un factor fundamental: os sirios, alén de ser esencialmente pezas ou figurantes para executar os desexos doutros, tiveron máis ben pouco que dicir, aínda que non se pode esquecer xamais que foron eles os que puxeron os mortos, feridos ou desprazados desta enorme xogada xeopolítica de case tres lustros de duración. Todo o acontecido desde 2011 até agora en Siria ten unha chave esencialmente xeopolítica. A proba é o sucedido neses días aparentemente de vertixe nos que unha milicia enclaustrada no norte da provincia de Idlib, a segunda máis pequena do país, de súpeto fixo un avance fulgurante cara a Alepo, despois Hama, despois Homs e finalmente Damasco. De ningunha maneira resulta crible ese relato. En realidade, conxuntáronse potencias globais e rexionais que o fixeron posible. As mesmas potencias que viñan intervindo desde 2011, aínda que con obxectivos ou aliados diferentes sobre o terreo. Por unha serie de cambios xeopolíticos nos últimos meses, Rusia e Irán deixan caer a República Árabe Siria. É unha mudanza de réxime, non de goberno, isto é, unha mudanza de Estado e as súas estruturas e orientación. E nisto Moscova e Teherán coincidiron con outros actores que desde 2011 apoiaban outros grupos, armados ou non, que buscaban trocar o réxime en Siria. Esta chave é fundamental para entender que vai ocorrer. Os sirios non puideron decidir; todo se decidiu en base a intereses exteriores. Abonda con ver quen son os gañadores: Israel, Turquía, Qatar… De xeito máis distante os Estados Unidos e os seus aliados. Entre os perdedores relativos están Irán, que salva o máis importante (o Líbano) e evita un conflito directo con Israel e EE UU no seu propio territorio. Rusia perde reputacional e simbolicamente, ao deixar caer de semellante maneira a un aliado de décadas e mesmo séculos, aínda que quizais salve as súas bases militares en Siria. Sen esta concertación de potencias isto non ocorrería, por moi comesto e debilitado que estivese o réxime pola presión militar e económica destes anos, a súa evidente falta de reflexos políticos ou a corrupción galopante, entre outros moitos factores. Serán estas potencias as que xoguen un papel de arbitraxe e moderación entre a pléiade de grupos da outrora oposición, que se dividía en moitas fórmulas e atomizouse. As potencias exteriores que lles permitiron chegar a Damasco decidirán e acomodarán esta serie de intereses, obviamente de acordo aos seus. En cuestión de catro ou cinco días e tras simulacros de combates, puxéronse de acordo as Forzas Democráticas Sirias lideradas por kurdos e apoiadas polos Estados Unidos co home forte que pilota a transición en Siria, o líder de Hayat Tahrir al-Sham, Abu Mohamed al-Golani, en realidade Ahmed al-Sharaa (xa se xeneralizou o uso do seu verdadeiro nome). Ese acordo foi posible pola presión de Turquía e dos Estados Unidos. Ten máis que ver coa xeopolítica que coas dinámicas internas de Siria. Os sirios viron por primeira vez desde 1967 o seu territorio invadido por Israel, que xa está ás portas e Damasco, ocupa novas alturas estratéxicas e fontes de auga con vocación de permanencia. Siria careceu da capacidade de evitar a destrución de toda a súa infraestrutura militar a mans de Israel. A chave é, reitero, xeopolítica, e sempre o foi, para ben e para mal. A consecuencia negativa é que os sirios deciden pouco ou nada, pero a positiva é que cando en Siria se tente algunha concertación de difícil viabilidade, se non hai acordo -o cal é plausible-, serán estas potencias quen achaien o camiño a un consenso, obviamente, e como sempre, de acordo aos seus propios intereses.
“A operación de Hamás tivo como consecuencia evidente a neutralización de Siria, o único Estado da rexión con certa capacidade de disuasión fronte a Israel”.
Tería acontecido todo isto sen o ataque de Hamás do 7 de outubro?
