A perda de peso económico e o deterioro dos servizos públicos

 

Veño sostendo que o novo Goberno galego que saia destas eleccións do 18 de febreiro debe frear a perda de peso económico de Galicia (na poboación e no emprego no Reino de España) (ver aquí) así como o deterioro dos servizos públicos (sanitarios, dependencia, vivenda…). Frear nesas dúas cousas sería moito máis valioso que frear a presunta ruptura da unidade de España, co que se pretende levar aos galegos a remolque dun centralismo trasnoitado e sen saída.

Fonte: Cadro 5.5. de CGRL 2022 (ampliar cadro)

Nesta disxuntiva social, no último informe que ten divulgado o Consello Galego de Relacións Laborais, chamoume poderosamente a atención un cadro de datos (o 5.5. en CGRL 2022), que paso a reproducir de seguido, sobre a evolución dos nacementos en Galicia. Pois podería pensarse que o dramático asunto que divulgaba días atrás sobre o afundimento da poboación moza en Galicia (a que estaba entre os 16 e os 34 anos) estivese a piques de ser revertido por causa das medidas de fomento e apoio á natalidade despregadas pola Xunta de Galicia nos derradeiros anos e aireadas a bombo e platillo, que se di.

Pero á vista está que non hai nin rastro deste cambio de rumbo porque tanto as nenas como os nenos nacidos seguen acadando en Galicia , ano tras ano, cifras a cada paso menores.

Un segundo dato ten que ver sobre todo co outro extremo da poboación: dos mais maiores. Esa poboación na que Galicia está a concentrarse (pois nenos e mozos van en retroceso) e que a cada paso ten unha maior esperanza de vida. Son dous factores que empurran sobre unha demanda de coidados médicos porque non poucas enfermidades crónicas e graves aumentan a súa probabilidade co paso dos anos. Cousa que temos ocasión de comprobar con cada onda de procesos víricos e contaxiosos.

Pois ben, isto así semellaría que o axeitado fose que a Xunta de Galicia ademais de mellorar a asistencia primaria e os recursos humanos sanitarios de todo tipo (na rede pública e non engraxando negocios privados) reforzase de xeito permanente a súa oferta de camas hospitalarias para enfrontar esas demandas crónicas e os seus picos pandémicos. Pero, que vén facendo en realidade?

O Consello Económico e Social no seu último informe (CES 2022) elabora e recolle unha gráfica que fala por si soa e que paso tamén a reproducir. Sen palabras: onde había 10.600 camas pasou a haber 9.800. O que se chama unha xestión eficiente e optimizadora por parte dos campanudos responsables da Xunta de Galicia. Pois con case dúas mil camas menos ninguén pode dubidar de que somos capaces de dar de alta aos enfermos sen meterlle presa a ninguén -sei do que falo por experiencia propia- e de admitir novos ingresos sen forzar demoras temerarias para ninguén -e tamén sei do que falo por triste experiencia-.

Fonte: CES 2022, páxina 280, Gráfico 4.1.8 (ampliar gráfico)

Remato xa e engado: nós contamos 3,6 camas por mil habitantes; en Alemaña teñen 7,8, en Francia 5,8 ou en Austria 7 camas (Eurostat). O que demostra que son países que non se enteran de nada, de como hai que facer as cousas. Por iso, por aquí nos últimos catorce anos por vez de acercarnos a esas cifras estamos máis lonxe. E, como ben se observa, a lixeira mellora da rateo entre 2013 e 2022 non se debe a que teñan aumentado as camas, senón a que ten minguado a poboación. O que leva a algúns a colgarse agora a “medalla” desta mellora por conta do descenso dos nacementos do primeiro dato. Todo un círculo vicioso.

Todo para saír correndo cuanto antes mellor desta Xunta de Galicia. E é por iso que comezaba esta análise sostendo que a prioridade social en Galicia nestas eleccións debera ser frear a perda de peso económico (na poboación e no emprego no Reino de España) (ver aquí) así como o deterioro dos servizos públicos (sanitarios, dependencia, vivenda, …).