Os cinco meses de adianto electoral oficializados por Alfonso Rueda confirman o estado de depresión política no que malvive Núñez Feijóo. Nesa súa escalada negacionista, que o ten apoleirado e sen outro rumbo que o de engalar para someter a Sánchez a un acuciante viacrucis presidencial, perder o que para el segue a ser o seu feudo territorial tería un efecto desestabilizador no PP difícil de soportar. E se a poeira que levantaron polo da amnistía e as alianzas con separatistas e filoetarras (todos terroristas que aplauden ao comunista da Moncloa, en palabras da histriónica Ayuso) lles está dando votos do Ebro para abaixo, nada como aproveitar esa enxurrada para que galegos e galegas a revaliden ao seu favor o vindeiro 18-F. Contando, ademais, coa desagregación das esquerdas minoritarias con calzador español (Sumar, Podemos e Esquerda Unida) que pón costa arriba o obxectivo de que nacionalistas e socialistas acaden os 38 escanos do cambio. É, pois, en clave españolista como hai que interpretar a decisión de quen, agora si, amosa abertamente a súa condición de presidente accidental.
Porque Rueda non ten outro sexapil político que o singularice como gobernante que non sexa o de formar parte do clan galego co que Feijóo, que desconfía ata da súa sombra, desembarcou na rúa Génova revestido de autoridade delegada. Desde que recibiu gratis et amore a xefatura do goberno, o seu papel público reduciuse a ser un aplicado ventrílocuo do feijoísmo. Estaba no guión que o seu mentor escriturou antes de atravesar o Padornelo, todo el ateigado de soflamas propagandísticas tipo “estabilidade”, “autonomismo constitucional”, “rigor nas contas públicas” ou “defensa dos servizos públicos”. Vén de repetilas cando os xornalistas madrileños, que saben da misa galega a medias, lle pediron opinión sobre esa convocatoria anticipada de eleccións.
Das políticas que dirixiu nestes 19 últimos meses non é posible deducir outra cousa que non sexa confirmar que Rueda, ademais de ventrílocuo de Feijóo en declaracións e discursos públicos, tamén exerceu as súas competencias non para desandar os efectos destrutivos dos gobernos dos que el mesmo formou parte, senón para apuntalalos.
Como quera que ese forzado diferencial se contradí coa realidade e coa máis elemental das teorías políticas (iso que chama autonomismo constitucional é unha tautoloxía de manual), a un só se lle ocorren dúas interpretacións: que Feijóo demostra por enésima vez as súas carencias en cultura política ou que é, tamén por enésima vez, o cínico máis grande que ten parido a política. Aínda que, pensándoo ben, un chega á conclusión de que é neste seu periodo de xusticieiro, sometido á presión ultra de propios (ayusismo) e alleos (Abascal e os seus noirs kaleborrocas) cando esas dúas interpretacións se misturan e se evidencian a través dos seus repetitivos e contraditorios discursos.
Hai que recoñecer que manter como obxectivo difundir a diario unha ración anti-sanchista e pretender ter á vez orixinalidade e capacidade de impacto público non é cousa fácil. De entrada, precisaría para conseguilo dotes intelectuais das que en boa medida carece. E o seu ánimo tampouco é o máis indicado para ese dobre e enrevesado cometido. Ferido polos resultados do 23-X onde máis lle doe, nese seu fabricado pedigrí de ser o designado para consubstanciar en unión mística España e partido, caeu no que máis se lle parece a un permanente estado de revancha. É polo que acabou convertido en refén do manual de guerra que os aznarianos da FAES montaron contra o que consideran un goberno okupa e traidor (aquelo do insultante lema “que te vote Txapote” elevado a categoría política). Con todo iso por diante, aquel obxectivo crítico/propositivo faise imposible.
Se durante os primeiros meses da nova lexislatura, coa anunciada lei de amnistía e os pactos políticos coas minorías nacionalistas no debate público, a estratexia de fogo cruzado para demonizar os acordos cos que “queren romper España” e “humillar aos españois” tivo o seu tirón entre una boa parte da cidadanía española, seguir utilizándoa agora, en hora e a deshora, sen outra letra coa que aportar contido político alternativo, é a maneira máis segura de que quede desactivada, convertida nun mero e reiterativo esconxuro de ritual. Un candidato do PPdG que non se limitase, como fai Rueda, a servir de ventrílocuo de quen encabeza esa cruzada negacionista tería marxe para pensar e estruturar a campaña do 18-F pensando no país que pretende dirixir. Sería o máis intelixente. Porque un ten a sensación de que esa cruzada chegou ao seu punto de saturación e comeza a non ser eficaz. E porque esa traslación da crispación (agora dise polarización) madrileña a Galicia é unha acometida desnaturalizadora do acto democrático por excelencia no que a cidadanía galega decide o que quere que sexa o seu país nos vindeiros catro anos.
Pois non será así. Vexan se non o correlato de ventriloquía entre Feijóo e Rueda a propósito das vindeiras eleccións galegas. Para Feijóo, en declaracións aos medios madrileños: “Galicia puede ser otra de las sucursales radicales del gobierno de Sánchez”. Para Rueda, a toda plana na portada de El Mundo: “Sin el PP, Galicia sería una sucursal independentista”. Ambos os dous:“todas as candidaturas que se presentan na esquerda teñen un único candidato, Sánchez”. E en medio do Nadal personalizou un vídeo de precampaña no que refrendou o insulto (“hijo de puta”) que Ayuso lle propinou ao presidente do goberno enmascarándoo despois co eufemismo “me gusta la fruta”, que Feijóo disfruta coa cesta chea nas mans.
E das políticas que dirixiu nestes 19 últimos meses desde a Xunta non é posible deducir outra cousa que non sexa confirmar que Rueda, ademais de ventrílocuo de Feijóo en declaracións e discursos públicos, tamén exerceu as súas competencias non para desandar os efectos destrutivos dos gobernos dos que el mesmo formou parte (a desaparición do noso sistema financeiro e de algunhas das empresas estratéxicas, a débeda pública que cuadruplicou en balde, un Estatuto hibernado que se negou a desenvolver, unha sanidade degradada e en boa parte privatizada, uns medios de comunicación públicos secuestrados, un decreto de plurilingüismo que mata galegofalantes a esgalla…), senón para apuntalalos. Abonda con dar conta de tres áreas extremadamente sensibles que puxo en mans de empresas privadas: a da enerxía eólica, a das residencias de maiores e a do dereito ao aborto.
Neoliberalismo puro e duro. Que, por certo, choca nesta ocasión electoral cos intereses da flota galega que faena en augas arxentinas. A voráxine ultraliberal e autoritaria de Milei, que tivo en Mariano Rajoy a un dos avais internacionais da súa candidatura, conleva tamén a concesión de licencias de pesca mediante puxa pública. Están en perigo, din no sector, preto de 500 millóns de euros. Por moita afinidade ideolóxica que haxa entre empresarios e PP, pasear a Rajoy como pretenden facendo de avalista de Rueda en Vigo non deixa de ser cando menos temerario.
En todo caso, con eses antecedentes, mellor que Deus nos pille…vacinados.