Por suposto que non. O ataque do 7 de outubro de 2023 é posiblemente o maior erro estratéxico dos palestinos de entre os moitos que veñen cometendo desde hai un século. Deixando de lado as consecuencias humanas e materiais en Gaza, Cisxordania, Líbano, Siria e alén, a operación de Hamás tivo como consecuencia evidente a neutralización definitiva e total de Siria, o único Estado da rexión con certa capacidade de disuasión fronte a Israel. Tel Aviv gañou, e fíxoo non só en termos vitais e territoriais, senón ideolóxicos. Conducímonos a un Oriente Próximo onde a cuestión étnica e confesional, a conceptualización da rexión desde o punto de vista de unidades étnicas e relixiosas, vén validar o proxecto do Estado sionista de Israel, amparado nunha etnorrelixión como o xudaísmo. Agora en Siria vólvese a falar de maiorías ou minorías, conceptos desterrados desde 1920, porque se buscaba a construción dun Estado nacional sen distincións étnico-relixiosas de ningún tipo. Haberá unha sorte de cantonalización, como no caso dos kurdos, que vén validar e xustificar a fragmentación étnica e confesional de Oriente Próximo. É un retroceso inmenso e probablemente irreversible fronte ao que significou o Programa Nacional Sirio de 1920, cando se decidiu democraticamente vivir nun Estado unitario nos límites da Siria histórica e sen distincións de relixión ou de etnia, ademais de rexeitar un Estado sionista ou negarse a estar baixo a tutela de ningunha potencia, naquel momento Francia e Reino Unido. Hoxe asistimos a unha reconfiguración absoluta da Siria histórica onde atoparemos definicións políticas e territoriais de base etnorrelixiosa, nunha rexión onde non deciden as súas poboacións senón as potencias que interveñen. Por tanto, é un triunfo incuestionable de Israel e así o proxectou o primeiro ministro Benxamín Netanyahu, que indicou que era un día moi feliz para Israel e histórico para Oriente Medio. Todo iso á mesma hora do mesmo día no que o novo home forte de Siria, que aínda usaba o seu nome de guerra de Abu Mohamed al-Golani -que significa “do Golán”- falaba na mesquita Omeia de Damasco, mentres os tanques israelís traspasaban as liñas fronteirizas do mesmo Golán para penetrar aínda máis profundamente en Siria. Israel dixo certeiramente que coa destrución das infraestruturas e equipamentos militares Siria carece no próximo século de calquera capacidade para supor un desafío. Por tanto, Israel é o gran gañador e existe unha reconfiguración política, territorial e ideolóxica da rexión. O panarabismo aconfesional que articulara desde hai un século o pensamento político, xunto a outras formas do nacionalismo, como o pansirio, vai ser substituído polo difuso arabismo islamizado exportado desde Qatar coa venia occidental. O factor árabe como elemento nacionalizador será atenuado pola influencia de Turquía, que tamén exporta o seu propio islamismo de carácter neo otomán.
Son os sucesos de Siria o derradeiro cravo no cadaleito do panarabismo?
Moi posiblemente, si. O Partido Baaz árabe socialista sirio, fundado polo pensador cristián ortodoxo Michel Aflaq e o musulmán sunnita Saladín El Bitar, disolveuse completamente no marco da suspensión de actividades partidistas que agora rexe en Siria. Todo ese campo de xogo, que xa se diluíu coa crise do nasserismo, desaparece. O seu espazo vano ocupar actores promovidos por potencias como Turquía e Qatar. Qatar sempre exportou un panarabismo islamizado a través do seu sinal televisivo en árabe, que non ten nada que ver co panarabismo aconfesional do partido Baaz. É un final e un cambio ideolóxico que favorece proxectos como o sionismo, o neo-otomanismo ou un difuso arabismo islamizado. Por certo, todas elas fórmulas que comparten un neoliberalismo radical no económico.
Aseméllanse estes días ao Irán de 1979? Un optimismo occidental perante unha mudanza de réxime que non ten que significar democracia.
Non creo que esa saída democrática estivera nunca enriba da mesa de xeito prioritario. Todo o acontecido responde máis ben a intereses xeopolíticos e históricos. Países europeos como Francia ven referendado o seu antigo proxecto colonial en Siria. A bandeira do novo réxime, instaurada sen a mediación dun cambio constitucional, supón recuperar a insignia de 1932 en plena ocupación (terminou en 1946). As cores -elixidas polo británico Mark Sykes en 1916- unicamente representan dinastías do islam, e as súas estrelas os pseudoestados nos que Francia esnzquizou Siria (Damasco, Alepo e Deir er Zhur). Non creo que a prioridade para os actores internacionais que tomaron parte nisto sexa a democracia. Non debería sorprendelos que en Siria se entronice unha cantonalización ou unha deriva islamita. Desde 1920 practicamente todas as constitucións sirias consideraron a sharía unha fonte máis do dereito. Se a sharía pasa a ser fonte principal pode haber consecuencias. Estes partidos islamitas nunca ocultaron os seus obxectivos. Cabe entender que en Europa e nos Estados Unidos xa pensaron nisto e non lles pareceu mal. Un partido comunista ou un partido liberal, por exemplo, teñen obxectivos claros, cun ideario público que se expresa en símbolos e discursos. O mesmo sucede co ideario das principais forzas que hoxe operan en Siria. A principal é HTS, unha organización islamita cuxa acción armada foi considerada terrorista polo Consello de Seguridade de Nacións Unidas, a UE e os EEUU, actores que agora parecen dispostos a modificar esa condición. HTS está a pilotar esta transición, e xa nomeou un primeiro ministro, que xa exercera funcións en Idlib. Non creo que exista, pois, preocupación ante proxectos explicitados abertamente.
