RENOVAR O PACTO CONSTITUCIONAL

por Antón Baamonde

Está claro que a principal arma da dereita é o nacionalismo. A campaña contra os indultos, como hai quince anos a campaña contra o Estatut, galvaniza ao seu electorado. O mapa electoral español está cada vez máis condicionado por ese factor, que non é o único pero que sobredetermina o panorama. Podería suceder que España viva unha saída da crise rápida, que retorne o turismo e se cree emprego, que a pandemia abra paso a uns “felices vinte” e que, no entanto, a conxunción da dereita non perda posicións.

Se PSOE e ERC, como actores principais, conseguen atopar unha vía de reintegración constitucional para Cataluña, o probable é que iso calme os ánimos, evite o retorno da histeria colectiva, facilite a concordia e a paz civil e abra un período de estabilidade.

Quen pode anticipar a conducta colectiva en momentos tan esvaradizos como o presente? Non é fácil. Pero é claro que o que suceda con Cataluña determinará de modo decisivo a evolución da lexislatura e, máis alá, a do clima social. Se PSOE e ERC, como actores principais, conseguen atopar unha vía de reintegración constitucional para Cataluña, o probable é que iso calme os ánimos, evite o retorno da histeria colectiva, facilite a concordia e a paz civil e abra un período de estabilidade.

Sucederá? Esa é a grande incógnita. Todo indica que a Unión Europea non se sinte cómoda co modo en que España xestionou o conflito, coa represión penal do que en definitiva é unha disidencia política e que vai axudar ao actual goberno a reconducir a situación. Volver ao terreo do Estatut de 2006 antes de ser laminado polo TC ou algunha fórmula similar sería o xeito de argallar unha saída.

En definitiva, na miña opinión, o que está en discusión non é a independencia de Cataluña, inviable hoxe a todas luces, senón máis ben dúas formas de entender España.

Creo que hai que entender 2017, a convocatoria da consulta e a non nata declaración de independencia –durou vinte segundos, hai que lembralo- no mesmo sentido en que o fixo o Tribunal Supremo cando concluíu que o motivo real do calificado como sedición era “presionar ao Goberno da Nación para a negociación dunha consulta popular”. Máis claro, auga.

O que os líderes cataláns intentaban era abrir un marco de negociación que permitira, en definitiva, reverter os efectos da sentenza do TC de 2010. Esa sentenza vén afirmar que calquera cousa que aprobe unha comunidade autónoma pode ser esborrallada polo Estado se este así o desexa: deixa a autonomía nunha concesión graciosa. Aparte, claro, da verdade dogmática “non hai máis nación que a española”. Porque no preámbulo –é dicir, sen efectos xurídicos- se declarara o carácter nacional de Cataluña, non ía caer o mundo, nin de feito se poñía en cuestión a soberanía nacional española. Dá case vergoña ter que explicar estas cousas.

Os que queren redefinir España

Non é ningún segredo que boa parte das institucións, dos medios de comunicación e dos intelectuais radicados en Madrid queren redefinir España. Para eles, a distribución do poder operada no período democrático é un obxectivo a bater.

Eses sectores consideran inadmisible que o Estado central teña límites e abominan da diseminación do poder político, mediático, etcétera. Non son liberais: o liberalismo político tende a evitar a concentración de poder e, por tanto, unha excesiva centralización. Nos modelos federais, mesmo no modelo autonómico, os poderes contrapésanse e, xa que logo, limítanse mutuamente. Ese é o ideal liberal, dado que o liberalismo naceu contra a monarquía absoluta: dividir o poder.

Pero, efectivamente, para eses sectores Madrid é España. A expresión de Ayuso non foi un lapsus, nin unha confusión. Máis ben é a expresión pública dunha convicción.

Non é ningún segredo que boa parte das institucións, dos medios de comunicación e dos intelectuais radicados en Madrid quere redefinir España. Para eles, a distribución do poder operada no período democrático é un obxectivo a bater (…) Para eles Madrid é España. A expresión de Ayuso non foi un lapsus. Máis ben é a expresión pública dunha convicción. 

Por outra banda, nunca Madrid –ese certo Madrid das elites aconchadas no Estado- estivo en mellores condicións obxectivas para establecer o seu imperio e mando. Hoxe Madrid é un eixo do mundo global e acumula unha enorme concentración de poder, maior do que en calquera momento anterior da Historia de España, incluído aquel en que o estado liberal deu cabo ao Antigo Réxime.

Os poderes fácticos radicados na capital, os económicos, mediáticos, institucionais, etcétera, están pugnando por asentar a súa hexemonía e, dado que consideran o Estado como cousa propia, intentan establecer relacións de subordinación daqueles outros poderes que escapan ao seu control inmediato. Esta, creo, é a clave do asunto. A área metropolitana, impulsada polo Estado, está recompoñendo a xeografía económica, social e política de España, convertendo toda a península no seu hinterland á costa de despoboala e empobrecela.

O que imos a ver nos próximos anos é esa batalla entre os que apostan por perseverar no actual modelo de distribución de competencias e poderes entre o estado central e as comunidades autónomas, dunha banda, e os que queren asegurar a concentración de poder económico, mediático, social, institucional, etcétera, en Madrid, da outra. Unha arquitectura constitucional que deixe ás comunidades en pouco máis que unha reformulación da división provincial, e aos gobernos correspondentes en pouco máis que deputacións, é o que teñen en mente.

Da súa banda está claro que as institucións e os líderes cataláns teñen que saber ler o momento. A relación de forzas é o que marca a historia, inevitablemente, así que o que teñen que postular é un entendemento plausible. De chegar a un punto de acordo, iso sería bo para todos: daría estabilidade e, se non cegase, cando menos faría hibernar por un tempo esa deriva das elites madrileñas, que a bon seguro seguirán intentando concentrar o poder cos recursos dispoñibles.

A reintegración constitucional de Cataluña a través dalgunha fórmula aceptable aseguraría a paz civil, o que é un obxectivo superior. Está claro que, de non haber un acordo, España sufrirá, degradará a calidade da súa democracia e aumentarán as pulsións autoritarias. Non só iso: España ensimesmarase e perderá enerxías que podería dedicar a outros esforzos. Nada bo virá, en definitiva, da imposibilidade de renovar o pacto constitucional.