A realidade e o estigma da pobreza

Vivimos nunha sociedade do estado do benestar social influídos por políticas neoliberais, dentro dun capitalismo fóra de control, que xeran altos índices de desigualdade, pobreza e políticas reaccionarias. 

A poboación diana sobre a que desexamos reflexionar: aquela que vive en situación de pobreza severa ou no límite da pobreza. Quérese dicir, a cidadanía en paro laboral crónico, traballo estacional continuo-descontinuo, traballadoras e traballadores en traballos non regulados e economía somerxida, perceptores de prestacións sociais das institucións públicas que non cobren as necesidades básicas, persoas sen fogar vivindo en choupanas e chabolas, familias en procesos xudiciais de desafiuzamento. En definitiva, a cidadanía que padece un síndrome de patoloxías biopsicosociais, que vive expulsada e fóra do estado de benestar social, tendo en conta que as políticas socioeconómicas das institucións públicas están moi por debaixo da economía real, porque os orzamentos económicos non fortalecen a xustiza social.  

A ratio de traballadoras de servizos sociais está moi por debaixo das necesitades de atención á poboación empobrecida. Os equipos asistenciais non contan con instrumentos de intervención de urxencias, como sería o acceso a unha vivenda confortable e permanente para persoas que perden o seu dereito ao aluguer de vivenda por lanzamentos (referímonos a familias monoparentais con menores e/ou adultos dependentes ao seu cargo). 

A baixa ratio de técnicos nos servizos sociais xera abuso de burocracia, demora nas xestións urxentes, padecendo as usuarias decepción, frustración, inseguridade e medo, sentíndose non protexidas polas institucións. O feito de que os equipos asistenciais non sexan multidisciplinares provoca que a atención non sexa de calidade, ao non abordar aspectos importantes dos itinerarios de intervención eficaz e eficiente. Cada vez máis usuarias dos servizos sociais deixan de acudir ás suas citas e adherencia aos proxectos de integración, o cal é gravísimo. É ademais un fracaso dos servizos sociais. 

Os equipos multidisciplinares son importantísimos porque a poboación diana da que estamos a falar, ademais de padecer vulnerabilidade económica, padecen angustia, ansiedade, insomnio, medo e inseguridade, viven acovardados e humillados. Todo isto ten un nome, o de maltrato institucional, sendo vítimas de aporofobia. 

Algunhas das consecuencias da pobreza provocan endebedarse, non poder pagar o aluguer da vivenda cos consecuentes desafiuzamentos e lanzamentos. Nunha perspectiva de xénero, a situación que describimos afecta maioritariamente a nais con menores a cargo ou adultos dependentes. A pobreza feminina provoca nalgúns casos vivir en situación de prostitución.  

A carencia de vivendas sociais en réxime de aluguer público é unha das consecuencias más graves da pobreza que baixo ningún concepto se debe deixar ao libre mercado, polo que o Estado, as comunidades autónomas e os concellos deberían proceder a adquirir tódolos inmobles da SAREB e outros fondos especulativos de investimento, así como outros edificios en situación de abandono polos seus propietarios e vivendas de institucións públicas como as de mestres de colexios públicos, de funcionarios de institucións penitenciarias, etc. Con todo este parque de vivendas formar consorcios de institucións públicas que as xestionen para poñelas a disposición das persoas que de maneira urxente máis o necesitan. 

As eivas que constatan os datos 

Vexamos agora os datos que amosan como as gravísimas eivas que constatamos no ámbito da exclusión social afectan numericamente á poboación empobrecida, e como as prestacións sociais están lonxe de cubrir as necesidades básicas. 

No Estado hai 9,67 millóns de persoas en situación de pobreza, o que supón o 20,4% da poboación. En Galicia hai 637.000 persoas nesta situación, o que supón un 23%. En Vigo, unha das cidades máis poboadas, hai 40.000 cidadáns en situación de pobreza, o que supón un 13% do total.  

No Estado hai 9,67 millóns de persoas en situación de pobreza, o que supón o 20,4 por cento da poboación. En Galicia hai 637.000 persoas nesta situación, o que supón un 23 por cento. En Vigo, unha das cidades máis poboadas, hai 40.000 cidadáns en situación de pobreza, o que supón un 13 por cento do total. 

Prestacións sociais: as Pensións non Contributivas son 604 euros ao mes. A RAI (Renda activa de inserción), 480 euros ao mes. A Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) é de 469 euros para unha sola persoa adulta, 87 euros por fillo, 75 euros polo segundo fillo e 62 euros polo terceiro, o que dá un total de 693 euros mensuais como máximo. 

O Ingreso mínimo vital ascende a 604,21 euros para unha unidade de convivencia monoparental de un adulto; 785 euros con un menor, e 1.148 con tres ou máis menores. . 

Os obxectivos da axenda 2030 acordados en 2015 polos estados membros das Nacións Unidas resumen 17 obxectivos da Axenda. Uns obxectivos nos que se establece un plan de desenvolvemento sostible para 2030 que garanta protexer o planeta e a prosperidade a toda a humanidade. 

Entre os seus obxectivos, que prevén cumprirse dentro de seis anos, están os seguintes: 

O consignado como punto número 1: a Fin da Pobreza. 
O punto núm. 2: Fame Cero.  
O punto núm. 3: Saúde e Benestar.  

Porén, transcorridos xa nove anos, apenas hai avances reais. E só quedan seis para recuperar o tempo perdido. Esperamos que unha vez más os dereitos humanos non queden en papel mollado. 

Os coidados e protección á poboación empobrecida deben promoverse a través da xustiza social. A poboación empobrecida debe ser coautora dos procesos da inclusión social a través de dinámicas grupais promovidas desde as institucións públicas, a través da escoita activa dos equipos multidisciplinares, da mobilización da conciencia social da poboación en xeral acolledora da pobreza, e o rexeitamento da aporofobia.  

Hai anos, na Unidade Asistencial de Drogodependencias de Vigo e a través dos programas sociocomunitarios, os doentes e profesionais inscribimos o termo politicoterapia no rexistro de propiedade intelectual. Fixémolo despois de experimentar durante anos as eficacias terapéuticas a través da participación activa en política como instrumento de transformación comunitaria, e a través do activismo de doentes e profesionais en programas de traballo entre iguais.