“Un posible novo réxime político máis ou menos islamizado e de turbo capitalismo económico podería botar raíces. Non ten por que darse un escenario á libia”.
Tamén Turquía sae reforzada?
Sen dúbida. Turquía gañou en varios aspectos. Primeiro, a cuestión kurda. Se antes necesitaba entenderse con Siria a través de Rusia e Irán e os EEUU para controlar os kurdos sirios das SDF, agora chégalle con entenderse con Estados Unidos. É inmellorable para a súa seguridade. En segundo lugar, gaña unha proxección económica que sempre ambicionara no norte sirio. En terceiro lugar, consegue mandar de volta a Siria a moitos dos refuxiados que levaban anos no seu territorio. Iso aliviará a presión económica e política. Converteuse nun elemento central da política turca. Finalmente, e desde o punto de vista ideolóxico, a Turquía de Erdogan, que leva vinte anos no poder e está consolidado, gaña a posibilidade de islamizar Siria como fixo co seu país. Poderán influír claramente, en coincidencia con Qatar. Desde unha perspectiva turca, ademais, poderán esgrimir un resultado tanxible do seu proxecto neo-otomán, exposto case en coincidencia coa mal chamada primavera árabe. Ese neo-otomanismo non ten por que ser de tipo imperial clásico, pero si de influencia económica e ideolóxica.
É dificil prever o futuro, pero vendo o que aconteceu noutros países da zona, resulta difícil crer que agora vaia “saír ben” e rematar nun réxime democrático.
Alén da propaganda, nunca foi o obxectivo principal. A chave sempre foi xeopolítica. O mesmo día que HTS iniciou o seu avance a Alepo, Israel bombardeou os pasos entre Siria e Líbano para bloquear calquera axuda de Hezbollah a un colapsado réxime sirio debilitado por anos de conflito, o inmobilismo, as sancións económicas e a insoportable corrupción. Tamén debemos ter en conta o papel propagandístico que xogou a cadea qatarí Al Jazeera. Practicamente á que vez que estes grupos entraban en Hama, xa facía conexións en directo da máxima calidade. Iso non se improvisa de ningunha maneira. Dá a sensación de que todo respondeu a un guión xeopolítico ben planificado e executado. O que cabe esperar agora é un sistema arredor de formas de islam político que non teñen por que non ser democráticas en sociedades monoconfesionales, pero que en sociedades multiconfesionales como desde sempre e ata agora foi a siria, pode supor expulsar ou marxinar de facto unha parte da poboación, mesmo aínda que non sexa a intención. Veremos, ademais, un desenvolvemento económico e social distinto, exposto por Qatar ou Arabia Saudita, que ten pouco que ver co modelo histórico sirio. Isto non significa que o novo sistema non vaia funcionar. Precisamente, podería funcionar porque non está en mans dos sirios senón de potencias exteriores que farán o posible para que os seus intereses se vexan reforzados, consolidando un sistema que funcione de acordo con esas lóxicas. No plano xeopolítico, o feito incuestionable é que a República Árabe Siria ou o que queda dela é un Estado sen capacidade de influencia rexional de ningún tipo. Nese sentido, son certeiras as palabras de Netanyahu. Non necesariamente derivará en conflitos armados permanentes, senón que pode acabar nunha estabilidade imposta nun país totalmente intervido. Os sirios poden aceptar este modelo se lles resolve problemas económicos inmediatos, que aínda que agora parecen esquecelo, tamén lles viñeron impostos desde fóra, por exemplo, a través do propio conflito armado e das sancións da UE e EE UU. Desa forma un posible novo réxime político máis ou menos islamizado e de turbo capitalismo económico podería botar raíces en sectores da poboación que quizais sempre o ambicionaron. Non ten por que, entón, darse un escenario á libia, á afgá ou á somalí.
Fotografía de apertura: Pablo Sapag en Siria, agosto 2018