Foto: Supermates – Traballo propio, con licenza CC BY 4.0. https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=181773081
A recente elección de Rosa Crujeiras como nova Reitora da USC rachou o secular teito de cristal que estaba instalado nunha das institucións mais simbólicas da sociedade galega. Formei parte -durante mais de 40 anos- desa comunidade universitaria e sinto unha fonda satisfacción pola superación desa grave anomalía histórica. Poren, fica no meu pensamento unha interrogante incómoda: como non foi posíbel materializar antes semellante obxectivo igualitario? Por que houbo que agardar case medio século para facer realidade -no ámbito da vida académica- a totalidade dos dereitos recollidos no texto constitucional de 1978? Mais alá dos concretos parámetros administrativos que explican parcialmente esta importante demora hai que incidir nunha consideración xeral ben coñecida: no territorio da igualdade entre homes e mulleres non abonda coa existencia dun corpo legal que proclame tal principio. É imprescindíbel traducir en accións prácticas a vontade igualitaria. Singularmente, por parte dos homes: sen a súa participación activa non cabe agardar a obtención de obxectivos satisfactorios en prazos mais curtos dos que se están rexistrando.
Se repasamos a presenza de mulleres nas aulas universitarias durante as últimas décadas, a conclusión está servida: na grande maioría das titulacións constatase un medre continuado do número de alumnas até acadar unha maioría contundente nalgunhas delas. Se facemos a mesma comparativa temporal no ámbito da xudicatura ou na composición das institucións políticas representativas (Parlamentos, concellos, deputacións) tamén se rexistrou un avance notábel a pesar das desigualdades que seguen presentes nos distintos chanzos das respectivas estruturas xerárquicas: ningunha presidenta da Xunta, poucas alcaldesas, reducido número de maxistradas nos tribunais superiores de xustiza…
Neste contexto de indiscutíbel mellora na dinámica igualitaria que simboliza a chegada de Rosa Crujeiras ao cimo da pirámide universitaria compostelá, persisten determinadas sombras rechamantes. Hai algunhas que merecen ser sinaladas: o importante número de mulleres asasinadas polas súas parellas masculinas, o mantemento dun grande volume de agresións sexuais e a novidade da presenza dun significativo estado de opinión contrario aos avances feministas en sectores de varóns mozos que afirman posuír simpatías polas formacións políticas da ultradereita. Unha análise dos factores explicativos destas realidades preocupantes colocaríanos ante unha imprescindíbel reflexión sobre os mecanismos de socialización que operan nas estruturas familiares, no universo educativo e nas redes sociais.
Os retos que aparecen no horizonte dos vindeiros anos emprazan, certamente, a unha desexábel revisión das normativas legais vixentes para mellorar a efectividade na súa aplicación mais tamén esixen unha acción específica no tecido social para enfrontar este proceso de involución ao que estamos asistindo. En calquera caso, esta necesaria mobilización colectiva non só interpela á poboación feminina. Require un compromiso mais activo dos homes que desexan construír unha convivencia en igualdade.





