«Sábio é quem monotoniza a existêcia, pois então cada pequeno incidente tem um privilégio de maravilha» (Fernando Pessoa, Livro do desassossego)
Un relato de Xosé Antón Jardón
Iván Raña, home de varios oficios, dedicou toda a súa vida a currar nunha infinidade empresas e a zugar cervexas nas barras dos bares abertos a desora, para matar o tempo que lle sobraba. Traballou case sempre de albanel, mais tamén foi pintor, carpinteiro, ferreiro e incluso exerceu de fontaneiro municipal. Cando cobraba do erario público, para esfumarse do choio de de cando en vez, argumentaba que ía localizar unha fuga. Foi cando os expertos en sobrenomes lle puxeron o Fugas; e quedoulle para sempre. É ben certo que nunca foi un bo profesional, e o seu lema de cabeceira era: «traballa quen non serve para outra cousa». Cumpriu os cincuenta abrís coincidindo coa crise do 2008 e, ao perder a fe nas empresas e viceversa, o Fugas, aburrido da vida, deixouse levar pola abulia do descoido ata que decidiu arranxar os papeis para cobrar o paro. Percibiu a paga o tempo regulamentario e, nese tránsito da vida, comezou aceptando encargas para facer algunha chapuza.
Nesa situación, de perceptor do paro e profesional clandestino, aínda botou unha boa tempada. Plaxioulle ao seu avogado a técnica da «provisión de fondos» e aprendeu dunha multinacional, na que traballara algún tempo, a refinada habelencia de financiar as cervexas á custa da clientela: pedíalle aos penitentes que demandaban os seus servizos un adianto, para mercar catro sacos de cemento e corenta ladrillos, gastaba a metade en birras e, coa outra metade, mercaba dous sacos e vinte ladrillos. Ao comezar a angueira, como cobraba a diario o correspondente á man de obra, xa dispuña da liquidez necesaria para matar a sede e adquirir o material pendente.
Hoxe en día, mercé a estes tempos de incerteza e desvarío, talvez por mor da guerra, da suba de prezos, da escaseza de profesionais e, sobre todo, por culpa do neoliberalismo asfixiante, ao constatar como medra a demanda dos seus servizos, o Fugas optou por normalizar a anormalidade, como fan moitas empresas e profesionais respectábeis; e deuse de alta no epígrafe de «autónomo somerxido».
O novo rei das reparacións domésticas goza de tanta demanda e ten tantos clientes que xa nin sequera precisa pedir provisión de fondos nin armar aquelas trangalladas financeiras para botar un trago. No seu afán de emular aos grandes, a formalidade do Fugas á hora de cumprir prazos, garantir calidade e outras obrigas non forma parte da súa idiosincrasia. Xa fai como todo cristo. O nivel das súas accións, a diferenza dos seus correlixionarios do Ibex, detéctase cunha facilidade espantosa: se entra no bar e pide unha caña, as cotizacións non andan ben; mais se a súa opción tabernícola é unha cervexa 1906, entón todo indica que os dividendos do Fugas medran marabillosamente.
[Hai uns días, o meu tío Lisardo faloume dos beneficios económicos duns colegas do Fugas, o Banco de Santander e Iberdrola. Seica son os mellores da súa historia. Tamén me falou de moitos profesionais liberais, deses que traballan nas administracións públicas pola mañá e nos despachos privados pola tarde, e contoume que nunca asinaran unha factura na súa vida. E nós? Nós seguimos refungando contra as cativezas fiscais do coitado Iván Raña].