Era entroido. Un tempo propicio para reactivar ese vicio, tan ostentóreo e por iso mesmo tan perturbador, que adultera a política do noso entorno, o da súa teatralización. Ás broncas, trifulcas e algaradas que os expertos detectan nese xa habitual despropósito hai que sumar as terxiversacións, mentiras e desinformacións das que se reviste en época electoral. E moi especialmente por parte, pero non só, de quen detenta o poder e pon todo no asador, incluída a instrumentalización partidaria das institucións, para revalidalo. Vén de suceder entre nós, como as propias xuntas electorais se encargaron de denunciar, abríndolles expedientes a Rueda e o PPdG. E, ademais, sen darlle ao electorado oportunidades non só para poder comprobar o que hai de verdade e o que hai de ficción nas escenificacións partidarias, tamén para contrastar a través do debate público -e dos debates audiovisuais que se lle furtan- os proxectos de país que se lle ofrecen en cada convocatoria. Como igualmente vén de suceder entre nós.
Os malos tiñan cornos e rabos antipatrióticos, proindependentistas, etnicistas, filoetarras, lingüísticos e violadores da Arcadia que funciona e fai felices a cantos a habitan movidos polo sentidiño, esa música ideolóxica que vén engordando unha cultura política de moi baixa calidade.
Abeirar esta realidade nas análises que se fan sobre o proceso electoral que deu na noite do pasado 18-F unha nova maioría absoluta á dereita, é caer na trampa que con tanta eficacia acostuman a tecer, a demanda, os que teñen por oficio e beneficio definir, coas técnicas do marketing político, a estratexia a utilizar, acoutando sempre o campo de confrontación entre bos (os que lles pagan) e malos (tódolos demais). A esa estratexia abonouse o partido do dúo Feijóo/Rueda, como moi ben o explicitaba nos seus mítins un tal M. Rajoy (seudónimo que todos agás o xuíz García Castellón identificamos con facilidade): “O gobierna el PP o entran los malos”. Marco interpretativo, por certo, no que tamén instalou a súa axenda de campaña unha reeditada Brunete mediática (cabeceiras de prensa, tertulias audiovisuais e unha ruidosa burbulla de medios dixitais alimentados con recursos públicos opacos) na súa militante cruzada, desde Madrid e Galicia (unha variante rexional con idénticos síntomas, actuando La Voz de Galicia como mascarón de proa), contra o sanchismo que rompe España e ao servizo do PP. Cos medios públicos da CRTVG metidos tamén nesa engrenaxe involucionista, como quedou demostrado no seguemento que a TVG e a RG fixeron do acontecer electoral, nos telexornais e no fraudulento debate a cinco que un moi feble Rueda nin sequera foi quen de aproveitar.
Os malos tiñan cornos e rabos antipatrióticos, proindependentistas, etnicistas, filoetarras, lingüísticos e violadores da Arcadia que funciona e fai felices a cantos a habitan movidos única e exclusivamente polo sentidiño, esa música ideolóxica que vén engordando desde hai corenta anos unha cultura política de moi baixa calidade. A que cultivan as dereitas co obxectivo de converter o seu ámbito de influencia -de maneira especialmente porosa o da Galicia rural, envellecida e subsidiada- nunha especie de reserva india que conta, iso si, cos seus correspondentes magos/feiticeiros/conseguidores (alcaldes, cregos, coordinadores comarcais…), axentes todos eles e elas en nómina. Nada como remexer en tempo electoral na ola das emocións negativas para encher a tulla. Non só cos votos dos reservistas de sempre, tamén cos daqueles que, por confiaren na preeminencia bíblica dos bos -dos seus conseguidores-, viven instalados no confort abstencionista e só se mobilizan para que non entren os malos. Iso si que funcionou a última hora.
Non foi posible o cambio que desde esta mesma publicación defendemos, por necesario e urxente. E non só por esa cultura do súbdito na que, segundo moitos investigadores, o PPdG mantén cautiva a unha parte moi considerable da sociedade galega, esa que ten no rural e entre o segmento envellecido o seu perfil máis definido. Como se pode deducir dos resultados do pasado 18-F, tamén ten que ver niso a estrutura de poder que, en paralelo coa institucional e orgánica do partido conservador, conforman sectores urbanos e semiurbanos que miden a súa estratexia política en función dos seus propios intereses de clase. Con evidentes contradicións en ambos os dous escenarios, a tenor do que aportan os datos que oficializan a realidade dunha Galicia minguante.
Aínda que con necesidades de diferente natureza e dimensión, a dieta que veu impoñendo a dereita gobernante non fixo senón deteriorar o benestar social para uns e limitar o alcance innovador, de riqueza e de negocio para a maior parte dos outros. Refírome á dieta dun neoliberalismo provinciano, como o formula o economista Albino Prada, que nos últimos anos non fixo máis que confirmar, aténdonos a fontes como o INE e o Consello Económico e Social, a devaluación da sanidade, do ensino e da atención aos maiores, por unha banda, e a fracasada xestión da economía e dos nosos mellores recursos naturais, como o pon de manifesto a caída libre na que deron a produción, o emprego e a poboación, pola outra.
Por non falar da perda de posicións, malia contarmos con empresas pioneiras, en innovación e dixitalización, ao que non é algo alleo que os gobernos da dereita veñan deixando sen executar unha parte considerable do orzamentado en I+D. Restando así recursos que puideran facer viable un futuro estable para milleiros de xoves que se ven obrigados a emigrar. Velaí outro dos dramas: a poboación de mozas e mozos de entre 16 e 34 anos reduciuse ata case a metade nos últimos vinte anos (750.000 no 2002 por 470.000 agora). Outro? Os indicadores de pobreza nesta Galicia do século XXI son moral, social e politicamente inasumibles: case un 25 por cento da poboación está baixo o umbral da pobreza (14 anos atrás non pasaba do 21 por cento).
A parafernalia de opinión xerada e divulgada tanto desde Madrid como desde Galicia xirou arredor dos efectos que os resultados galegos tiveron na confrontación sanchismo/feijoísmo. Nada que ver con esa dura realidade, ignorada tanto nas portadas dos grandes medios como nas tertulias audiovisuais e as páxinas de opinión. E non están tampouco os algoritmos deseñados para acoutar tanto lixo mediático nas redes sociais, que permiten pese a todo un certo (vixiado e limitado) poder de rebeldía. Por caso, para evidenciar que detrás dos vencedores non hai un proxecto de país. E que, á contra do que lle sucedeu ao PSdG, que tampouco o ten e por iso acabou penalizado, o PPdG é quen de ficcionar que o ten, sen que unha boa parte dos que o votan detecten o engano.
Deuse, porén, no BNG un espazo de transversal confluencia que fai pensar na súa capacidade para nuclear o poder político no país. Terá que seguir demostrándoo así que pasen catro anos.