Ribeira Sacra, á procura dunha marca territorial

Logo do anuncio, por parte do director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Ángel Miramontes, dos progresos para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, pendente da visita durante o mes de outubro dunha delegación de consultores da Unesco, recuperamos, polo seu interese, este texto de Paula Vázquez Verao sobre a cara B desta candidatura. Publicado orixinalmente en Tempos Novos Nº334, marzo de 2025.

Quizais dende fóra do espazo coñecido como Ribeira Sacra non se entenda que problemas hai encol da candidatura deste territorio a Patrimonio Mundial e se estime que algo así só pode ser necesariamente positivo.  

Vivido in situ, o que sucede é que as xentes que habitamos esta Galicia interior afrontamos o proceso de candidatura a Patrimonio Mundial dende a degradación constante dos servizos públicos, a acelerada caída demográfica – a maioría das parroquias ribeirás perderon o 40% de poboación nos últimos anos-, ou a falta de implicación da cidadanía nestes asuntos, alén dun desprezo polo coñecemento histórico cando non encaixa no relato desexado. Asemade, o principal elemento diferenciador da paisaxe, a viticultura en pendentes aterrazadas, está en serios problemas debido ao avellentamento da poboación produtora, á crise mundial do viño tinto e á falta de protección específica e real a esta viticultura tradicional.

Obras ilegais no mosteiro de San Salvador de Asma.

En primeiro lugar, entendamos que a Ribeira Sacra non é un territorio histórico nin un espazo homoxéneo nin territorialmente recoñecible, xa que engloba ás comarcas caldelá, limesa, á de Quiroga e á de Chantada, incluíndo Portomarín e parte de zona ourensá e de Trives. A Ribeira Sacra é unha Denominación de Orixe (19 concellos), unha área de rehabillitacion integral (25 concellos), un BIC e unha candidatura a Patrimonio Mundial (24 concellos), un “xeodestino” e un Consorcio de Turismo que agrupa 26 municipios das provincias de Lugo e Ourense. 

O nome créase en 1991 como “denominación Viño da terra Ribeira Sacra”, paso previo á creación da Denominación de Orixe vitícola Ribeira Sacra, oficializada en 1995. Con todo, o relato oficial quere retrotraer a “Ribeira Sacra” 900 anos atrás, ao documento fundacional do mosteiro de Montederramo (ano 1124) no que Tareixa de Portugal doa ao abade Arnaldo un lugar chamado “Rouoyra Sacrata” (é dicir, carballeira) que está “in Monte de Ramo, territorio Caldelas”, facendo pasar por boa unha interpretación errónea do século XVII que traducira “rouoyra” por “ribeira”. 

Do relato sobre a Ribeira Sacra estaba excluída toda mención ao franquismo e á brutal represión constatada, así como as consecuencias negativas do impacto dos encoros. 

Así que unha parcela en Montederramo no territorio de Caldelas pasa a ser suposta orixe dun espazo delimitado pola DO vitícola nos anos 90 do século XX contra todo criterio filolóxico e histórico. Mais o que importa é o “relato”. 

Ese relato quería, sen probas, unha viticultura con orixe romana e mesmo unha relixiosidade con continuidade dende os eremitorios altomedievais. Do relato, por suposto, estaba excluída toda mención ao franquismo e á brutal represión constatada, así como as consecuencias negativas do impacto dos encoros, que arrebataron as mellores terras de Sil e Miño a prezo de saldo, destruíron aldeas e moveron igrexas do sitio, mesmo contando con presos políticos como man de obra.  

Este relato plasmado na primeira candidatura da Ribeira Sacra caeu cun informe negativo do ICOMOS (divulgado en 2021) e coa prioridade que o Estado español deu á candidatura de Madrid Paseo de la Luz. As principais recomendacións daquel informe tiñan que ver coa necesidade de maior protección ambiental e a falta de singularidade da candidatura.  

Previamente incoárase un expediente BIC (2018), coa categoría de paisaxe cultural, para este conxunto da Ribeira Sacra, recibindo numerosas alegacións non atendidas, pese aos evidentes erros históricos e cartográficos. 

Calquera figura de protección territorial, por si mesma, non garante a conservación medioambiental e do patrimonio dunha zona: é preciso un modelo global de xestión territorial coherente que aposte pola integración, a sustentabilidade ambiental e a conservación dos bens culturais e non un modelo de destrución, como é o actual da Xunta, que acentuou as diverxencias territoriais e o despoboamento do interior galego. 

