O problema das infraestruturas ferroviarias en España

 

O problema das infraestruturas ferroviarias en España ten a súa orixe na Directiva europea 91/440/CEE, que estableceu a separación das empresas ferroviarias mediante a segregación da xestión da infraestrutura ferroviaria e da xestión dos servizos de transporte. A nivel europeo, cada país seguiu criterios diferentes. Francia, por exemplo, creou un organismo superior por riba das dúas empresas.

En España, a segregación fíxose efectiva en 2005, cando RENFE se dividiu en dúas empresas: Adif, como xestora das infraestruturas, e Renfe Operadora, como operadora do transporte.

O problema comezou precisamente con esa separación, xa que, co paso dos anos, a xestión do sistema ferroviario foise distanciando entre ambas as empresas. As consecuencias desa falta de integración acabaron repercutindo na explotación dos trens, no transporte ferroviario e, especialmente, nos usuarios.

Un exemplo habitual é o corte de liñas e servizos de transporte durante longos períodos para realizar obras, sen que se busquen alternativas que permitan reducir as prexuízos para os viaxeiros.

Neste contexto, nos últimos anos produciuse unha evolución da cultura ferroviaria que levou á externalización de servizos de mantemento, de atención urxente ás incidencias e, por suposto, da execución de novas obras.

As consecuencias foron moi negativas. A cultura do mantemento foise abandonando e substituíndose por unha cultura centrada na execución de obras.

O persoal ferroviario formárase durante anos, mesmo en escolas de formación propias da empresa RENFE. Ese modelo foi substituído pola intervención de empresas externas que, sen cuestionar a calidade coa que executan as obras, presentan carencias nas tarefas de mantemento.

Nos últimos anos, boa parte do persoal dedicouse máis á execución de obras que ás tarefas propias de mantemento.

Un exemplo característico é a rotación do persoal das empresas externas, vinculado a contratos por obra ou suxeito a cambios de posto e de empresa. Fronte a esa inestabilidade, o persoal ferroviario contaba cunha formación continua, antigüidade e experiencia acumulada ao longo dunha traxectoria profesional máis estable que, en moitos casos, acababa converténdose nunha auténtica vocación.

Nos últimos anos, boa parte do persoal dedicouse máis á execución de obras que ás tarefas propias de mantemento. Un exemplo diso é o traballo desenvolvido nas funcións de vixilancia e supervisión das obras.

Esta circunstancia afecta a todos os niveis de persoal, incluídos os cadros técnicos e directivos, que deberían ter unha presenza maior nas tarefas de comprobación e supervisión das instalacións.

O resultado é que se foi menosprezando o traballo de mantemento fronte ás obras de investimento. Mesmo se deixou de investir ou de seleccionar actuacións destinadas a mellorar as infraestruturas mediante tarefas de conservación e mantemento. Como consecuencia, as instalacións deterioráronse e aumentou considerablemente o número de incidencias, unha situación que se agravou co forte incremento do tráfico ferroviario derivado da liberalización do transporte.

Resulta especialmente lamentable que se chegue a sinalar que unha instalación de seguridade fallou en 170 ocasións cando levaba funcionando durante os últimos trinta anos sen rexistrar tantos problemas.

En definitiva, as infraestruturas presentan un déficit de investimento en mantemento, tanto no relativo ás obras como ao persoal. Priorizáronse as novas construcións fronte ás actuacións de conservación e mantemento. Trátase dun problema de difícil solución, agravado pola perda do coñecemento técnico e da experiencia acumulada (know-how) do persoal que foi desaparecendo do sistema.

Con estes criterios veuse actuando nos últimos anos, e producíronse accidentes tan tráxicos como os que coñecemos.

Resulta especialmente lamentable que se chegue a sinalar que unha instalación de seguridade fallou en 170 ocasións cando levaba funcionando durante os últimos trinta anos sen rexistrar tantos problemas. Se as tarefas de mantemento permiten detectar que unha instalación quedou obsoleta ou esgotou a súa vida útil, esa situación debería terse corrixido e resolto con antelación.

A solución pasa por corrixir a actual segregación das empresas mediante algún dos modelos xa coñecidos e, con carácter urxente, mellorar a coordinación entre elas para recuperar a fiabilidade do sistema ferroviario.

Miguel Pavón é Enxeñeiro industrial. Especialista en transportes