«A miña liberdade non existe e eu non son. / Son somente unha miga de esperanza.» (Antón Tovar, Calados esconxuros)
Un relato de Xosé Antón Jardón
Hai tempo que padecemos as doenzas constantes –e mesmo repugnantes– da acción política que tingue completamente de gris marengo, case negro, o mapa hispano. E cústanos barro e fariña saber se esa porfiona enfermidade é a causa ou a consecuencia da ofensiva cultural instigada polos amos do cotarro, fielmente transmitida por uns medios de comunicación cada vez máis submisos e grotescamente representada por unha tropa rancia e revirada que, por mor de ser a herdeira ideolóxica do franquismo, xa se considera propietaria única e absoluta do Estado español.
Non só teiman e gurran para facer minguar os dereitos conquistados –concedidos, segundo eles– senón que, ao ritmo que nos marcan, engulindo acotío as sinais dos límites de velocidade, obrigan á xente do común a renunciar aos máis básicos estándares de calidade democrática, a fin de que o ambiente creado lles vala de esterco para impoñer un clímax axeitado, onde poidan apoderarse de balde dos escasos espazos que deberían conformar, cos matices que se queira, un comunal indiviso ou compartido.
Aos poucos días de coñecerse unha das tantas argalladas das cloacas do Estado –a que lle armaron a Podemos, verbi gratia– o tal Mañueco adxudícalle a dedo, e sen depositar fianza, os incendios aos ecoloxistas, Vox bótalle a culpa da queima aos sindicatos e, mentres entre ambos bailan o arrimado, para intimar contra a violencia de xénero coa “lei de violencia intrafamiliar”, o troleiro maior do reino, Alberto Npunto Feijóo, paséase por eses medios de confianza, adxudicándolle aos outros os alcumes que el leva nitidamente tatuados no papo.
Non nos enganemos; non hai diferenzas substanciais no ideario político de Feijóo e Abascal. Vox ten a patente da multicopista, para imprimir sen custos panfletos reaccionarios, e préstalla gratis ao PP para, unha veces xuntos e outras discretamente distanciados, encher as palestras e as páxinas dos boletíns oficiais do chapapote escorregadizo, co que irán construíndo o firme dunha inmensa rede de corredoiras angostas, repletas de curvas e contracurvas nas que a única saída posíbel é espetarse contra as barreiras, ou tirarse polo mortífero precipicio do silencio.
E, no entanto? No entanto, camiñamos ranqueando, coxeando cada vez máis, mercé á debilidade muscular que o PSOE, Podemos e, tamén, os partidos nacionalistas de esquerda, deixan inzar no corpo social, no canto de buscar o antídoto que nos permita reconquistar as liberdades, a convivencia, a calidade democrática e os dereitos sociais que aqueloutros abafan cada día, sen ningún respecto e sen tregua.
[O meu tío Lisardo opina que, se somos quen de soportar quedos, como estafermos, este cambio climático tan abrasivo, pronto nos queimará, amais da pel e sen que nos decatemos, esa pouca capacidade de pensar e de reivindicar que, nalgunha ocasión, talvez posuímos] .