Este ano a enerxética galega Reganosa fai 25 anos. A través da súa planta de regasificación, cuxa construción en Mugardos, no interior da ría de Ferrol, foi obxecto dun forte protesto social na década de 2000, entra todo ou a maior parte, segundo os anos, do gas fósil consumido no noso país. Chega transportado en barcos metaneiros como Gas Natural Licuado (GNL).
Nos últimos anos Rusia e os EUA substituíron a África e América do Sur como os nosos principais fornecedores do combustíbel fósil que, silandeiramente, está a ser un protagonista principal da (non) transición enerxética en Galicia.
Dos 29 metaneiros descargados na regasificadora de Mugardos durante 2023 (o máximo histórico), 20 tiveron orixe en Rusia, sete nos EUA e dous en África. O seu gas foi consumido aquí, agás a pequena parte reexportada (11% en 2022, ano máis recente con datos).
O gas licuado ruso procede da península siberiana de Yamal, unha área de grande valor ecolóxico, onde é explotado por Novatek. Aínda que as súas exportacións contribúen a financiar o estado ruso en menor medida que as de Gazprom, tamén acaban por contribuír a fortalecer o exército da Rusia de Putin.
O gas estadounidense é extraído sobre todo pola técnica do “fracking”, tan impactante que foi prohibida no Estado español. O Parlamento galego rexeitouna por unanimidade en 2013. Só en territorio propio, claro.
O uso do gas fósil, tamén chamado gas natural, medrou máis no noso país no que levamos de século que o de todas as enerxías renovábeis xuntas (ver gráfica). E se, en lugar de nos recursos enerxéticos, puxésemos o foco nos usos enerxéticos finais, comprobariamos que se converteu no terceiro tipo de enerxía máis consumido, por diante das renovábeis térmicas (biomasa, biocarburantes,…) e despois dos produtos petrolíferos e da electricidade. Ademais, hai que ter en conta que a nosa electricidade provén en parte do gas (24% en 2022). Para xerala quéimase en 36 centrais de coxeración de diversas industrias e nas centrais de ciclo combinado de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).
Reganosa e a súa regasificadora de Mugardos naceron, da man do grupo empresarial Tojeiro e da Xunta (PP, bipartito), precisamente para garantir o abastecemento dos ciclos combinados sen ampliar a capacidade de importación a través dos gasodutos de Enagás. Estas centrais de gas, que tamén comezaron a funcionar en 2007, ían substituír, dicíase, as de carbón de Meirama e As Pontes, mentres crecían máis as renovábeis. Porén, estas pouco se desenvolveron nos últimos 15 anos e as térmicas de carbón gozaron de boa saúde até 2019.
Se a mitigación da crise climática se tivese tomado en serio, o carbón, moi intensivo en emisións de CO2, teríase abandonado en 2010, non en 2023. E hoxe estaría moi próximo o fin dos ciclos combinados, principal razón de ser da regasificadora. Mais é agora precisamente cando están no seu mellor momento. Liderando as emisións industriais galegas de CO2 xunto coa refinaría de petróleo de Repsol. E con Reganosa de parabéns.
****
En xullo de 2007, TEMPOS NOVOS dedicou a súa portada a Reganosa. Un traballo de investigación que recuperamos aquí e que puña de manifesto o catálogo de temeridades que supuña a daquela inminente posta en funcionamento da regasificadora de Mugardos.
Subscríbete a TEMPOS DIXITAL para ter acceso á hemeroteca completa de TEMPOS NOVOS. Os pdfs 325 números ao teu alcance.
E, por suposto, os contidos de cada mes en formatos web e pdf por só 0,18 € ao día (un pago único anual de 65 €).