Donald Trump coma un elefante nunha cacharrada. O novo Presidente dos Estados Unidos, nas súas primeiras aparicións diante dos medios de comunicación, quixo “marcar territorio” deixando algunhas perlas sobre as intencións do seu goberno. Buscando o efecto escénico e o impacto mediático mundial, Donald Trump ameaza con romper non poucas das regras que favoreceron a hexemonía neoliberal no mundo como, por caso, o establecemento de aranceis, que supoñen un enfrontamento coas normas de libre comercio internacional de mercadorías que tanto lle custara impoñer a neoliberal OMC (Organización Mundial de Comercio).
Unha actuación unilateral e totalitaria que se amplía á loita contra a inmigración ilegal, que saltando por riba do dereito internacional e ignorando unha vez máis as resolucións da ONU (Organización das Nacións Unidas), converte os inmigrantes en delincuentes que son amontoados en campos de concentración. Un desprezo que continúa coas súas delirantes ameazas de apropiarse de Gaza (para facer na franxa unha especie de resort turístico!), do Canal de Panamá (para frear o comercio marítimo de China), de Grenlandia (para apropiarse dos seus recursos naturais: gas, petróleo), etc.
Delirios propios dun neofascista que é quen de indultar os que asaltaron o Capitolio, sacar os Estados Unidos do Consello de Dereitos Humanos da ONU, retirar o seu país do Acordo Climático de París, conxelar os fondos para a UNRWA (Axencia das Nacións Unidas para axuda aos Refuxiados) e sancionar a CPI (Corte Penal Internacional) polas súas accións contra Estados Unidos e os seus aliados… entre outras decisións que parece quere ir debullando cada día.
Delirios propios dun neofascista que é quen de indultar os que asaltaron o Capitolio e sacar os Estados Unidos do Consello de Dereitos Humanos da ONU.
En relación co anterior, se se analizan as corporacións que máis investiron na campaña de Donald Trump, entenderanse moito mellor as decisións que este está tomando, e as que están por vir, incluso unha das últimas que está relacionada coa formación dun grupo de traballo no Departamento de Xustiza co gallo de eliminar o que aquel considera “un rumbo anticristián” no Goberno federal. Unha fiscal encabezará o grupo de traballo cuxa misión será “examinar accións de tódolos departamento e axencias durante a Administración de Joe Biden e identificar calquera política ou práctica que poida ser considerada anticristiá.
Contra o que puidera parecer, todas as decisións tomadas deica hoxe por Donald Trump van na dirección de garantir aos oligarcas que financiaron a súa campaña electoral a defensa dos seus intereses para o que aqueles consideran imprescindible, que é substituír o capitalismo neoliberal por unha especie de feudalismo de oligarcas: financeiros (Wall Street), telemáticos (GAFAM), petroleiros (Exxon Mobil), inmobiliarios (Aimco), hostaleiros (Trump Organizatión), fabricantes de armas (Lockheed Martin)…, aos que habería que engadir lobbies israelís (AIPAC) e relixiosos (Igrexa Episcopal) cunha enorme capacidade de presión sobre o poder lexislativo.
Hai algo que Donald Trump debera ter en conta: o mundo actual non é o mesmo que cando el foi presidente dos Estados Unidos na súa primeira lexislatura.
A pesar do barullo e a lóxica preocupación que esperta este cúmulo de decisións totalitarias, cómpre agardar a que pase un certo tempo para ver tanto en que remata este proceder que ameaza con romper tódolos equilibrios internacionais, xa de seu moi inestables, como cales van ser as respostas internacionais (China, Unión Europea, Latinoamérica…), e a propia reacción do pobo estadounidense que será o primeiro damnificado. Hai algo que Donald Trump debera ter en conta: o mundo actual non é o mesmo que cando el foi presidente dos Estados Unidos na súa primeira lexislatura. Tampouco os Estados Unidos é a potencia que foi, e poida que o mesmo pobo estadounidense tampouco, e de feito xa empezan a xurdir manifestacións en diferentes cidades dos Estados Unidos (30 a pasada fin de semana) reclamando se poña fin inmediato ás deportacións e se respecten os dereitos dos inmigrantes. Por outra parte, cada vez máis países, entre os que se atopa España, se unen no seu apoio á Corte Penal Internacional asinando unha declaración na que subliñan que “hoxe en día, a Corte enfróntase a desafíos sen precedente, adoptáronse medidas de sanción á Corte e os seus funcionarios, así como aos que cooperen con ela en resposta ao que a Corte leva a cabo o seu mandato de acordo co Estatuto de Roma”.
Cómpre destacar como se merece o impacto que supuxo a brutal irrupción de China no mercado internacional da Intelixencia Artificial.
En relación á loita pola hexemonía mundial cómpre destacar como se merece o impacto que supuxo a brutal irrupción de China no mercado internacional da Intelixencia Artificial. Unha irrupción que deixou a todos descolocados e fixo tremer as bolsas mundiais coa derruba nas cotizacións das principais empresas tecnolóxicas dos Estados Unidos. A aparición do modelo de linguaxe R1 da compañía Chia DeepSeek puxo en evidencia que a carreira de China pola hexemonía mundial vai moi en serio. Unha carreira na que este enorme país parece ir a velocidade de cruceiro.
Mentres isto sucede en Occidente, no Sur global o Congo segue desangrándose no que se deu en chamar a Guerra Mundial africana. Un desangrado que ten moitísimo que ver coas inmensas riquezas naturais e en metais e minerais estratéxicos (oro, estaño, coltan… fundamentais tanto para a fabricación de teléfonos móbiles como baterías de coches eléctricos) que agocha este país e que espertaron o apetito tanto das grandes empresas multinacionais como de moitos países, dirixentes e líderes, tanto locais como de países fronteirizos. A violencia destes últimas días ten como actores os guerrilleiros do Movemento 23 de marzo, que conseguiron entrar na estratéxica cidade de Goma facendo que se tiveran que desprazar dos seus fogares centos de miles de congoleses. Un avance que lle permite a este movemento guerrilleiro tomar o control sobre minas de coltan, ouro e estaño, que é un dos seus obxectivos. Hai que lembrar que este conflito agora congolés tivo a súa orixe na grande crise de Ruanda de 1.994 onde o enfrontamento entre tutsis e hutus provocou entre 500.000 e 1 millóns de mortos. Un conflito que leva xa 30 anos, no que tamén participan países veciños, como Ruanda (“a Israel de Africa”) e Uganda, que aspiran a repartir o botín e que, segundo fontes internacionais, provocou mais de 6 millóns de mortos. Velaí que se clasifique como a “guerra mundial africana”.
Mentres isto sucede en Occidente, no Sur global o Congo segue desangrándose no que se deu en chamar a Guerra Mundial africana.
Segue o acoso aos inmigrantes por parte dos gobernos occidentais: O Goberno de Meloni (Italia) vén de internar no seu centro de detención de Albania a 49 novos migrantes. A dereita alemá dá ás aos ultra ao propor que se pechen as fronteiras aos inmigrantes. A administración Trump arresta case 1.000 migrantes nun só día e preme para que se impoña unha cota de arrestos diarios mínimos por axente co gallo de subir o número de detención a entre 1.200 e 1.500 por día. Un acoso que tanto fomenta a inmigración ilegal como favorece a explotación laboral