PREFASCISMO

por Luís Álvarez Pousa

De pouco serviu que os xigantes tecnolóxicos bloquearan in extremis a verborrea dixital do máis tóxico dos presidentes norteamericanos. E que os medios de comunicación máis influíntes lle cortasen a última hora os seus micrófonos. Todo o que fixeran ata entón uns e outros foi darlle sedal a Trump para que nada lle entorpecese o tiburoneo presidencial. Xa o dixera sen trapos na lingua o capo da CBS nunha conferencia en San Francisco: “Quizais non sexa bo para EE.UU., pero é estupendo para a CBS”. Ampararon o seu papel de gran showman, e por máis que os someteu a un castigo de lapidación poñéndoos a caldo e humillando aos seus xornalistas sempre que estaban a tiro, nunca deixaron de darlle cancha ás súas mentiras. Entre o espectáculo e a ética, sempre escolleron o primeiro. A ética non dá tantos beneficios.

Non importa que se reforce desa maneira a idea de que o diñeiro está para eles por enriba da democracia, e que as grandes plataformas de Internet son os novos mediadores. Unha idea certamente perversa. Se os medios de comunicación tradicionais delegan en Twitter, Facebook, Snapchat ou Twitch esa función, destruirían o último dique de contención utilizado polos seus profesionais para bloquear troleos que normalizan o acoso e a agresión, bulos que lle dan aire ás estrafalarias teorías da conspiración e a fabricación de fake news. Porque non vexo eu a un Zuckerberg (Facebook e WahtsApp), a un Page (Google), a un Gates (Microsoft) ou a un Bezos (Amazón) moi predispostos a exercer ese tipo de mediación.

Sobre todo se, como no caso de Trump, é o propio poder quen emite semellante vomitona de restos tóxicos. E non serei eu quen diga que os chamados medios de comunicación dominantes practican ese imprescindible papel de mediación (entre a verdade dos feitos e a cidadanía) coa dilixencia debida, porque estaría obviando o aficionados que son a exercer de medios papagaio. Pero cando menos temos os cidadáns a oportunidade de esixirlles contas (co artigo 20 da Constitución na man), cousa que en absoluto sucede coas plataformas que, aparte de monopolizar as redes, campan ás súas anchas, sen lei que as controle.

Os wikingos que o 6 de xaneiro entraron no Capitolio a golpe de corneta dixital celebraron de maneira tan provocadora a apoteose da súa proeza. E non se pode entender o sucedido sen ter en conta a súa conexión co poder corrosivo da desinformación e a posverdade que, como sostén o historiador Timothy Snyder, instrumentaliza o prefascismo. Xusto o que está condensado na argamasa, airada e fedorenta, do trumpismo. Que desbordou como fenómeno de masas ao propio Trump. Contando primordialmente coa contribución das redes sociais e coa vista gorda dos medios tradicionais.

Unha escandalosa constatación.