Hai sete anos Elon Musk, daquela dono de Tesla e agora tamén de Twitter ou X, fíxose eco da Teoría da Simulación proposta polo filósofo sueco Nick Bostrom, segundo a cal a realidade na que cremos vivir podería non ser tal, senón unha simulación creada por humanos do futuro con acceso a unha tecnoloxía máis avanzada, dos que nós seriamos avatares ou personaxes nos seus xogos informáticos. Bostrom, no seu día fonte de escándalo por dicir que as persoas negras eran estúpidas, opinaba que isto era tan factíbel como o contrario. Musk escalou o asunto para convertelo na nai de todas as conspiracións, a hostia en meta(verso), ao afirmar que a posibilidade de que o mundo que coñecemos non sexa unha simulación é de unha entre milleiros de millóns. En tempos de explosión da intelixencia artificial semellante alucinación pode parecer unha moda, con antecedentes en filmes como Matrix ou O Show de Truman, pero a idea atópase xa nas filosofías orientais de hai varios milenios ou na Grecia clásica, por non falar de Shakespeare ou Calderón.
A verdade revelada
Os think tanks do Partido Popular semellan ter feito súa a hipótese da simulación, e día tras día achegan evidencias que os seus voceiros respaldan pola vía dos comunicados, argumentarios, discursos ou roldas de prensa. Ou iso ou lle botaron drogha no ColaCao. No universo dos think tanks conservadores inclúense como é lóxico as follas parroquiais que difunden as “revelacións” dese poder oculto e totalitario, tanto en prensa coma en redes ou medios audiovisuais.
A variante conspirativa reaccionaria considera que a realidade foi secuestrada. Cómpre saber ler entre liñas nos acontecementos para descubrir o que de verdade acontece: as eleccións foron amañadas en Correos, a lingua española esmorece asediada nas escolas e no Parlamento, as nacionalidades do norte están prestas a soltar amarras, a política económica de Nadia Calviño raia no comunismo intervencionista, a “ideoloxía de xénero” proponse acabar coa familia e cos homes e mulleres tal como os coñecemos, fomenta a pederastia e pervirte os cativos e cativas nas escolas, o dereito á morte digna abre a porta á euxenesia nazi, as ocupacións de vivendas cos propietarios dentro asolan a clase media, a inmigración constitúe unha invasión descontrolada cuxo obxectivo último é desprazar a poboación autóctona e facer desaparecer a nosa civilización, a relixión e as tradicións, ETA está máis forte que nunca, as coalicións e acordos parlamentarios son o monstro de Frankenstein, as vacinas provocan esterilidade e autismo, os golpes de estado sucédense impunemente, a xustiza europea está conchabada con Puigdemont, o ecoloxismo persegue condenarnos a unha dieta vexetariana para afundirnos na abulia, España pide un mundial de fútbol itinerante para diluír a unidade nacional, e Feijóo tiña os votos precisos para gañar a investidura pero renunciou a eles por decencia e patriotismo.
Por suposto, a xente non chega a coñecer estes manexos e contubernios porque a esquerda é experta en manipular a información, malia o dato de que a case totalidade dos medios estean en mans da dereita, esa anécdota non nos debe levar a engano. Estamos en Matrix pero habitamos unha prisión que non somos quen de ver, ulir ou tocar. Nos comedores escolares e nas festas gastronómicas administráronnos a pílula azul e só percibimos o que eles queren. Que quen son “eles”? Como dixera aquel concelleiro de Murcia, “ese é o tema”.
Se o que temos por realidade é indistinguíbel dun videoxogo ou simplemente é unha camuflaxe do que en verdade acontece, como aseguran o PP e Musk ou Zuckerberg, non hai camiño racional para evitar ser enganados polos realismo máxico e os trucos dos prestidixitadores da esquerda. A solución é outra, temer o invisíbel, desconfiar do material e entregarse á fe, xa no PP toman a pílula vermella e en Vox a do Viagra, eles saberán orientarse no camiño das lousas amarelas e guiarnos ao país das marabillas.
K.O.
Outra posibilidade é que no canto de en Matrix estean a atravesar as fases clásicas dunha Síndrome de Stress Post-Traumática: Shock, Negación, Ira, Negociación, Depresión, Aceptación. Se é así, non dan saído da segunda fase. Tras o shock do seu triunfo electoral e o vestido vermello de Ayuso, comezou o tempo de repartir as culpas daquela vitoria. A culpa foi do candidato pero o candidato négao, a culpa foi de Vox pero Vox négao, a culpa foi dos pactos autonómicos pero os varóns négano, a culpa foi da demoscopia pero os sociólogos négano, a culpa foi dos asesores e da campaña de Verán Azul de Borja Semper, a culpa foi da convocatoria estival, do exceso de confianza nos medios, do electorado, que vota mal e esparexido, a culpa foi do rei, a culpa foi de Zapatero…
O que ocorreu é imposíbel, unha simulación de Matrix, alguén se trabucou coas pílulas e administrou unha sobredose de Viagra nas máquinas de café de Xénova, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, RTVG, A3 Media, Mediaset, es.radio, ABC, El Mundo, La Razón, etc, antes de ter asegurada a parella de baile.
O que ocorreu é imposíbel, unha simulación de Matrix, alguén se trabucou coas pílulas e administrou unha sobredose de Viagra nas máquinas de café de Xénova, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, RTVG, A3 Media, Mediaset, es.radio, ABC, El Mundo, La Razón, etc, antes de ter asegurada a parella de baile. A efervescencia vasodilatadora dúralles pero van ter que aliviarse por quendas e facer contrición no baño. Cando o consigan chegará a Ira, que vai ser bíblica, logo a Negociación na Executiva, máis tarde a Angustia e a Depresión e por último a Aceptación. Tamén do malo se aprende.
Os protocolos de tratamento da Síndrome de Stress Post-Traumática recomendan que se faga algunha actividade relaxante, se coma lixeiro, se tome o aire e non se recorra a substancias que como máximo actúan sobre os síntomas pero non axudan co problema de fondo. Ánimo, que das vitorias grandes tamén se sae.