As principais recomendacións do informe negativo do ICOMOS tiñan que ver coa necesidade de maior protección ambiental e a falta de singularidade da candidatura.  

Neste territorio xa existían figuras de protección que non serviron para garantir a conservación dos bens culturais e paisaxísticos: plantacións ilegais en Rede Natura, mal estado ambiental de ríos e regatos, falta de ordenación urbanística ou vertedoiros incontrolados son a tónica.

Aldea abandonada en Sober.

Para que funcionen as figuras de protección territorial, un factor fundamental é a implicación da sociedade civil, algo que non sucedeu, pois a Xunta non fixo un esforzo de implicación real da cidadanía. Reunións secretas, reunións abertas pero sen publicitar, recomendacións de que non se fixeran publicamente as suxestións e alegacións, agradecementos a alcaldes e alcaldesas pola “discreción” e unha exposición ordinaria de tres meses dun expediente complexo non bastan para que o conxunto da cidadanía dos concellos da Ribeira Sacra asumira a protección territorial como un valor nin sexa consciente de cales son os cambios que lle orixinará na vida diaria a declaración de BIC. Asemade, descoñécese cal foi o criterio para incluír ou excluír da declaración determinados elementos patrimoniais de grande importancia. 

A falta de participación e escurantismo pode exemplificarse coa convocatoria dun suposto Consello de Parroquias en 2021 avisando só a determinadas persoas. Froito diso, naceu a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra en 2022, aglutinando a máis de  medio cento de entidades. 

Unha vez retirada a primeira candidatura, a Xunta comezou a reformulala, buscando un verniz de participación social que se revelou tardío (a primeira xuntanza foi en marzo de 2024) e falso, pois as reunións foron pouco numerosas e, ao cabo, non se puido cuestionar a orientación da candidatura nin coñecela: a documentación final presentouse na Feira Internacional de Turismo de Madrid sen divulgala entre a poboación nin, a día de hoxe, colgala no Portal de Transparencia. A teor das notas de prensa difundidas, iso si, semella que a candidatura trata de integrar moi diversos aspectos para buscar unha unidade ao redor das “paisaxes da auga” facendo malabares para integrar os encoros do Franquismo no concepto de paisaxe con valor único e universal, nun espazo moi amplo e sen unidade histórica. Todo isto a pesar de que a UNESCO dispón que é fundamental ter en conta as opinións e propostas da cidadanía. 

Pero non hai que enganarse: nestes procesos hai máis de política ca de ciencia. A candidatura irá adiante en 2026 non porque estea cientificamente máis asentada –cuestión que non podemos valorar, pois foi entregada ao Ministerio de Cultura sen facela pública– senón porque se adecúa ao concepto “paisaxes da auga”, porque a Xunta promoveu encontros con expertos da UNESCO que a van avaliar e porque incluíu a ICOMOS España (quen fixera o informe negativo da anterior candidatura) no organismo promotor, sen que por iso se corrixiran os elementos valorados negativamente. 

Calquera figura de protección territorial, por si mesma, non garante a conservación medioambiental e do patrimonio dunha zona. 

A Ribeira Sacra podería avanzar nun turismo como oportunidade de desenvolvemento sostible, mais para iso debe abordar problemas profundos como a falta de planificación, a falta de cooperación interadministrativa, a carencia da vivenda (a burbulla da vivenda turística está a afectar á oferta) a carencia de servizos básicos e de redes de transporte integrado ou os graves problemas ambientais. 

A candidatura non ten apoio social, tópase coa indiferenza xeneralizada. Porque, cando che reducen cada vez mais servizos no Hospital comarcal, tes listas de agarda dun ano para consultas ou probas, non tes pediatra ou che quitan profesorado dos colexios, o que te cuestionas é: Patrimonio da Humanidade, para quen? Non se pode abordar con éxito un proceso destas características cunha sociedade precarizada e vulnerable, cuxo principal ingreso son as pensións. A non ser, claro, que o que se persiga sexa que prosperen os grandes negocios. 

Neste escenario, que é mellor para a cidadanía: que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio Mundial ou abrir un proceso de planificación territorial serio? Tanto ten a resposta, a Xunta xa optou por obter un recoñecemento internacional da marca Ribeira Sacra (na lóxica do “márketing territorial para atracción de turismo de masas” que analiza Xosé Constenla) sen preparar axeitadamente o terreo, e non hai mecanismos para que a xente que vivimos aquí poidamos decidir.