Como ben nos explicou no seu día o profesor Manuel Castells as dereitas españolas, dende que Núñez Feijóo e a súa equipa están á fronte do Partido Popular (PP), recuperaron unha táctica empregada no seu día por Jose María Aznar, cando este estaba na oposición, e que os anglosaxóns coñecen co nome de Opposition Research e que simplemente consiste en substituír a presentación de políticas e proxectos alternativos, como correspondera a calquera oposición responsable, por ataques persoais e destrutivos aos políticos gobernantes buscando a “destrución da súa reputación” e cuxo descrédito leve ao rexeitamento do electorado, cando non a súa imputación xudicial. Operación para a que contan co inestimable apoio de numerosos medios subvencionados (“a ben pagá”) e de amplos e relevantes representantes do poder xudicial. Incluso de empresas agora especializadas neses produtos.
Así estamos vendo agora cando co gallo das eleccións ao Parlamento europeo, como sucedera nas anteriores convocatorias electorais, o señor Núñez Feijóo, no lugar de presentarlle aos cidadáns dos pobos de España o seu programa para Europa a súa estratexia electoral, se apoia en ataques frontais, directos e persoais a Pedro Sánchez, ben enfocando a persoas do seu entorno mais inmediato como sucede coa súa muller Begoña Gómez a quen, sen probas convincentes, acusan de corrupción e tráfico de influencias, ben afirmando que a aprobación da amnistía, a pesar de ser ratificada polo Parlamento español, máximo representante da soberanía popular, é un acto antidemocrático e inconstitucional. Ataques que buscan, como sinalaba anteriormente, a destrución da reputación do opoñente como paso previo á derrota política.
Núñez Feijóo, a súa equipa e os seus aliados (“a máquina da lama”) esperan con estas tácticas que igual que sucedeu no seu día con PODEMOS e os seus aliados (lembremos, por caso, as mentiras e trolas vertidas sobre Pablo Iglesias, Irene Montero, Ada Colau, Mónica Oltra, Victoria Rosell…), a figura e a imaxe de Pedro Sánchez quede “destruída” para así conseguir o que lle negan as urnas e a vontade popular: o acceso ao poder.
O peor do asunto é que este tipo de tácticas políticas (“a política do escándalo”), que se ven favorecidas polo auxe das chamadas redes sociais, producen un enorme dano ás democracias e abren a porta a líderes populistas que son un auténtico perigo para as liberdades democráticas e a convivencia pacífica como, por caso, estamos vendo hoxe en día en España e en moitos estados da Unión Europea, de Occidente e do Sur global.