Salvar ao soldado Orbán

O vicepresidente dos Estados Unidos, JD Vance, aterrou en Hungría o 7 de abril para escenificar o apoio da administración Trump a Viktor Orbán na véspera das eleccións. Nunha rolda de prensa matinal xunto ao aínda primeiro ministro acusou aos “burócratas de Bruxelas” de intentar destruír a economía e de ditar ás plataformas dixitais que información poden ver os votantes. “Os húngaros son adultos. Son soberanos no seu propio país e deberían poder acceder a calquera información sen que alguén nunha capital afastada os trate coma nenos”, afirmou. Sen achegar probas, acusou tamén á intelixencia ucraína de intentar torcer o resultado. Xa pola tarde, subiu ao escenario dun estadio da capital xunto a Orbán para clausurar un dos seus últimos mitins de campaña. Budapest deviñera cuartel xeral europeo do movemento MAGA moito antes de que Vance puxera os pés no seu aeroporto.

Que Marco Rubio visitase Hungría o pasado 16 de febreiro e que o vicepresidente acuda agora, a poucos días da votación, non é protocolo diplomático habitual. É nerviosismo. Washington sabe que Orbán está en dificultades e sabe todo o que perdería se caese. Hungría é o único enclave dentro da Unión Europea onde o trumpismo ten un goberno afín capaz de bloquear decisións comunitarias, vetar axuda a Ucraína e manter abertas as canles de enerxía rusa. Perder tal aliado non é só perder un amigo: é perder a peza máis valiosa do taboleiro comunitario. Por iso Rubio. Por iso Vance. Por iso Trump desde Truth Social co seu “apoio total e incondicional”. A Casa Branca envía ao seu segundo facer campaña ao estranxeiro porque hai moito en xogo. O magnate non envía ao seu lugartenente a ningún sitio por amizade, senón porque o movemento MAGA precisa do Fidesz tanto como o Fidesz del.

Washington sabe que Orbán está en dificultades e sabe todo o que perdería se caese.

A presenza estadounidense complementa unha mobilización máis ampla. En xaneiro, Orbán publicou un vídeo en que líderes da dereita radical europea e global —Abascal, Meloni, Salvini, Le Pen, Weidel, Netanyahu e Milei— o apoiaban para un quinto mandato. O 21 de marzo, a Conferencia de Acción Política Conservadora (CPAC) reuniu novamente na capital húngara a Milei, Weidel, Wilders e Kickl, co trumpismo como telón de fondo. O fío condutor non era só o apoio a un candidato. Era a proclamación duns valores compartidos. Soberanía nacional fronte á burocracia supranacional. Fronteiras pechadas. Familia tradicional. Identidade cristiá occidental fronte á decadencia progresista. O mesmo credo que impulsou a Trump á Casa Branca, que Orbán perfeccionou durante case dúas décadas e que os Patriotas por Europa —terceiro grupo do Parlamento Europeo— tenta instalar como corrente de pensamento dominante.

A Estratexia de Seguridade Nacional dos EEUU, feita pública a finais do pasado ano, formaliza esa visión do mundo. O Consello Europeo de Relacións Exteriores definiuna como a versión escrita do que Vance proclamara meses antes na Conferencia de Seguridade de Múnic, onde afirmou que a maior ameaza para Europa non viña de Rusia nin de China, senón dos seus propios dirixentes, que gobernaban de costas á súa cidadanía e censuraban a disidencia de dereitas. O documento trata a Europa actual como problema e chama a “cultivar a resistencia” dentro do continente. Carl Bildt, ex primeiro ministro de Suecia, cualificou o texto como linguaxe de “bizarros cerebros do Kremlin”. Unha Europa fragmentada, sen capacidade de actuar como bloque, é máis fácil de someter por Washington e máis permeábel aos intereses de quen financia a rede ultra.

Unha Europa fragmentada, sen capacidade de actuar como bloque, é máis fácil de someter por Washington e máis permeábel aos intereses de quen financia a rede ultra. Detrás do ideario de odio hai intereses concretos.

Detrás do ideario de odio hai intereses concretos. O goberno húngaro canalizou durante anos recursos públicos cara a fundacións e think tanks afíns en toda Europa, construíndo un ecosistema de amplificación do relato iliberal sufragado en parte con fondos comunitarios. Os vínculos con Moscova tampouco se limitan á enerxía. Bloomberg ven de publicar a transcrición dunha chamada de outubro en que Orbán lle dixo a Putin que estaba “ao seu servizo”. Hungría compra case o 85% do seu gas e o 65% do petróleo a Rusia, dependencia que Trump blindou o pasado novembro con exencións de sancións a Rosneft e Lukoil. A caída de Orbán non sería só a derrota dun goberno, senón a perda do único actor estatal dentro da UE disposto a boicotear e exercer o veto en nome de intereses alleos ao proxecto europeo.

Mentres Washington se mobilizaba na fronte húngara, Bruxelas optaba polo silencio. O Financial Times publicou hai algunhas semanas que a Comisión Europea moderara deliberadamente as súas críticas a Orbán para non ser acusada de interferir nos comicios. O resultado era previsible. O político maxiar ocupou o baleiro e presentou a UE como potencia estranxeira que quería derrocalo e a Trump como aliado que respectaba a soberanía do país. Coa súa pasividade, as institucións que durante anos sancionaron o deterioro do Estado de dereito e a deriva iliberal de Hungría entregábanlle ao líder ultra un poderoso argumento de campaña. Se Orbán gana o domingo, a rede celebrará o maior triunfo da internacional ultra desde o regreso de Trump. Se perde, o veto sistemático en Bruxelas desaparece e Europa respira. O soldado seguirá en pé, pero non en primeira liña.